Novas por contido

E quen será a dirección nas escolas do Consorcio… (será un paquete sorpresa?)

Na mesa de negociación de hoxe, 19/05/26, dende a CIG quixemos trasladar unha serie de cuestións que preocupan ás traballadoras das escolas infantís, e así vimos recollendo, ante a previsión de comezar o vindeiro curso 26/27 nos novos destinos e así non interferir no traballo educativo que supón o inicio de curso cos períodos de adaptación do alumnado:

1. Hai traballadoras/as que estabilizan (educadoras/es infantís A2 ou técnicos en educación infantil C1) e que aparecen nas listas de aprobadas tanto no concurso como no concurso oposición de estabilización. Sabemos que ao elixir en concurso xa decaen de concurso oposición, pero esa depuración da lista cando a farán? Previa a elixir destino para que poidan “subir” na lista todas aquelas persoas que quedaran fóra? Nesa actualización da nova lista de aprobadas/os entendemos que xa inclúen outras cuestións que fixeron que decaeran das listas de aprobadas (listas que nalgún caso teñen ano e medio).

A DXEP indica que na resolución para o acto de elección de destino, (previsiblemente en xullo) as persoas que aprobaran varios procesos van sair na resolución e teñen que renunciar a todos menos a un deles. Previamente á publicación deste acto de elección de destino, a Xunta sacará un listado actualizado das persoas aprobadas (hai persoas xa xubiladas, etc).

⇒ Posteriormente e previo ás tomas de posesión, sairán novos listados de aprobados cubrindo os postos deixados polas persoas que renunciaron.

2. As persoas que aprobaron nos procesos de oposición (C1) posteriores a estabilización entrarán no acto de elección de destino próximo? As últimas xa entregaron en febreiro toda a documentación tras a publicación da lista de aprobadas e non tería sentido que non o fagan xa que o paso seguinte é a elección de destino. Insistimos que deberían de elixir xa e así deixar rematados os procesos, porque… para que agardar máis?

⇒ Sobre este asunto, a DXEP indica que revisarán en que situación se están para poder incluílas.

3. Outra cuestión que queremos abordar é que todo o persoal do grupo A2 está moi preocupado coa maneira de adxudicar os postos de dirección nas escolas do Consorcio. Na RPT de Política Social, no caso das escolas infantís do Consorcio, non aparece recollido a cal das persoas que ocupen un posto de A2 na escola se lle adxudicarán estas funcións. Os niveis son os mesmos para calquera posto do A2, pero unha das funcionarias vai ter a función de dirección.

Isto non sucede nas escolas da AGASS, que si aparece o posto cun nivel superior polas funcións de dirección que veñen especificadas.

Co cal, o que trasladamos dende a CIG é: como pretenden entón que as persoas elixan destino sen saber que posto ocuparán? Onde está recollido o complemento de dirección que non aparece na RPT? Xa as persoas que están participando no concurso de traslados se atoparon con este problema e isto non é nada serio xa que se elixe destino cun ollo tapado porque logo podes levar o paquete sorpresa.

⇒ Ante esta cuestión a DXEP traslada que “AGASS é un ente e o Consorcio é outro ente” e cando se incorporen as persoas do A2 ao posto “se decidirá nese momento”.

Emprego Público, segue agochando a cabeza e se inhibe de tomar unha decisión. As respostas non son propias de quen ostenta o cargo coa máxima responsabilidade en xestión de persoal da Xunta de Galiza.

4. E para rematar, tamén precisamos saber como será a xestión das vacacións porque outros cursos a estas alturas xa as estaban marcando (as do propio ano en agosto, co peche das escolas). E tamén se os AP´s os perderían ou se conservan.

Emprego Público di que o tratará co Consorcio e AGASS e nolo trasladarán.

 

A CIG continuará defendendo os dereitos das traballadoras porque querer ter información e transparencia de cuestións básicas, non debería ser unha loita! Pero se hai que loitar, aí estaremos!!

Outras novas recentes

Mércores, 15 Xullo 2026

Xuntanza con Medio Rural: coeficientes reductores e concurso específico para o persoal técnico

Na xuntanza do día 14 de xullo coa Consellaría de Medio Rural sobre o persoal enxeñeiro de montes e enxeñeiro técnico forestal, tratouse, entre os puntos da orde do día, as bases para a provisión de postos de concurso específico (consulta pinchando aquí a información deste punto) e a solicitude de coeficientes redutores para a xubilación anticipada. Coeficientes redutores A...
Luns, 20 Xullo 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de educación infantil e auxiliar coidadores

No DOG do 20/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos,...
Venres, 17 Xullo 2026

Oposicións a enx.agronómica, agrícola, obras públicas, informática e arquivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial do xoves 16 de xullo, tratáronse as convocatorias de diversos procesos selectivos: enxeñaría agronómica e informática (A1), e enxeñaría técnica agrícola, obras públicas e arquivos (A2). Viña tamén o proceso selectivo de persoal veterinario, pero non enviaron a documentación polo que foi retirado da orde do día (probablemente quede para a semana que ven)....