Novas por contido

Bombeiros e bombeiras forestais do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) mobilizáronse ao longo desta semana en varias concentracións diante das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, e da consellaría de Medio Rural en San Caetano, para denunciar a gravísima precariedade laboral e inseguridade xurídica que están a padecer.

Destas concentracións, que foron convocadas polos comités de empresa de Medio Rural, destacamos unha alta participación de traballadoras e traballadores a pesar das dificultades horarias e de xestión ao atoparse espallados por toda Galiza. Asi o martes 21 comezamos a loita mais de 300 compañeiros e compañeiras diante da xefatura territorial de Ourense, continuamos cunha alta participación sindical o mércores 22 diante do edificio administrativo de Lugo e rematouse cunha contentración moi activa diante de San Caetano do persoal que se trasladou dende as provincias de Pontevedra e A Coruña. Está claro que as mobilizacións van continuar xa que ningún cargo da consellería do medio rural quixo negociar a mellora das condicións de traballo destes empregados/as públicos. 

Nestas mobilización denunciouse a precariedade do persoal fixo descontinuo, o próximo cese temporal de actividade do persoal de 6 meses ou a sobrecarga que supón a non cobertura de vacantes, incapacidades temporais, permisos ou licenzas. Esta reducción de efectivos para loitar contra o lume e realizar tarefas preventivas prexudica a operatividade do servizo público amais de por en risco e seguridade e saúde do persoal.

A todo isto sumase que o persoal non poida moverse tal e coma establece o V Convenio Colectivo coa incertidume do remate das adscricións temporais e superiores categorías. Tamén se reclama un proceso de consolidación/estabilización que remate coa elevada temporalidade que xa é superior ao 70%. 

A CIG Autonómica impulsará e apoiará novas mobilizacións para seguir a loitar na defensa dos dereitos dos bombeiros e bombeiras forestais da Galiza.

Dende hai un par de meses están a modificar o web de Función Pública, cambiando a forma de acceso ás listaxes e á información xeral de procesos selectivos. Agora a información queda mais oculta e pode escapársenos como ocorreu coa data do segundo exame da promoción interna do corpo superior (A1), nova que pasou desapercibida durante días. Tamén cuestionamos que para acceder as listaxes, que son públicas, teñamos que introducir o número dun documento de identidade calquera, aínda que non participemos no proceso.

Así, as novas de procesos xa non aparecen nas novas xerais de Función Pública (saen clasificadas nun cadro específico) polo que coidamos que debera seguir a saír nas novas xerais e ter tamén acceso directo dende o proceso selectivo en cuestión. Fixémosllo saber á Dirección Xeral de Función Publica. Recoñecen a dificultade, din que mellorarán o acceso e estudarán se é necesario ou non ter que introducir o documento de identidade (para a consulta das listas do persoal docente ou do Sergas non se pide).

Mediante Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, do 3 de setembro do 2021, autorízase a difusión da campaña de vixilancia periódica da saúde para o persoal docente e non docente destinado en centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

É aplicable ao persoal docente e non docente (funcionario e laboral) en activo, que presta servizos nos centros docentes públicos non universitarios, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A inscrición ten carácter voluntario, polo que se realizará previa solicitude das persoas interesadas conforme as instrucións deste procedemento enviadas aos distintos centros de traballo. As persoas responsables dos distintos centros de traballo facilitarán a información necesaria para a inscrición dos traballadores e das traballadoras.

A dita inscrición realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no seguinte enlace:

https://revisionmedicaeducacion.xunta.gal

• A solicitude de inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a súa tramitación.

• Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.


• Prazos de inscrición:

◦ Prazo de inscrición xeral: vinte (20) días naturais a partir do día seguinte ao da difusión desta campaña na páxina web oficial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (martes 21 de setembro de 2021).

◦ Prazos de inscrición do persoal docente e non docente (funcionario e laboral) que sexa interino/substituto: os establecidos no documento “Precisión dos prazos de inscrición”.

 

INSTRUCIÓNS INSCRICIÓNS RECOÑECEMENTOS MÉDICOS 2021/2022

PREGUNTAS FRECUENTES

A promoción profesional do persoal público é un dereito consagrado na Lei de emprego Público de Galiza. Todas e todos temos o dereito a ter posibilidades de medrar de categoría, coa superación de procesos selectivos nos que prime a formación a antigüidade e os novos coñecementos do corpo ou escala a ocupar.

A promoción interna sempre é a gran castigada pois normalmente mídese en termos moi similares ao acceso libre e nestas últimas convocatorias aínda máis penado que outros procesos de consolidación ou estabilización.

