Novas por contido

Esta proposta de modificación de RPT ven con amortizacións e un “experimento” dunha unidade de oficina agraria móbil

Aportan un documento de acordo sobre as condicións dos equipos de traballo de apoio ás oficinas agrarias comarcais, que daría servizo á oficina agraria móbil, e que non recolle compensación económica ningunha

A modificación da RPT con despedimentos e saldo negativo (-18 prazas)

A proposta da modificación da RPT da Consellería de Medio Rural trae a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) , de 19 postos que dan por chamar “mellora organizativa e de dotación de persoal para apoiar as Oficinas Agrarias” e de postos da unidade de Inspección da Cadea Alimentaria.

Como xa é un clásico, ven acompañada de amortizacións, 80 para cubrir 62 creacións, e sen explicar por que escollen unhas prazas e non outras nin xustificar a súa non necesidade por funcións,criterios ou obxectivos.

Na CIG estamos en contra de que destrúan prazas do servizo de incendios para crear as UIFO cando a creación destas unidades estaba comprometida politicamente no 2017. Para colmo, establecen o requisito dun curso específico que están a realizalo 50 persoas escollidas de forma opaca.

Opoñémonos a apertura de máis postos a outras administracións (A11) sen acordo de reciprocidade, máis cando xa admiten que nos pasamos da porcentaxe máxima nesta consellería (6,11% cando debera ser un 5%). Non entendemos que outra organización sindical solicite ademais a apertura de 6 postos de axente furtando prazas dos nosos compañeiros e compañeiras.

O Acordo que crea persoal “para todo e para todos os lados” cun novo sistema de “apoio” as OACS

Coa creación dun equipo de traballo en cada xefatura territorial para apoiar ás oficinas agrarias comarcais e cubrir a unidade agraria móbil din que van a facer unha proba, cun periodo de dous anos para poder avaliala pero sen establecer os criterios desta avaliación, e poñen como escusa unha suposta especialización e reorientación das oficinas agrarias. Para a CIG, isto CHEIRA A DESMANTELAMENTO DAS OACS . Este acordo non aclara cuestións básicas como cal é a necesidade de prestar servizos de tarde ou en sábados, domingos e festivos, isto SONA A AUTOBÚS DE PROPAGANDA NAS FEIRAS. E cando non vaian no autobús, toca substituír nas OACs na vez de tirar de listas de contratación. En definitiva: persoal para todo e para todos lados, con posibilidade de ter que realizar ampliacións de xornada, xornadas irregulares, sin sequera establecer coa antelación debida os horarios etc, e todo isto GRATIS.

Para máis a oficina agraria móbil rota cun so autobús con condutor para toda Galiza : PRIVADO

Máis cousas

  • Trouxeron na mesa un documento de estudo sobre as oficinas agrarias comarcais, feito por técnicos da consellería nos anos 2019-2020 (estamos a espera de que o envíen por correo).
  • Establécense niveis diferentes para postos similares. Solicitamos que se nos remita información sobre as tarefas e responsabilidades para contrastar e que homologuen os niveis
  • Modifícase o centro de destino dunha praza de vixilante fixo/a por mor dunha sentenza xudicial firme do ano 2014.
  • A consellería racha o pacto de non usar as modificacións de RPT para despedir a traballadores/as. Cambian o carácter da praza ao convertela en administración xeral e ao fin botar á rúa traballadora interina que a ocupa (da admón especial). Isto tiña fácil solución, abrir ás dúas administracións e non despedir

Recibimos documentación e convocatoria dunha xuntanza para tratar a proposta de modificación da RPT da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A modificación afecta básicamente á Xunta consultiva en materia de ordenación do territorio e urbanismo, onde crean e modifican postos. Crean outro posto para o gabinete da conselleira. Para financiar as creacións, amortizan oito postos.

A xuntanza vai ser o día 28/06/2022. Se queres aportar algo, podes contactar coa CIG.

No DOG do 23/06/2022  a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2022 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro), sen prexuízo dos criterios específicos establecidos no epígrafe «persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.

Convocan 51 actividades de diversa índole e consellarías.

Recibimos convocatoria e documentación dunha proposta de modificación da RPT da consellería de Facenda e Administración Pública, que vai ser tratada nunha xuntanza o luns 27 de xuño.

