Novas por contido

Esiximos a convocatoria da comisión paritaria ante unha resolución arbitraria da Dirección Xeral de Función Pública que limita as adscricións do persoal laboral e elimina as superiores categorías.

A CIG e UGT rexistraron unha solicitude de reunión da Comisión Paritaria do V Convenio Colectivo Único para forzar a que a Administración negocie, e non impoña, directrices nas permutas, adscricións provisionais e de superior categoría previstas no V Convenio. 

Sentenzas recentes recoñecen que o persoal temporal tamén se pode acoller as adscricións como o persoal fixo e se deberan tratar no marco da Comisión Paritaria recollendo este dereito no marco da regulación laboral na Administración autonómica que son os artigos 7, 15 e 17 do V Convenio. 

Porén, a Xunta fai o contrario: utiliza a vía da imposición para limitar todas as adscricións ao persoal laboral fixo (categorías que se funcionarizan) e cárganse as adscricións por superior categoría e permutas por medio dunha resolución. 

Asi, afectadas pola funcionarización, a Xunta decidiu limitar temporalmente as adscricións ata o 30 de xuño. Que vai pasar a partir desa data? Todo indica que antes das vacacions o persoal terá que volver ao seu posto de traballo en propiedade, lesionando os dereitos das traballadoras e traballadores desprazados e atentando contra a xestión dos centros xa que complica enormemente a contratación do persoal substituto no verán. Aquí perdemos sempre os traballadores e traballadoras con posibles denegacións de vacacións e ceses de temporais. 

En conclusión, a Dirección Xeral de Función Pública lesiona unha vez máis un dereito do V Convenio, desta vez en “aras da funcionarización”. O que sí vai facer sen dubida é provocar un caos no servizo público que solo van poder solucionar limitando dereitos
 
Para a CIG cun concurso de traslados previo todo isto non pasaría e con negociación poderiamos estudar solucións. Deixar en mans do director xeral e dos seus monaguillos a funcionarización é un auténtico salto o vacío. 

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) 167/2021 do 16 de marzo de 2021, polo que se recoñece o dereito ao persoal laboral temporal e funcionario interino a solicitar e percibir o grao extraordinario de carreira cobra firmeza dentro de 1 día (venres 16) se a Xunta non a recorre en casación. Nese caso, e si os xulgados lle admiten o recurso, alongaríase a percepción deste dereito aumentando os custes xudiciais.

E isto sendo a Xunta consciente de que a xurisprudencia é clara, e habendo infinidade de casos (Illes Balears, Catalunya, etc) onde o Tribunal Supremo fallou no mesmo sentido que o TSXG, o que significa que no caso de recorrer, a Xunta só pretende alongar a agonía e privar temporalmente ás persoas empregadas públicas dun dereito que ao final van conseguir.

Ao coñecer a sentenza presentámonos ante a Dirección Xeral de Función Pública e demandámoslle que abrira de seguido o prazo para presentar as solicitudes de recoñecemento de grao extraordinario con efectos do 1 de xaneiro de 2019.

Esixímoslle ademais:

1.Que renuncie ao recurso da sentenza do TSXG.

2. A apertura dunha mesa negociadora para abrir o prazo para a solicitude do grao extraordinario do persoal laboral fixo e indefinido non fixo, temporal e funcionario interino.

3. Que se comunique ao persoal fixo que non é necesario devolver as cantidades percibidas da carreira de non se funcionarizar para evitar a chantaxe.

4. A aplicación do segundo grao de carreira para todo o persoal que cumpla os requisitos.

Función Pública enviounos un borrador de prazas para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos:

Na comunicación que recibiu a CIG de posta a disposición da proposta de relación de postos non se acompaña de información relevante: Propoñen destino provisional ou definitivo? Cales son os criterios seguido á hora de escoller os postos?