Unha das promocións internas que soe dar problemas é a de acceso dende a agrupación profesional ao corpo auxiliar (C2), posto que non só se contempla a superación de probas selectivas de lexislación senón que tamén mide o grado de coñecemento ofimático do persoal.

E aí temos o problema, os tribunais levan anos pasándose de rosca e en vez de facer un exame acaido as necesidades e funcións dun grupo C2, soen facer un galimatías de preguntas sobre todo dos programas de follas de cálculo dun nivel moi por riba do necesario.

O pasado venres 17 de setembro publicáronse as notas finais da PI de C2 e só foron quen de aprobar 13 persoas de 52 prazas convocadas (39 prazas vacantes, case un 75% do total). Esto debe ser un récord mundial de prazas desertas, e non concorda con un espírito de promoción profesional do persoal público.

A proba palmaria de que este sistema onde se aposta por unha complexidade inusual (Nivel Deus) na proba de coñecementos ofimáticos, son os resultados entre as dúas partes dese exercicio: na proba de lexislación aproban 50 aspirantes mentres que na de informática só 13. E normal este desfase? Por suposto que non.

Pero o histórico de agravios na promoción interna ao C2 é superlativo. Do seguinte cadro se desprende que NON QUEREN QUE O PERSOAL PROMOCIONE:

 

 Ano 2008 2012 2017 2020 Total
 Prazas 170 139 106 52 467
 Aprobados/as 89 131 57 13 290
 Prazas sen cubrir 81 8 49 39 177
 % de prazas desertas   47,6%   5,8%   46,2%   75,0%   37,9% 

 

Entre as últimas 4 promocións internas a Administración deixou desertas 177 prazas, chegando á escandalosa cifra do 75% das prazas desertas nesta última convocatoria.

Dende a CIG non pretendemos que lle regalen a praza a ninguén, pero os exames deben ser acaidos ás funcións a desenvolver e axeitados ao nivel profesional ao que se está a acceder (neste caso non son A1 da escala de informática senón auxiliares administrativos).

Queremos unha promoción interna xusta, e non un mero matadoiro de ilusións. Outras administracións coidan ao seu persoal, aquí parece que molesta intentar mellorar...

Despois de varias informacións distintas parece que a Consellería de Medio Rural vai prorrogar as adscricións ata o 31 de decembro de 2021

O pasado venres 17 de setembro a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural informou que as adscricións temporais e superiores categorías que remataban o día 30/09/2021 vanse a prorrogar de xeito excepcional ata o 31/12/2021.

O indicado anteriormente non se lle aplicaría ás adscricións e superiores categorías que están afectadas pola toma de posesión de persoal laboral fixo que superou os procesos selectivos de promoción interna e que tomarán posesión a partir do 01/10/2021.

Dende a CIG seguimos sen entender por que non se fixo en tempo e forma un concurso de traslados do persoal laboral en troques de estender esta fórmula de adscricións masivas. Esta falta de concurso non fai máis que acrecentar a inseguridade de todo o persoal do SPIF, que conta só co recurso das adscricións e superiores categorías para poder moverse, e visto os últimos acontecementos para estar pendentes dos cambios de criterio da Consellería.

Por fin. Tras seis meses de espera e coincidindo coa conxunción da Lúa co planeta Xúpiter, o sábado 18 de setembro foille entregada ao persoal interino do Servizo de Gardacostas de Ribeira a roupa de traballo axeitada e necesaria para o desenvolvemento correcto e seguro do seu traballo. Non foi sen tempo...

Descoñecemos se a conxunción astral tivo algo que ver nesta historia, mais agardamos que só se tratase dunha coincidencia temporal e que, no futuro, os responsables do Servizo de Gardacostas e da consellería do Mar sexan máis dilixentes no cumprimento da lexislación de prevención de riscos laborais no que atinxe ao seu persoal. 

 

Diante da oficina, na Av. de Rosalía de Castro, ás 11:00 h, os días 21 e 27 de setembro

MUFACE ten anunciado o peche da oficina que ten en Santiago o vindeiro 30 de setembro, deixando sen atención directa a todos os mutualistas do sur da provincia da Coruña. Son milleiros de persoas as que veñen sendo atendidas na oficina de Compostela para realizar persoalmente diversos trámites. Por iso a Área Pública da CIG convoca concentracións para os días 21 e 27 de setembro, ás 11:00 horas.

A Área Pública da CIG vai loitar por manter esta oficina aberta para que atenda de forma presencial ás persoas mutualistas e ás súas familias a xa ten solicitada unha entrevista co director provincial para ver de reverter a decisión do peche. Advirte que hai miles de persoas afectadas que dependen desta oficina, persoal da administración xeral da Xunta de Galiza, o persoal de primaria e secundaria do ensino público, o profesorado universitario, Correos e outro persoal que traballa para a administración central do estado, así como o persoal xubilado de todos estes corpos.

