Novas por contido

O persoal auxiliar e administrativo dos centros de ensino continúa a sufrir unha situación de infravaloración e abuso organizativo que resulta inadmisíbel. A pesar da percepción errónea de que se trata de “persoal de mesa e ordenador”, a realidade evidencia que non está exento de soportar decisións arbitrarias por parte dalgunhas direccións, que non comprenden —ou non queren comprender— que este colectivo desenvolve funcións profesionais definidas e non está ao servizo persoal nin dos equipos directivos nin do profesorado.

Dende a perspectiva da CIG, resulta inaceptábel que se pretenda dispoñer deste persoal de maneira permanente, con requirimentos constantes e en horarios irregulares, co único obxectivo de “telo a man” ante calquera eventualidade. Non se pode normalizar que o persoal administrativo teña que cubrir, de facto, todo o horario de apertura dos centros para suplir a falta de planificación das direccións. Esta dinámica supón unha clara vulneración das condicións laborais e unha mostra de desorganización que a Administración non pode seguir tolerando.

Nun contexto no que a administración electrónica é xa a canle ordinaria de relación coa cidadanía, carece de sentido manter prácticas baseadas na improvisación e na urxencia permanente. As solicitudes, trámites e xestións da comunidade educativa poden —e deben— realizarse por medios telemáticos, dentro dos prazos establecidos e sen necesidade de someter ao persoal administrativo a unha dispoñibilidade constante e inxustificada.

Sobrecarga e responsabilidades impropias

A situación agrávase pola evidente insuficiencia de persoal administrativo na maioría dos centros de ensino. Os rateos actuais, baseados no número de alumnado matriculado, están completamente obsoletos e non responden ao volume real de traballo nin á crecente complexidade da xestión administrativa.

Na práctica, moitos centros contan cunha única persoa, habitualmente do subgrupo C2, que carece de competencias recoñecidas para asumir responsabilidades de xestión. Porén, ante a falta de persoal de categorías superiores e o desleixo organizativo de determinadas direccións, este persoal vese obrigado a asumir tarefas de maior responsabilidade: xestión de bolsas e axudas, tramitación económica, emisión de pagos ou xestión de servizos complementarios, entre outras. Esta situación supón un claro abuso funcional e unha desvalorización profesional inaceptábel. Ademais, increméntase a sobrecarga ao trasladarse ao persoal auxiliar administrativo tarefas propias do profesorado, como a introdución de cualificacións, o rexistro de faltas de asistencia ou a elaboración de documentación avaliadora, funcións que non lles corresponden.

Por outra banda, nos centros que non contan con persoal de secretaría, son as propias equipas directivas as que denuncian ter que asumir estas tarefas, en detrimento das súas funcións pedagóxicas. Esta realidade evidencia a necesidade urxente de dotar todos os centros de ensino de persoal administrativo suficiente.

Reivindicacións da CIG

Ante esta situación, a CIG considera imprescindíbel a apertura dun proceso de negociación que culmine nun Acordo de condicións laborais para o persoal non docente dos centros de ensino da Consellería de Educación. Este acordo debe incluír, cando menos:

  • A dotación suficiente de persoal auxiliar administrativo en todos os centros.
  • A actualización dos rateos conforme ás necesidades reais.
  • A delimitación clara de funcións, evitando a asunción de tarefas impropias.
  • O recoñecemento profesional e retributivo acorde ás responsabilidades asumidas.
  • A regulación dos horarios e da dispoñibilidade, garantindo condicións laborais dignas.

Só mediante estas medidas será posíbel poñer fin á situación de precariedade e garantir un funcionamento eficaz e xusto do sistema educativo público.

Se queres informar ou denunciar a túa situación particular, contacta coa CIG

Outras novas recentes

Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...
Luns, 14 Setembro 2026

A CIG denuncia que a Xunta precariza o persoal formador en lingua galega

O deber legal de capacitar o persoal público en galego non pode depender de convenios temporais nin asentarse na precariedade laboral A CIG esixe a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, ao que a Xunta duplicou a carga de traballo dende o  1 de setembro. A sobrecarga pon en risco os...
Martes, 15 Setembro 2026

A Xunta de Galiza discrimina na carreira profesional ás súas traballadoras en redución de xornada por conciliación

A CIG denuncia que Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras.Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver  denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez...