Novas por contido

O 24 de abril de 2026 fomos convocadas á xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) da Consellaría do Medio Rural, cun atraso de máis de 3 meses. Nela tratamos as actuacións nos laboratorios de sanidade animal; a avaliación da maquinaria e o acordo da mesa de traballo da roupa de Agacal; as deficiencias das oficinas agrarias comarcais; a planificación preventiva para 2026; e as obrigas de fotoprotección do persoal e as medicións de radon na Consellaría. 

Após do remate abrupto da anterior xuntanza, na cal non se trataron todos os puntos, aínda tiveron que pasar máis de 6 meses para esta convocatoria. Neste senso, levamos tempo reclamándolle á presidencia do Comité que a periodicidade das xuntanzas ten que ser trimestral, tal e como indica a Lei 31/95 de prevención de riscos. Após un novo compromiso da presidencia, e pola insistencia da CIG, a vindeira xuntanza do CSSL do Medio Rural será na semana do 15 ao 19 de xuño.

Deseguido achegamos os temas tratados, que poden ser do teu interese:

1. Actuacións nos laboratorios de sanidade animal

Despois de enviar un escrito, após as queixas recibidas por parte das persoas traballadoras, solicitamos información sobre os seguintes laboratorios.

Laboratorio de Salcedo: comunican que xa puxeron unha porta de seguridade e un xerador eléctrico para corrixir as eivas. Teñen pendente de realizar unha obra estrutural da que irán informando.

Laboratorio de Mabegondo: ante as peticións de aumento da seguridade, xustifican que ten a mesma que o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite e o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galiza.

Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galiza: din que as gardas de noite están no acordo de alertas sanitarias veterinarias e é neste acordo onde se deben de negociar.

2. Avaliación de toda a maquinaria de Agacal. Situación actual e medidas correctoras

• Por mor da demanda interposta pola CIG na Inspección de Traballo, retiráronse as máquinas que incumprían a normativa no CIAM e realizaron investimentos en renovación de maquinaria e apeiros.

• Realizaron unha auditoría no resto de centros de investigación de Agacal. Están a precintar os equipos que non cumpren. Solicitamos que se lle comunique ás traballadoras que equipos non se poden empregar.

• Afirman ter realizada unha auditoría de todos os centros de Agacal. Porén, reclamamos que nos centros de formación e experimentación agroforestal, nomeadamente o CFEA de Sergude, non implantaron até o momento as medidas correctoras.

3. Deficiencias nas oficinas agrarias comarcais

Oficina Agraria Comarcal de Caldas: mudouse o sistema de climatización, pero recoñecen que aínda non quedou solucionado o problema. Están pendentes de arranxalo.

Oficina Agraria Comarcal da Estrada: solucionaron os problemas de humidade e desconforto térmico.

4. Planificación preventiva para o 2026. Avaliación de riscos

Solicitamos de novo información sobre a previsión de peche e apertura dos centros, sobre todo do SPIF, xa que non pode ser que a información veña pola prensa ou polo ruxe-ruxe do servizo. Ademais, cando asistimos ás avaliacións iniciais, detectamos incumprimentos básicos (nos circuítos limpo-sucio, nas zonas de descanso, etc.).

Seguimos insistindo tamén en que non se pode poñer en funcionamento ningún centro sen avaliar, cousa que xa ten sucedido.

5. Acordo da mesa de traballo da roupa de Agacal

A roupa entregada a raíz da mesa de traballo introduce melloras, mais o acordo non se cumpriu na súa totalidade e as persoas delegadas da CIG así llo fixemos saber.

Solicitamos unha nova reunión da mesa de traballo, a documentación das licitacións e o cumprimento do pactado coa representación sindical.

6. Cumprimento da normativa de fotoprotección no ámbito laboral para todo o cadro de persoal da Consellaría do Medio Rural

Reclamamos que se lle proporcione fotoprotección a todo o persoal de campo da Consellaría. Na próxima xuntanza do Comité traerán datos da protección entregada.

7. Informe de medicións de gas radon nos centros da Consellaría do Medio Rural

Informan de que aínda están tomando datos. Dende a CIG solicitamos que se informe ao persoal das actuación que se están a levar a cabo e que, en canto teñan eses datos, se nos trasladen de xeito inmediato. As medicións fixéronse primeiro nas oficinas agrarias comarcais, agora estanse a realizar nos distritos e, por último, irán aos centros de Agacal.

Se tes algunha achega para este Comité, contacta coas delegadas e delegados da túa provincia; elas e eles transmitirannos as túas contribucións. Tamén podes enviarnos unha mensaxe á CIG-Autonómica.

 

Outras novas recentes

Mércores, 09 Setembro 2026

Modificación RPT; datas actos de elección destinos; SPIF; oficinas emprego; finanzas (CP 09/09/26)

Á Comisión de Persoal do mércores 9 de setembro, foi como único punto da orde do día a proposta de modificación de varios postos na Relación de Postos de Traballo (RPT) das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración, e de Presidencia, Xustiza e Deportes, a causa da execución de sentenzas de persoas que reclamaron destino definitivo no posto que ocupaban en provisional....
Mércores, 02 Setembro 2026

Carné de conducir + Persoal auxliar coidador

Chegounos información nestes días, de que persoal auxiliar coidador estaba a recibir un correo electrónico do Servizo de Selección de Persoal (Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal), no que se lle informaba de que "para os efectos de acreditar estar en posesión do carné de conducir tipo B que se precisa para desenvolver determinados postos da escala...
Mércores, 09 Setembro 2026

A CIG advirte do risco de colapso dos cursos de galego da EGAP

A Xunta asigna dous cursos simultáneos de teleformación ao persoal da Secretaría Xeral da Lingua, cuxos postos son a media xornadaA CIG esixiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua para garantir os cursos de...