Para a CIG o ideal é que unha vez resolto o respectivo concurso de traslados, as prazas vacantes sexan ofertadas en destino definitivo, primeiro ao persoal de promoción interna, e despois ao de libre. Pero cando un concurso leva anos de retraso, a cousa se complica. Así, o destino provisional, sen ser a mellor alternativa, tal e como están enleadas as cousas probablemente sexa a opción menos mala.

Supoñendo que estamos ante un destino provisional, este tipo de destino non pode prolongarse indefinidamente no tempo. Reclamamos que se impulse o concurso de traslados (respectando así o dereito do persoal á mobilidade voluntaria e á promoción profesional), e inmediatamente se convoque a oferta definitiva de postos.

Nese suposto de destino provisional, a CIG defende:

  • Que para a promoción interna, o destino provisional sexa voluntario.
  • Que se oferten todas as vacantes que non teñan algún impedimento legal.
  • Que os criterios seguidos, sexan estes conformes ou non á visión da CIG, sexan aplicados por igual a todos os postos, evitando discriminacións entre uns e outros.

Se queres aportal algo, podes contactar coa CIG.

A funcionarización do persoal laboral fixo estableceuse mediante o Acordo de Concertación asinado por CCOO e UGT coa Xunta o 15 de xaneiro de 2019. 

En pleno nadal de 2018 a Xunta xuntou nun único acordo o Plan de establización, a oferta de emprego público, a suba salarial, o acordo de mellora do emprego, a carreira profesional e a funcionarización. Era unha estratexia da Dirección Xeral de Función Pública para que tragáramos cunha funcionarizacion sen garantías e cunha carreira profesional que deixaba fóra ao persoal laboral fixo, temporal, funcionario interino e indefinido non fixo.  

Quen si tragaron foron CCOO e UGT, sabedores de que era un acordo con grandes eivas, pretendían arranxalo no marco da Comisión de Seguimento, deixando de paso fóra a maioría sindical establecendo un sistema torticeiro emulando o chamado Pacto Social onde protagonizan a negociación colectiva cos gobernos a cambio dun trato favorable. 

Agora estamos de cheo cos procesos de funcionarización que seguen a ser sen garantías a ver se os “negociadores” deste “gran acordo” nos din...Que vai pasar? 

  • Co concurso de traslados
  • Por que uns van a unha escala e outros van a outra coa mesma titulación
  • Cos pluses salariais do posto
  • Que niveis van a encadrar no posto de traballo que ocupo
  • Coas persoas que están nunha praza en adscrición
  • E coas adscricións provisionais e por superior categoría?
  • E a promoción interna?
  • E o resto de dereitos laborais do V Convenio
  • E o persoal temporal que van obrigar a pasar a funcionario interino, quedará sen dereito a indemnización? Que salario vai ter? 

Daquela xa avisabamos que as cousas non ían ben asinando “a cegas” e recordamosche aquí o noso boletín especial.

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un borrador de criterios de reparto do FAS-2020, cos mesmos recortes que comezaron no ano 2011 e que o deixaron sen diñeiro e coa desaparición de case todas as medidas.

A proposta reparte un máximo de 2 millóns de euros, o que significar un recorte de máis de 7 millóns respecto dos 9 millóns que tiñamos no 2010, cunha única modalidade de fondo, a de atención a persoas con discapacidade, cando no ano 2010 tiñamos axudas, desaparecidas, por: xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda ou gastos sanitarios.

No ano 2012, en medio da crise, o Goberno de Feijoo impulsara a Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, que entre outras medidas deixou o FAS do ano 2011 en nada. Pasaron os anos, o Presidente da Xunta presumiu de que saíramos da crise, pero as "medidas temporais" continuaron no tempo.

En todos estes anos o goberno de Feijoo non amosou a máis mínima intención de reverter os recortes do FAS. Xa que logo, as alegacións da CIG volven ser similares ás de anos anteriores. Queremos recuperar todas as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes. E a partir de aí, falamos, pois hai moitas outras medidas que queremos meter, como axudas para aluguer, ou novas como mitigar as consecuencias do COVID-19 ou o gasto que moitas e moitos empregados públicos tiveron que facer fronte á necesidade da dixitalización dos fogares.