Se queres dicirnos algo sobre este asunto, podes contactar coa CIG.

Na Comisión de Persoal do 21 de xuño aprobáronse as convocatorias dos proceses selectivos de A1-C1-C2-corpos xerais de acceso libre, e de C1-vixiantes de estradas por promoción interna.

As convocatorias de corpos xerais de A1 (descargar) e C1 (descargar), en grandes liñas:

  • Non teñen promoción interna (si existe promoción separada da libre). A primeira reivindicación da CIG é poñer en marcha xa a negociación do seguinte concurso de traslados de corpos xerais e a promoción interna, para que así poidamos dar destino definitivo ás persoas que superen estes procesos.
  • Existe nota de corte fixada nas bases para o primeiro exercicio. E inda que na negociación conseguimos que meteran corte tamén para o segundo, quedou fora A1. Non conseguimos ampliar o corte do primeiro exercicio.
  • Para A1, non aceptaron substituír o exame de tema por outra opción como suposto práctico tipo test.
  • Tampouco aceptaron substituír os temas por normas de dereito positivo no programa, e alternativamente elaborar manuais ou referencias bibliográficas.
  • Algunha das convocatorias dividen un exercicio en dúas partes, pero cada unha delas con corte propio, co que en realidade son exercicios diferentes.
  • Estas foron as votacións:
    • A1: CIG en contra, CCOO a favor, CSIF en contra, UGT abstención
    • C1: CIG en contra, CCOO a favor, CSIF a favor, UGT a favor

Para a convocatoria de C2-auxiliar administrativo (descargar) son de aplicación a maioría dos puntos referidos anteriormente. Pero cabe destacar o cambio aplicado na proba de informática.

  • Engadiron temas de informática no programa
  • Indican que a proba práctica escrita será sobre procesador de textos e folla de cálculo, como era antes, pero engaden “presentacións”. Se esta proba era xa dura demáis, agora peor.
  • Por riba, meten un curso selectivo posterior en informática. As persoas que superen os exercicios deben superar tamén o curso selectivo. A CIG está disposta a falar deste curso, pero dende unha optica de formación, non de selección, sobre contido necesario para as tarefas (rexel, notifica..), e dirixido a todo o persoal funcionario que teña que traballar con ferramentas ofimáticas, non só auxiliares.
  • Os catro sindicatos votamos en contra.

Promoción interna C1-Vixiantes de estradas (descargar):

  • Son promocións internas restrinxidas unicamente a dúas categorías de persoal laboral fixo.
  • Debido a múltiples sentenzas xudiciais, esta promoción nace de dous pactos de fai anos, un aceptable apoiado pola CIG, e outro que forza á funcionarización que non apoiamos.
  • Tal e como está deseñado, en realidade o primeiro exercicio son dúas probas eliminatorias, sendo unha delas de suposto práctico que moito tememos que vai ser unha barreira infranqueable para a maioría das persoas obxecto da promoción.
  • Como noutras promocións internas, non se comprometen a garantir a localidade de quen promocione.
  • A diferenza doutras promocións internas nas que puntúan a antigüidade na administración, neste caso puntúan unicamente a experiencia nas categorías obxecto da promoción, o que pode producir que xente recen chegada á administración puntúe máis que xente máis antiga aínda que con menos anos na categoría.
  • CIG votou en contra. CCOO abstívose. CSIF e UGT a favor.

Dende Recursos Humanos do Sergas informan de que o xoves 23 de xuño publicarán no DOG a resolución co listado definitivo das persoas aspirantes admitidas e excluidas no proceso selectivo para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario de Administración especial, escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989).

Pois xa era hora. A convocatoria do proceso selectivo foi publicada no DOG do 09/12/2021, e 6 meses e medio despois por fin temos o listado definitivo de persoas admitidas/excluídas.

Cando vai ser o primeiro exercicio? Por desgraza non temos información do interese. Durante a negociación da convocatoria a CIG insistiu en incorporar unha referencia á data prevista para ese primeiro exercicio. E Sanidade-Sergas.. negouse.

Agora o único que temos é o último que manifestou o director xeral de Función Pública (24/05/22): que non sabía se o tribunal estaría nomeado antes ou despois de agosto, e que creía que o exame non sería antes de setembro. Eso, como mínimo, son 9 meses dende a convocatoria. Seguimos sen previsión.

