Novas por contido

A Xunta non aumenta persoal para a extinción de lumes

O PLADIGA 2026 non incorpora ningunha praza nova de persoal propio da Xunta para a extinción de lumes no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Mantén exactamente os mesmos efectivos que en 2025: 276 brigadas de terra e 12 brigadas helitransportadas.

Nin máis persoal técnico, nin bombeiro, nin emisorista-vixiante, nin axentes de investigación (UIFO) ou directores técnicos de extinción. O único incremento de persoal propio no PLADIGA 2026 concéntrase en 15 postos de axentes UDEX (para xestión de grandes incendios). En total para o período de alto risco contamos entre persoal directivo, xefaturas, técnicos/as, axentes, vixiantes e emisoristas e bombeiros/as forestais, condutores/as de motobombas…etc (tanto persoal laboral fixo-descontinuo como funcionario) cun total de 3.069 compañeiros/as.

A novidade: o reforzo de medios pola empresa pública

O único reforzo anunciado prodúcese a través da contratación externa con 42 brigadas de terra (168 bombeiros/as forestais). Non se trata de persoal propio, senón como indica no propio Anexo de medios do PLADIGA como “empresa pública”. Polo que dixeron este xoves 26 de marzo en mesa coas organizacións sindicais en SEAGA, non teñen coñecemento de que vaia ser con eles, entón… van acudir a contratar por TRAGSA, unha empresa de participación pública (51%) co goberno estatal?

Cambios limitados nos medios aéreos. O plan incorpora algunhas modificacións —como aumentar avións de carga en terra e elimina anfibios,incorpora un helicóptero pesado e un avión de coordinación—, pero sen supoñer un reforzo estrutural do operativo. E segue directamente privatizado, incluso a grande parte do persoal das brigadas helitransportadas: insistimos en que dependan da Xunta.

Máis convenios municipais, pese ao fracaso do modelo. Tras a vaga de lumes de 2025, que puxo en evidencia importantes deficiencias organizativas, a Xunta non só non revisa o sistema de convenios con entidades locais, senón que o amplía. As brigadas municipais pasan de 184 a 190, afondando nun modelo baseado na fragmentación e na descentralización de responsabilidades que xera riscos e descoordinación.

Os convenios trasladan aos concellos a responsabilidade de contratar, formar e equipar ao persoal. Isto provoca atrasos na posta en marcha dos equipos, que en moitos casos non están plenamente operativos ata ben entrado o verán, cando o risco xa é máximo. Ademais, a atomización dos recursos dificulta a coordinación e reduce a eficacia do dispositivo. E temos que destacar os problemas para conseguir persoal ou de xefes de brigada que “foxen” da precariedade e buscan mellores condicións laborais en plena campaña cos chamamentos de substitución no SPIF.

Persoal non profesional en primeira liña. Este sistema baséase na incorporación de persoal non profesional para tarefas de alto risco. Nun escenario marcado polo cambio climático, con incendios máis intensos, rápidos e perigosos, resulta imprescindible contar con persoal profesionalizado. O contrario supón poñer en risco ás propias persoas traballadoras —moitas delas sen experiencia suficiente—, ao conxunto do operativo e á cidadanía.

Accidentes que non se analizan. Os accidentes graves rexistrados durante a campaña de 2025, que afectaron a persoal en intervención directa, evidencian as consecuencias deste modelo. Porén, o PLADIGA 2026 non incorpora unha análise nin medidas correctoras sobre esta realidade.

Vulneración do recoñecemento profesional. A utilización no PLADIGA do nome de categorías como “peón” ou “xefe de brigada” para o persoal que realiza tarefas propias de extinción tanto na empresa pública como nos concellos ou na privada, supón un grave retroceso no recoñecemento profesional. O Código Nacional de Ocupacións e a Lei básica de bombeiros forestais aprobada en 2024 establecen claramente a figura de bombeiro/a forestal como referencia para estas funcións. Non empregar esta denominación implica deixar a este persoal fóra de dereitos fundamentais vinculados á súa actividade, como o horario e descansos, recoñecemento de enfermidades profesionais, a xubilación anticipada ou a protección en materia de saúde laboral.

Un modelo fracasado que non cambia. En definitiva, o PLADIGA 2026 mantén conxelado o persoal público da Xunta, incrementa a dependencia de medios externos e afonda nun modelo atomizado e que xa demostrou as súas graves eivas que nos pon en risco ao persoal e a sociedade galega.

Dende a CIG-Autonómica reiteramos a necesidade dun servizo de incendios forestais 100% público, profesionalizado e único, con igualdade de condicións laborais e salariais e que non dependa de quen te contrata e que, en definitiva estea a altura dos riscos que afronta Galiza.

Outras novas recentes

Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...