Non queremos perder o horizonte do que é o FAS: non é unha retribución pola categoría profesional ou o traballo realizado, senon unha acción que axude a mitigar a maior ou menor carga económica que sufra un/unha empregado/a público/a en función das súas circunstancias (familiares, sanitarias ou sociais).

O importe global actual é ridículo. Mantemos a nosa reivindicación de chegar ao 1% da masa salarial. Pero como mínimo, para comezar a discutir, recuperar os importes subtraídos no 2011. Para facernos unha idea do que falamos e da evolución que esto levou, vai un cadro coas modalidade e importes dos anos 2010 e 2020:

 

FONDO DE ACCIÓN SOCIAL

2010

2020

 CONTÍA GLOBAL

 9.136.392 € 

 2.000.000 € 

 CONTÍAS MÍNIMAS POR MODALIDADES

Atención á discapacidade 1.300 € 2.160 €
Xubilación 3.500 € 0 €
Fillos/as menores 150 € 0 €
Estudo de fillos/as 90 € 0 €
Estudo do persoal da Xunta 200 € 0 €
Adquisición de vivenda 1.532 € 0 €
Maiores a cargo 200 € 0 €
Gastos sanitarios (tratamentos, próteses) 60 € 0 €
Gastos sanitarios (produtos alimentarios) 60 € 0 €

 

Para rematar, queremos compatibilizar as axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

A Consellería do Medio Rural terá que adaptar o horario e indemnizar ao traballador logo de negarse sequera a negociar tal e como recolle a lei.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratificou a sentenza que gañara a CIG no xulgado do social de Ourense en marzo do 2020. Esta sentenza recoñece o dereito do traballador a adaptar a quenda de traballo por conciliación familiar sen ter que reducir a xornada nin o salario.

O pasado 5 de decembro 2019, o traballador do SPIF fixera a solicitude de adaptación horaria para poder conciliar a vida familiar e laboral diante da Consellería do Medio Rural. Esa solicitude fíxoa en base ao recollido no Real decreto-lei 6/2019 de 1 de marzo de medidas urxentes para a garantía de igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres no emprego e na ocupación.

O traballador solicitaba unha adaptación da quenda de traballo que lle permitira poder cumprir o horario laboral á vez que axeitar o horario ás responsabilidades familiares, tal e como recolle o decreto.

O 14 de xaneiro de 2020, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, dera resposta negativa á petición, motivo polo que acudiu ao xulgado para defender un dereito fundamental acollido pola norma.

No articulado dese decreto recolle o dereito do traballador a solicitar a adaptación da duración e distribución da quenda, na ordenación do traballo e na forma de prestación, cando as/os traballadoras/es teñan fillos/as menores de 12 anos.

Tamén recolle o decreto que diante dunha petición, a empresa abrirá un proceso de negociación co traballador no prazo de trinta días. A Consellería do Medio Rural, nin sequera iniciou tal negociación e cinguiuse a desestimar a petición.

Non é de estrañar este comportamento a medias entre a soberbia e a necidade nestas cuestións, tendo en conta que o propio decreto de medidas para a conciliación establecía o prazo dun ano para acadar o plan de conciliación na empresa, e na Consellería do Medio Rural, a día de hoxe, xa pasado o ano, seguen sen plan e a velas vir.

A sentenza brinda unha primeira vitoria neste campo no que os servizos de emerxencias (e máis en concreto no SPIF), estaban apartados automaticamente polo mero feito de traballar neste sector.

A día de hoxe o traballador, que desfrutaba da execución provisional, foi apartado das súas funcións pola xefatura de distrito, baixo a escusa da provisionalidade da sentenza e da dificultade de adaptación, incorrendo, ao noso entender, noutro posible delito contra este por parte da Consellería. Esta parte está neste momento en fase de asesoramento xurídico e tamén á espera de si a ratificación da sentenza devolve a normalidade ás partes.