Máis do mesmo. Vimos de ser convocados para unha nova xuntanza coa consellería do Medio Rural na que, pese á nosa oposición manifesta nas xuntanzas previas, pretenden negociar no mesmo lote a RPT da consellería cun "experimento" de creación dunha oficina móbil agraria para todo o país. E todo isto aderezado coa amortización de postos de traballo.

A xuntanza terá lugar o vindeiro martes 21 de xuño. Podes descargar a documentación e se tes algo que comentar, podes facelo a través deste formulario para contactar coa CIG.

A Administración tráenos un acordo para “negociar” coma se fora algo novo e non existira unha orde de carreira anterior

A proposta de Función Pública constitúe unha fraude dirixida a evitar o cumprimento das sentenzas gañadas pola CIG e que supoñen que todas as persoas empregadas públicas, se cumpren os requisitos, deben ter dereito á carreira profesional.

Despois de que a Xunta perdese todas as demandas que levamos adiante e de que tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza como o Tribunal Supremo lle deixasen as cousas claras, nun exercicio de malabarismo quere facernos crer:

1. Que se “confundiran coa terminoloxía” e na vez de negociar daquelas un acordo para introducir unha “carreira administrativa”, fixeron un acordo sobre a carreira profesional, publicando varias veces a “confusión” no DOG. Pretenden, a ver si cola, que o acordo que fixeron con CCOO e UGT non existe e polo tanto non se derivan dereitos del.

2. Que o grao II se inicia agora de novo, cando está contemplado no acordo anterior con datas concretas e que non quixeron desenvolver cando non había nin sentenzas nin nada que llo impedira. E agora queren que os subgrupos C1, C2 e AP perdan 18 meses de grao II e os A1 e A2 6 meses, sinxelamente porque eles non quixeron convocar a orde de acceso ao grao II e CCOO e UGT escolleron non esixir o cumprimento do acordo para facer campaña contra a CIG.

3. Que como os tribunais recoñeceron a carreira profesional para o persoal laboral, e iso era unha “confusión”, esta nova “carreira administrativa” e non profesional, mantén a exclusión directa de todo o persoal laboral.

4. Que temos que consolidar algo que xa estaba consolidado (o grao I extraordinario).

E que imos facer nós?

Dende logo non imos aceptar alegar a un acordo de “carreira administrativa” cando o que teñen é que executar o acordo de carreira profesional. Non vale facer de avestruz e meter a cabeza no buraco negando a existencia dun acordo de carreira profesional no que os tribunais, como nas leiras, moveron os marcos, co que AMPLIARON os efectos..

O que imos facer é esixir que cumpran, que paguen o grao II con efectos retroactivos, e que fagan a extensión a todas as persoas empregadas públicas.

O pasado 9 de xuño celebrouse o Día internacional dos arquivos e en todo o mundo as institucións arquivísticas celébrano con “días de portas abertas”, conferencias, presentación de libros e multitude de actos de difusión.

Na Xunta de Galiza tamén se fan, como non podía ser de outro xeito, actividades especiais de divulgación sobre todo nos arquivos históricos.

Pero que pasa cos arquivos administrativos? Cos que gardan o patrimonio documental dos últimos 35 anos de Galiza e que coincide basicamente co patrimonio documental da Administración galega?

O parlamento galego aprobou en 2014 a Lei de arquivos e documentos de Galiza que incidía na posta en marcha da rede de arquivos administrativos da Xunta de Galiza e obrigaba a elaborar un Plan de Arquivos no prazo de un ano, plan que ía detectar as deficiencias e problemáticas do sistema e poñerlle remedio.

Está feito o Plan no 2022? NON.

Isto supón que:

• De todas as consellerías da Xunta só en dúas hai agora persoal técnico cualificado xestionando a súa documentación. (áreas de Cultura e Industria).
• Non están creadas nas relacións de postos de traballo as unidades de arquivo central como órgano administrativo.
• As delegacións territoriais da Coruña e Ourense non teñen creado o seu arquivo territorial polo que acumulan a documentación totalmente descontrolada.
• As prazas existentes que están vacantes non se cubren en anos. (Por exemplo a única praza de Técnico superior do Arquivo Histórico de Pontevedra leva 6 anos vacante).
• As consellerías non teñen quen organice e planifique as transferencias documentais, coa saturación documental das oficinas, depósitos descontrolados, perdas e eliminación descontroladas, buscas eternas de documentación, etc.