Coa pandemia, MUFACE restrinxiu o acceso ás súas oficinas e potenciou a atención a distancia. “Esta atención xa existía antes da pandemia, vía correo postal, teléfono e mesmo coas novas tecnoloxías, os mutualistas podiamos ser atendidos deste xeito desde hai tempo”, explican desde a Área Pública da CIG. Hai moitas persoas, sobre todo o persoal xubilado, que prefire unha atención directa e personalizada. Que se mellore a atención a distancia non é óbice para que se peche unha oficina que ademais de “atender a distancia” tamén realiza unha atención presencial.

Nun primeiro escrito comunícase que a oficina pecha por mor da xubilación das dúas persoas que nela traballan. Mais noutro posterior, colgado na súa páxina, desde MUFACE argumentan que é unha oficina delegada da provincial da Coruña e que “non realiza trámites directamente” agás algún servizo pouco utilizado.

Indican ademais que “os recursos persoas e materiais da Santiago serán centralizados na oficina da Coruña para facer máis eficiente o labor de atención aos mutualistas de toda a provincia”. Fronte a isto, a Área Pública da CIG considera evidente que a atención directa ás persoas mutualistas do Sur da provincia vai empeorar e a atención a distancia non vai mellorar se se xubilan dúas persoas ou levan unhas mesas de Santiago á Coruña.

A CIG considera unha tomadura de pelo que MUFACE presuma da cercanía co colectivo, a mellora continua ou a excelencia na xestión como obxectivos do Plan MUFACE AVANZA 2021-2023 que dan base a esta decisión. Chámanlle “cercanía ao colectivo” a alonxar unha oficina 70 km?

Anexo práctico

Un mutualista que vive en Ribeira e teña que realizar un trámite en persoa, antes viña a Santiago e agora terá que ir á Coruña. pode ir pola AP-9, 140km., 22,56 euros e 1h35m.; pode ir pola AC-2, 134km., 17,19 euros e 2h23m; ou pola AG-1, neste caso serían 151 Km., 20,81 euros e 2h17m; aparcar na Coruña, realizar o trámite e voltar a Ribeira. En resumo, un mínimo de 40 euros e 3 horas.

No seu escrito MUFACE alega o pouco uso da oficina de Santiago. Pero, en realidade, é a que máis demanda ten de atención no propio local, cunha media, na pandemia de 25 citas presenciais. o 16 de setembro, ás 13,15 h., na súa páxina, comprobamos a demanda de citas presenciais nas diferentes oficinas de Galiza e o resultado foi:

oficina capacidade de citas día 16 día 17 día 18 total
Santiago 27 21 20 8 49
A Coruña 27 9 1 1 11
Lugo 16 4 4 2 8
Ourense 29 9 4 2 15
Pontevedra 27 7 6 1 14
Vigo 27 10 2 1 13

 

Unha vez que remita a pandemia e se volte á normalidade, a atención debe ser en persoa na oficina de sempre. A mellora da atención a distancia non debe ser a costa de eliminar a atención presencial. “Optimizar recursos” non é centralizalos nun lugar, eliminar a atención directa e remitir todo a unha páxina web ou a un teléfono.

 

O Servizo de Gardacostas presume moito nos últimos meses de inaugurar novas lanchas e drons aéreos e mariños, pero non se ocupa do mesmo xeito de salvagardar a saúde dos axentes ao seu cargo nin de que podan desempeñar o traballo sen riscos e con dignidade

Esta situación dase dende que o 17 de marzo de 2021 na base de Ribeira tomaron posesión como interinas varias persoas. Despois de agardar un tempo prudencial e de insistir que era necesario dotar de roupa de traballo a este persoal, chamáronos para tomar medidas e facilitáronlles un cortaventos, un xersei e uns zapatos. Aí quedou todo o esforzo xa que dende ese momento non recibiron nada máis, polo que carecen das prendas fundamentais para desenvolver o seu traballo: traxe de augas, botas de auga, pantalóns, etc...Estas persoas están embarcando case todas as semanas, levantando nasas e aparellos, subindo a bateas, levantando elementos pesados sen botas de seguridade, e estarían empapados a diario senón levaran da casa a súa propia roupa. 

Estamos a mediados de setembro, vai case medio ano e a situación segue igual.