Dende a CIG consideramos esta sentenza un paso importante no camiño cara unha conciliación real e efectiva, e convidamos á Xunta a retomar o camiño da negociación para así cumprir a norma, evitar un ronsel de denuncias, e cumprir coas obrigas legais máxima cando estamos a falar da Administración pública e incumprimentos de dereitos fundamentais.

A Dirección Xeral de Defensa do Monte activa e desactiva o “periodo extraordinario”

O venres 26 de marzo de 2021 a Dirección Xeral de Defensa do Monte activaba o período “extraordinario” de prestación de servizos para o persoal do SPIF. Neste comunicado xa se establecía algún concepto que xeraba confusión, posto que o V Convenio Colectivo do persoal laboral establece o período de alto risco, non o extraordinario (denominación que si se emprega no caso de axentes e técnicos). Catro días despois, desactivábao.

Non entendemos esa falta de previsión e improvisación por parte da Dirección Xeral, así como tampouco entendemos outras cuestións que están de plena actualidade estes días.

Por un lado, dende a CIG consideramos que a actividade do persoal fixo descontinuo de 6 meses non se debe vincular exclusivamente aos períodos de alto risco de incendios, senón que o incremento do tempo de traballo deste persoal é imprescindible para realizar tarefas preventivas en sentido amplo (tal e como predica o conselleiro) e apoio a traballos de emerxencia no medio natural e rural, ao igual que o resto do persoal. Por este motivo, dende a CIG non solicitamos a incorporación deste persoal a raíz do anuncio da activación do periodo de alto risco inicial. Isto dende a nosa opinión, soamente contribúe a perpetuar aínda máis a teima da Consellería de deixar este persoal coma de apoio ao alto risco (tal e coma figura na RPT).

Neste senso, seguimos a defender a nosa proposta de reordenación do servizo de incendios, que suporía unha ampliación do tempo de traballo de todo o persoal fixo descontinuo do SPIF. Non nos vale a escusa de que non hai máis cartos, tan so hai que empregar os mesmos pero doutro xeito.

A realización das queimas prescritas ten que ser tarefa propia do persoal do SPIF. Esa foi sempre a postura que defendeu a CIG, e levamos tempo reclamando a implantación dun plan estruturado e ordenado destas (xa no ano 2019, por exemplo, levamos esta proposta diante do grupo de expertos nos incendios forestais do Parlamento de Galiza). Un plan para o que non fai falla que veña a UME nen persoal doutros organismos ou ministerios, posto que o persoal do SPIF está plenamente capacitado para a súa realización, e estas forman parte das tarefas preventivas.

Con respecto ás medidas anti-COVID, calquera cambio nestas debería ser obxecto de comunicación e debate nos respectivos Comités de Seguridade e Saúde. Por iso seguiremos solicitando as xuntanzas destes comités.

Tanto a OEP-2021 de Función Pública como a de persoal funcionario de escalas sanitarias foron aprobadas na Comisión de Persoal do venres 26 de marzo, co voto en contra da CIG, e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.

O proceso de negociación foi todo un exemplo de transparencia e da vontade dos responsábeis políticos da Administración por querer chegar a entendemento: os criterios da OEP entregados sen tempo para difundilo e estudalo, ocultando ata última hora os números de prazas por escalas. Vamos, outro ano de "paripé" de negociación.

Acceso libre

Van a ser 635 postos que saen, eso din, indo ao máximo da taxa de reposición de efectivos (100% para postos non prioritarios, e 110% para prioritarios). Con estes números seguimos moi por debaixo do emprego público destruído nos anos anteriores e por tanto, continuaremos cunha alta temporalidade.