Por iso dende a CiG levamos anos reclamando que en todas as modificacións de RPTs se inclúa a creación do arquivo central en cada consellería e se dote de persoal técnico axeitado.

Pero para identificar as verdadeiras necesidades fai falta o famoso Plan de Arquivos que por desidia ou incompetencia segue sen elaborarse.

Menos celebración e máis xestión.

O martes 31 de maio de 2022 tivo lugar a 2ª xuntanza do grupo de traballo que trata a elaboración dun novo regulamento para a escala de Axentes Facultativos Ambientais (o anterior e de 1997). Asisten a mesma representantes das consellarías de medio rural e medio ambiente e das organizacións sindicais.

A representación da Administración comeza renegando do acordado na primeira xuntanza: empregar como documento base a proposta consensuada no ano 2017 polas organizacións sindicais. A CIG o considera inaceptable e solicita levantar acta do acordado nas xuntanzas para evitar estas situacións de falla de credibilidade e confianza na Administración que bota por terra os avances no traballo deste grupo. A Xunta négase con rotundidade alegando que ao ser un grupo de traballo non procede levantar acta.

A única documentación que aporta algo de proveito é a presentada pola Dirección Xeral en Defensa do Monte (DXDM). A Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN) non aporta documento (tan só escusas) e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (DXPOF) presenta un texto pobre que non recoñece a realidade actual dos sectores forestal e medioambiental, e para máis menosprezo o representante desta dirección xeral califica o acordo consensuado polas organización sindicais como demasiado extenso e detallado, piden algo máis sinxelo (parece que están máis cómodos na indefinición).

A CIG, despois de escoitar as intervencións da administración e comprobar a falla de vontade para o avance das negociacións, propón un calendario de xuntanzas que realmente active o traballo do grupo. A proposta é aceptada pola DXDM, pero os representantes da DXPN e DXPOF argumentan que non poden comprometer unha data sen consultar aos seus superiores. En consecuencia evidencian a falla de capacidade  para tomar decisións ata tal extremo que non son quen de aceptar ou propoñer unha data para a seguinte xuntanza.

A conclusión ao fin da xuntanza é que a Xunta non ten interese no avance deste grupo de traballo pois adiou a xuntanza convocada para o 25 de abril unilateralmente, non presenta documentación de proveito e non envía representantes con capacidade real de negociación e compromiso. A elaboración do novo Regulamento de Axentes Ambientais que ten como obxecto adecuar o servizo público e a escala a realidade actual non é prioritario para a nosa Administración.

A CIG non vai a aceptar un acordo de mínimos que non teña en conta os consensos acadados entre as organizacións sindicais, as novas especialidades e as necesidades actuais dos sectores forestal e medioambiental.

Outras novas recentes

Venres, 12 Xuño 2026

Xuntanza coa SXT de Medio Rural (10/06/2026)

Cobertura de prazas SPIF Din que a día de hoxe a cobertura no servizo e superior ao 90% e que rematarán de cubrir os postos mediante chamamentos que sairán previsiblemente esta semana. Respondemos que sempre imos tarde co tema da cobertura xa que non se trata de ter o dispositivo ao completo en xullo-agosto-setembro, este ano xa tivemos o primeiro GIF en abril, moito antes...
Xoves, 04 Xuño 2026

Escolas infantís: falta de previsión ou caos a sabendas

Será posible que ninguén pense nas crianzas e nas traballadoras? O persoal das escolas públicas de cero a tres anos, pendentes de incorporación aos novos postos o 1 de setembro, pregúntase como se van organizar para atender ás familias e ás crianzas no tempo que se establece na Resolución de adxudicacións de prazas que se publicou en marzo (na que se contemplan só tres días...
Xoves, 11 Xuño 2026

Modificación da RPT de Medio Rural

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural vén de presentarnos unha modificación da RPT da Consellería de Medio Rural. As propostas que inclúe son: A creación de 15 postos de axentes UDEX (Unidade de Directores/as de extinción), dos cales un sería de axente coordinador/a autonómico e dous postos de axentes coordinadores/as. A inclusión de 6 postos de persoal...