Dende a CIG Autonómica queremos denunciar publicamente a irresponsabilidade por parte do Servizo de Gardacostas e da Consellería do Mar ao non cumprir cos mínimos de prevención de riscos co seu persoal e instámolos a que de inmediato o doten da roupa de traballo necesaria para realizar o seu traballo con seguridade.

A Xunta de Galiza incumpre o que dispón a normativa europea, trasposta á do Estado Español, ao non actualizar ao Risco III a avaliación de riscos dos centros residenciais (de maiores, menores, discapacitados, etc.), centros de día e escolas infantís da Consellaría de Política Social

Ante a pasividade da Xunta de Galiza de aplicar medidas preventivas axeitadas que protexan as persoas traballadoras e usuarias, a CIG tivo que recorrer ao xulgado despois de que a Administración desoíse os requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social. En Sentenza do TSXG ( CCO CONFLITOS COLECTIVOS 0000007/2021), o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o servizo de prevención alleo, MUGATRA CUALTIS, foron condenados a facilitar as máscaras FFP2 e a modificar a avaliación de riscos, respectivamente, tanto en centros de maiores como de escolas infantís.

As persoas usuarias de centros de maiores e menores, ou ben non usan máscaras, ou ben non as usan en todos os momentos da xornada, momentos estes nos que tampouco se pode gardar a distancia de seguridade (aseos, dar de xantar, etc.)

Despois de observar como as vagas de contaxios prendían nos centros residenciais de Política Social, a pesar de estar vacinado tanto o persoal como as persoas usuarias, por exemplo, no caso do CAPD de Redondela, 50 persoas usuarias -4 delas ingresadas e 1 falecida- e 21 traballadoras/es, é fácil concluír que non se están adoptando as medidas preventivas axeitadas.

A Xunta é tan irresponsable que recorre unha Sentenza en materia de prevención de riscos laborais cando se está a comprobar que non se cumpren as medidas de protección da saúde que esixe Inspección de Traballo, non se adecuaron protocolos e avaliacións de risco ao nivel de Risco III e non se lles proporcionou aos cadros de persoal as máscaras FFP2 de protección respiratoria.

Cando xa se fala dunha terceira dose das vacinas, e mentres sufrimos unha quinta vaga de contaxios nos nosos centros, a Xunta, nunha conduta temeraria, non só mira para outro lado na aplicación das medidas preventivas senón que desobedece ou recorre as que lle instan a aplicar tanto a autoridade laboral como a xudicial.

 

Informounos Función Pública que nestes días vanse publicar no Diario Oficial de Galicia as convocatorias dos segundos exercicios dos seguintes procesos selectivos, que terán lugar no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. os vindeiros día 27 e 28 de setembro.

 

Proceso selectivo Data exame Hora de chamamento Lugar: Silleda
Corpo admnistrativo (subgrupo C1), libre 27/09/2021 16.30 h. Pavillón 1 (6 portas)
Consolidación grupo III, categorías 002 e 062 27/09/2021 16:30 h. Pavillón central (1 porta)
Corpo auxiliar (subgrupo C2), libre 28/09/2021 16:30 h. Pavillón 1 (6 portas)
Consolidación grupo IV, categoría 001 28/09/2021 16:30 h. Pavillón central (1 porta)

 

Outras novas recentes

Mércores, 12 Novembro 2025

Promoción interna a PSX e acceso libre a corpos xerais (A1, A2, C1 e C2), psicoloxía e auxiliar de clínica (MSF 11/11/25)

Na Mesa Sectorial do día 11 onde se negociou a promoción interna separada a PSX, acceso libre a corpos xerais (A1, A2, C1 e C2) así como acceso libre e promoción interna a psicolxía e auxiliar de clínica, a DXEP presentou os seguintes cambios respecto dos borradores iniciais: Pasan o corte de 4 a 5 por praza Incluen o criterio de xénero para o desempate Aumentan o número de...
Mércores, 12 Novembro 2025

Convocadas as Mesas para a negociación da Carreira Profesional (14/11/25 MS e MX)

Vimos de ser convocados para Mesa Sectorial de Persoal Funcionario Público e Mesa Xeral para o vindeiro venres 14 de novembro onde a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal trae: Anteproxecto de decreto polo que se aproba o regulamento do sistema de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario e laboral da Xunta de...
Martes, 11 Novembro 2025

A CIG prepara alegacións ao Anteproxecto de Lei da administración ambiental simplificada

Este anteproxecto de lei afecta ás atribucións do persoal funcionario público, xa que contén mecanismos como a externalización de actos administrativos e informes, a redución de prazos de participación pública e informe, a eliminación dos efectos vinculantes dos informes ou o silenciamiento do procedemento.  A Lei de administración ambiental simplificada da Galiza pode...