É curioso o dato das xubilacións do 2020: 543 postos. Esto é arredor dun 3% do total de persoal, e con previsión de ir a máis en anos sucesivos, o que indica claramente que estamos nunha Administración moi avellentada que require un plan de resposta ante o que ven nun futuro inmediato.

Un dato que non facilitan é se o número de prazas ofertadas se corresponde co de vacantes en cada escala. Os datos que temos é que fan cambios, polo que están a xerar un problema.

Promoción interna

Haberá promoción interna separada do acceso libre, inicialmente só para corpos xerais, pero a última hora engadiron algo para escalas. O resto, será conxunta co acceso libre, o que dificulta a promoción interna do actual persoal. Desta promoción conxunta coa libre non dan números (falan do mínimo legal, 25%), pero afirman que a suma da conxunta e da separada suporá un 75%. 

Néganse a aceptar que o persoal que cumpra os requisitos de titulación, poida cambiar de escala mediante promoción horizontal ou vertical:

  • O persoal de escalas/especial non vai poder cambiar, agás as escalas de inspección de consumo e turismo (A2) que si poderán ir ao corpo superior.

  • Nada din de se o persoal de corpos xerais vai poder ir a escalas, polo que vai quedar ao que decidan en cada convocatoria. Porén, a experiencia de anos anteriores é que tan só van permitir promocións entre escalas similares (como de escala técnica a superior de finanzas).

Defendemos que mentres as persoas aspirantes cumpran cos requisitos esixidos, se permita a promoción horizontal (entre os mesmos ou equivalentes grupos de clasificación), vertical e cruzada (combinando as dúas anteriores), en todos os casos reciprocamente entre corpos xerais-escalas-especial. Rexeitamos, xa que logo, a restrición que aplican.

A distribución xeográfica dos postos de traballo, nomeadamente a concentración en servizos centrais, é tal que en certas localidades existen poucas posibilidades de obter destino. E un ano máis non prevén ningún mecanismo para facilitar a permanencia no posto (reclasificación) ou na localidade, o que incide no pouco interese que poida ter en promocionar quen traballe nunha desas localidades con poucos postos vacantes. En senso contrario, quen ocupe un posto aberto ao grupo superior, estará obrigado a permanecer nel, sen opción de escoller destino voluntariamente.

Estabilización e consolidación

Tantos anos de restricións causaron unhas porcentaxes inaceptables de temporalidade na Administración. Como solucionalo? 

  • Rexeitamos que a oferta dependa da taxa de reposición, como causa principal da destrución de emprego e do incremento da temporalidade. Para a CIG, a oferta debería ter como único límite, as necesidades reais de persoal.

  • Apoiamos a inclusión na OEP da previsión de vacantes por xubilación, como maneira de anticiparnos ao incremento da temporalidade.

E para quen leva xa anos e anos en postos interinos/temporais/indefinidos, fai falla que os responsábeis políticos se aveñan a sentarse a fixar criterios comúns, que non é aceptable que unha convocatoria negociada un día sexa moi diferente da negociada quinte días despois, sen bandazos, sendo fundamental que se fixen os criterios de corrección.

Funcionarización

Un ano máis, comezan polo tellado: o cambio de laboral fixo a funcionario vai ser antes de que haxa un concurso de traslados e unha oferta de emprego previos como persoal laboral.

A Xunta, apoiada en CCOO e UGT, así o decidiron, e pactaron chantaxear a quen non acepte o cambio con non cobrar a carreira profesional, xunto con quedar atado/a ao posto (non convocar nunca máis concursos de traslados como persoal laboral, nin promoción interna ..).

A postura de CCOO e UGT de antepoñer a funcionarización ao concurso de traslados, obrigounos a que a CIG, conxuntamente con CSIF (o que suma maioría no Comité Intercentros do persoal laboral) interpuxeramos unha demanda xudicial contra a Xunta de Galiza polo reiterado incumprimento do disposto no artigo 7.2.a) do V Convenio Colectivo sobre os concursos de traslados. Ligazón

Discapacidade intelectual

Somos conscientes das limitacións destas persoas para desenvolver determinados tipos de traballos. Pero non nos parece correcto concentralas en dúas únicas especialidades: persoal subalterno e especialidade de limpeza e cociña. Seguro que poderiamos atopar algunha especialidade máis.

Pero é que os datos teñen outra lectura: TODA, absolutamente TODA a oferta de persoal subalterno e especialidade de limpeza e cociña está TODA reservada para persoas con discapacidade intelectual, sen opción laboral para quen non teña a discapacidade.

Propuxemos, e non aceptaron, distribuír as prazas de discapacidade intelectual entre máis escalas/especialidades evitando concentrar desta maneira toda a oferta en poucas escalas, e ao tempo incluíndo oferta para persoas sen discapacidade.

OEP-2021 das escalas sanitarias

Nos anos 2018, 2019 e 2020 tamén houbo oferta de emprego para estas escalas de persoal funcionario. Pero, está TODA sen executar, ata o punto de que se non convocan antes de decembro deste ano as prazas da OEP do 2018, caduca e desaparecen as prazas.

Nesta OEP-2021 tamén hai prazas destas escalas, algunhas delas coincidentes con anos anteriores. O lóxico, neste caso, é autorizar a acumulación das prazas, e así, coa suma, podería haber números suficientes para aplicar promoción interna. Reclamamos ás persoas responsábeis políticas que na OEP constase expresamente que teñen que acumular coas ofertas anteriores. Nin caso.

Anexo de prazas da oferta de escalas sanitarias

Estes son os números de prazas por escalas que se ofertarían:

Anexo de prazas da oferta da Dirección Xeral de Función Pública

Os anexos que van de seguido non recollen os cambios anunciados polo director xeral de Función Pública na propia Comisión de Persoal, e que consistirían en pasar unha serie de prazas de promoción interna do anexo I (que irían en convocatoria conxunta co acceso libre), pasa ser convocadas no anexo IV (promoción interna separada). Estes números non son firmes, pois o propio director anuncia unha xuntanza o día 6 de abril, para pechar os números definitivamente. Estes cambios serían: enxeñería agronómica (10), enxeñería superior de montes (10), enxeñería industrial (2), enxeñería de minas (2), inspección de consumo (2), enxeñería técnica de obras públicas (3). Podería incluír algunha de medio rural (incendios) e bibliotecas.

Para rematar, advertimos que a propia convocatoria de OEP autoriza cambios de números entre escalas/especialidades de prazas do Consorcio debido a que os traballos de revisión da RPT non están finalizados (isto pasa como consecuencia de que van adianto as cousas).

 

Os grupos estarán formados a dedo, sen transparencia na súa composición e nos pagamentos. Así van funcionar os grupos de traballo para a xestión dos fondos de recuperación e resiliencia (FRR), aprobado pola Xunta co apoio de CCOO e UGT, e a oposición de CIG e CSIF, resultado da votación na Comisión de Persoal do 26/03/2021.

O goberno galego vai poñer en marcha uns “grupos de traballo” para a xestión dos FRR e outros fondos europeos. Isto ven derivado da nova Lei de simplificación e reactivación administrativa do PP que pasou polo Parlamento sen negociar, modificando varios artigos da Lei de emprego público ao que nos opuxemos frontalmente, pola mobilidade obrigatoria e pola discrecionalidade, entre outras razóns. Con esta proposta recúan un pouco xa que os grupos estarán formados por persoas voluntarias.

Discrecionalidade e falta de transparencia

A dirección deses grupos vai estar encomendada a quen libremente decida o Goberno galego (en principio, serán subdirectores/as xerais, pero tamén podería ser persoal directivo non empregado público).

Os grupos estarán formados por quen decida a persoa que dirixa cada grupo (tan só ten que motivar a súa decisión). Non van a rendir contas.

Haberá diñeiro de por medio. Nuns casos será mediante produtividade. Noutros serán gratificacións extraordinarias. Non facilitarán información.

Algo que non quedou claro, nin do texto do documento nin da breve explicación que nos deron, foi se formar parte dun grupo de traballo vai implicar un incremento da xornada de traballo. Se non hai incremento, quen forme parte dun grupo vai a deixar de realizar o seu traballo habitual sobrecargando aos demáis?

En resumo:

  • Grupos de traballo conformados con total arbitrariedade.
  • Non contemplan informar a representación do persoal de quen forma parte de cada grupo.
  • Non van dar conta do diñeiro adxudicado en concepto de produtividade ou de gratificación extraordinaria.
  • Quedan cousas sen clarificar, e non dan resposta.

Comisión de seguimento

Unha das preocupacións de CCOO e UGT foi reclamar que se constitua unha “comisión de seguimento”, que non constaba nos borradores iniciais. Como non, conseguírono: haberá unha comisión de seguimento formada polos sindicatos asinantes. 

Que gañan? Recibirán información sobre os “perfís” dos participantes e dos "criterios" de elección e incentivos económicos, puidendo “emitir” recomendacións.

O que conseguiron é, simplemente, que van a poder opinar sobre como deberían ser os grupos e os pagos. Pero nin van a decidir nin van a ter a información con nome e apelidos de quen forma os grupos, e moito menos dos pagos individualizados.

CCOO e UGT entran así no xogo do goberno: chantaxear aos sindicatos mediante a exclusión da información a quen non trague. Premio á transparencia!

Os pagos polo traballo

Os pagos poden ser en concepto de produtividade ou como gratificación extraordinaria,  sendo os importes en función do grupo. Das gratificacións extraordinarias nen sequera contan co persoal subalterno. Pero seguro que van ter que asumir algún traballo.

Lembras o que pasou cando o Prestige: os compañeiros e compañeiras que se metéronse no medio do chapapote, foron gratificados/as. Pero o gran pedazo da pasta levouna a xente que non pisou as praias. Quen vai facer aquí o traballo? E quen vai levar o gordo?

Todo será escuro, non haberá datos de quen traballa e canto pagan polo traballo. Tan só comunicarán (aos sindicatos amigos), os criterios dos incentivos económicos.

A última hora, máis discreción e ocultamento

A negociación foi breve, sen tempo a discutilo, nin a distribuilo e recibir achegas do persoal. Inicialmente non moveron unha soa letra, sen opcións reais de tempo para falar e alegar. Finalmente, o día antes da votación en Comisión de Persoal (venres 26), enviaron un novo borrador que ainda empeoraba o anterior:

  • O tempo máximo das comisións de servizo pasa de un a dous anos (entendemos que en contra do disposto no artigo 100 da LEPG).

  • Foi nese último borrador onde crean a comisión de seguimento formada polos asinantes.

  • Posibilidade de que os grupos de traballo estean dirixidos por persoal directivo non empregado público.

  • Da última redacción de quen pode formar parte dos grupos, dubidamos se pode entrar ou non o persoal eventual (persoal dos gabinetes de prensa e asesores de conselleiros/as e delegados/as territoriais). Non dan resposta ás dúbidas da CIG. Tampouco o negan.

Compredemos a necesidade de axilizar e preparar eses grupos de traballo para xestionar os fondos que supostamente van chegar. Pero cando o diñeiro europeo nin sequera entrou no Estado e por tanto ainda menos nas comunidades autónomas, unha semana máis de discusión ben puideron agardar, e chegarmos a algo máis discutido e consensuado.

Hai unha clara decisión política, e teñen capacidade para facelo, de que este diñeiro europeo vaia ser xestionado polas persoas que decidan, dirixidos por quen lles conveña e pagando sen dar contas. E CCOO e UGT votan a favor porque van coñecer os “criterios”.

No DOG do venres 26 de marzo de 2021, saen publicados os acordos dos tribunais coas resolucións das relacións de persoas aspirantes que superaron os procesos de funcionarización de distintas categorías de persoal laboral fixo onde se propón o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Estamos na recta final dun proceso iniciado con escurantismo e feito á inversa: comezamos polo nomeamento do persoal e a posteriori dirannos cales van ser as súas condicións laborais.

Dende a CIG esiximos dende un primeiro momento negociar as condicións laborais e salariais como paso previo á funcionarización.

A día de hoxe aínda son moitas as incógnitas que ten o persoal que vai ser nomeado funcionario de carreira. Seguimos sin un concurso de traslados previo como persoal laboral, sin saber a equivalencia entre os pluses do persoal laboral e os complementos salariais do persoal funcionario, cal vai ser o nivel en que encadrarán a cada categoría…

Demasiadas incógnitas e cunha inminente toma de posesión como persoal funcionario, un salto o vacío que da máis que vertixe.

Dende a CIG seguimos esixindo a Administración unha negociación real que lle dea seguridade ós compañeiros e compañeiras de que van ser nomeados persoal funcionario cunhas mínimas garantías de dereitos que son básicos e lexítimos.

GRUPO I

Categorías 001, 004, 023, 027, 029, 030 e 031. Director/a de residencia (...), titulado/a superior, documentalista, coordinador/a de actividades externas, xefe/a de departamento de persoal… IGAEM, relacións públicas do IGAEM e titulado/a superior en formación ocupacional.
Categoría 002. Titulado/a superior médico/a. Médico/a xeriatra (...).
Categoría 011. Titulado/a superior pedagogo/a.
Categoría 006. Titulado/a superior psicólogo/a.

GRUPO II

Categorías 007 e 037. Titulados/as de grao medio, titulado/a medio/a formación ocupacional.
Categoría 027. Técnico/a superior diplomado/a informática (...).
Categoría 002. ATS. Enfermeiro/a. Practicante. DUE.
Categoría 006. Educador/a. Profesor/a especial.
Categoría 011. Fisioterapeuta.
Categoría 017. Asistente social.
Categoría 020.Terapeuta ocupacional.

GRUPO III

Categorías 002, 040, 048, 062. Encargado/a administrativo/a, xefe/a de negociado (...), axudante/a de produción, axente auxiliar de inspeción tributaria, oficial/a administrativo/a, oficial/a 1ª administrativo/a.
Categorías 030, 091. Programador/a, técnico/a especialista en informática.
Categoría 050. Técnico/a especialista en xardín de infancia.

GRUPO IV

Categorías 001, 028, 030. Auxiliar de gravación. Oficial/a 2ª linotipista (...), auxiliar de produción-dirección e auxiliar de formación ocupacional.
Categoría 003. Auxiliar sanitario. Auxiliar de clínica. Auxiliar psiquiátrico (...).

GRUPO V

Categoría 003. Ordenanza, celador/a, vixilante de oficinas (...).

Outras novas recentes

Luns, 05 Mai 2025

Concurso de traslados de prevención e defensa contra incendios forestais: modificación da relación provisional de persoas admitidas

No DOG do 05/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2025 pola que se modifica a Resolución do 24 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial...
Mércores, 14 Mai 2025

Listas provisionais para o desempeño transitorio de persoal funcionario do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais

No DOG do 14/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinadas escalas e especialidades da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza do Servizo de Prevención e...
Luns, 12 Mai 2025

Rebaixas nos dereitos de xubilación anticipada do persoal bombeiro forestal

Mediante a modificación do Real Decreto 383/2008 o Goberno pretende reducir os dereitos de xubilación do persoal bombeiro forestal establecendo límites a aplicación dos coeficientes redutores. O proxecto de modificación do Real Decreto 283/2008 pretende rebaixar e escalar os dereitos de xubilación anticipada incluídos na Lei 5/2024, do 8 de novembro, básica de bombeiros...