Novas por contido

Na xuntanza que tivo lugar o 11 de febreiro coa Dirección Xeral de Defensa do Monte e a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural (xuntanza á que non acudiron nin CCOO nin UXT) comunicóusenos que o persoal fixo descontinuo de 6 meses do SPDCIF comezaría o seu período de traballo nalgún momento entre finais de marzo e finais de abril dun xeito escalonado, traballando 6 meses consecutivos independentemente da data de entrada. Todo isto sempre e cando as condicións metereolóxicas e a carga incendiaria o permitan. Asemade, que o persoal fixo descontinuo de 9 meses comezaría o 1 de marzo.

A postura da CIG a este respeito foi a mesma de sempre. Entendemos, e así o manifestamos na xuntanza, que a temporalidade mínima de todo o persoal do SPDCIF ten que ser de 9 meses, xa que é a única opción que garante a estabilidade e saída da precariedade laboral e o pleno desenrolo de todas as capacidades do servizo de incendios, coma un servizo de prevención estratéxica e de emerxencias. Asemade, é a temporalidade mínima para o persoal fixo descontinuo do servizo de incendios, recollida no V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, e facilitaría a implantación axeitada de todos os dereitos recollidos neste (tanto os vixentes coma os suspendidos) e un plan de formación axeitado para todo o persoal.

Por parte da CIG deixamos constancia de que a entrada escalonada do persoal de 6 meses podería acarrear problemas e complicacións (por nós que non quede).

No tocante á entrada do persoal fixo descontinuo de 9 meses, dicir que estamos dacordo en que a entrada en datas anteriores ao 1 de marzo podería supoñer certos problemas. Así o manifestamos e a Consellería ao final vai respetar o acordo verbal que existía de preaviso de 15 días para este persoal, polo que a data de inicio será do 1 de marzo.

Así pois, na CIG seguiremos a loitar pola estabilidade e a saída da precariedade de todo o persoal e polo verdadeiro aproveitamento de todas as capacidades do SPDCIF.

Mentres Feijoo se congratula nos últimos días con notas de prensa fardando de subas salariais. A realidade para as traballadoras da Xunta é ben distinta. Estes incrementos retributivos non se lle aplican se están en IT ou de baixa por maternidade. Está situación agrávase para persoal de Consorcio, pois a perda podería chegar a ser do 20% nalgúns casos.

Esta é a política de Feijoo para aumentar a natalidade: roubarlle os atrasos dos incrementos retributivos ás traballadoras.

Estase a producir un grave prexuízo ás traballadoras que se atopan na situación de licenzas por enfermidade ou incapacidade temporal e as que se atopen en situación de permiso por parto, nacemento, acollemento ou adopción dun fillo. Nestes casos os incrementos retributivos durante a baixa (trienios, acordos retributivos, carreira profesional ..) non repercuten na nómina. É dicir, que as retribucións en Incapacidade quedan conxeladas ao instante inicial da baixa.

Así, para unha traballadora que iniciase unha IT en decembro de 2019 e se reincorporase ao seu posto en decembro de 2020 a perda retributiva supón:

  • No caso do persoal da Administración Xeral unha perda entre 382,2 euros aos 822,3 euros.
  • No caso do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar neste ano 2020 debería aplicarse a anualidade correspondente ao acordo asinado en 2017 para a equiparación coas condicións retributivas do persoal laboral da Xunta de Galiza, así que implicaría un perda salarial anual de entre 812,9 e 1.268,8 euros.

En resumo, todas estas empregadas públicas deixan de percibir estes incrementos ademáis do 2% derivado do establecido na normativa básica como suba para o 2020.

A sentenza STSJ GAL 8025/2016 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece o dereito das traballadoras en Incapacidade temporal a percibir as as cantidades atrasadas correspondentes aos incrementos retributivos producidos durante o período de IT. Así o recoñece tamén a sentenza STSJ CL 1554/2019 do Tribunal Superior de Xustiza.

A pesares disto, a Xunta de Galiza non está a abonar as cantidades atrasadas correspondentes a estes incrementos retributivos.

Desde a CIG acabamos de solicitar a Xunta que cumpla as sentenzas do tribunais e pague de oficio os atrasos das subas retributivas tal e como xa levamos solicitando dende hai tempo.

Feijoo deixa de roubarlle o pan ás crianzas das traballadoras da Xunta!

No DOG núm. 28  do martes, 11 de febreiro de 2020 publícase o “DECRETO 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.” No mesmo DOG publícase o “DECRETO 14/2020, do 10 de febreiro, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ao seu servizo, os/as xuíces/zas de primeira instancia ou de paz, representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, así como o persoal da Xunta de Galicia, co gallo das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020.”

Nestas eleccións autonómicas, ao igual que nas do ano 2012 e do ano 2016, a Xunta vai organizar o dispositivo de desenvolvemento da xornada electoral do día 5 de abril maioritariamente con empregadas e empregados públicos cando tiña a posibilidade de chamar a persoas desempregadas a través das oficinas de emprego.

Nas convocatorias anteriores todo o proceso selección de persoal revestiu de escurantismo e falta de publicidade: nalgunha consellería en servizos centrais mandaron correos ao persoal; nas delegacións territoriais, cada unha fixo á súa maneira, nalgunhas dándolle algo de difusión, noutras chamando directamente a persoas “amigas”. A maior parte do persoal da Xunta non foi informado da posibilidade de participar nestas tarefas.

Desde a CIG acabamos de solicitar que a selección de persoal colaborador se faga entre as persoas en situación de desemprego, usando criterios obxectivos (cargas familiares, renda, antigüidade como desempregado) e se lle dea a publicidade adecuada.

En breve comenzan as obras de mellora da eficiencia enerxética no Edificio Administrativo Xunta de Galicia da Avda. da Habana, 79 de Ourense.

Estas obras consisten na instalación de luminarias con tecnoloxía LED, substitución da caldeira de calefacción existente e colocación de dobre ventá con vidros illantes en todo o edificio.

O martes 4 de febreiro participamos na Comisión de Persoal na que se aprobaron as bases dos procesos selectivos da escala de veterinarios/as, o proceso extraordinario de consolidación da categoría de titulado superior veterinario, os procesos de funcionarización e outras cuestións que poden ser do teu interese no punto de rogos e preguntas. 

CONVOCATORIA DOS PROCESOS DE FUNCIONARIZACIÓN DO PERSOAL LABORAL FIXO

A CIG non se opón a que todos os traballadores e traballadoras teñamos os mesmos dereitos, obrigas e vínculo coa empresa. Pero non así, non deste xeito chapuceiro. 

O persoal laboral fixo (que no seu día xa superiou o correspondente proceso selectivo), non temporal nin indefinido, vai ter que pasar por un proceso chapuceiro grazas ao Acordo de concertación que pactaron a Xunta e os sindicatos CCOO e UGT, pois vai ter que decidir se quere ser funcionario sen certeza da súa situación salarial e sen que primeiro puidese participar nun concurso de traslados e nun proceso de promoción interna como persoal laboral tal e como manda o Convenio. E todo isto baixo a chantaxe de non cobrar a carreira profesional se non acepta pasar a funcionario (ata que o recurso da CIG ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza pendente de vista, nos dea a razón).

No DOG do día 4 de febreiro, publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza, agás o persoal que presta servizo en: centros docentes da Consellería de Educación, centros dependentes do SERGAS, e persoal de entes públicos e fundacións.

A inscrición realizarase de forma telemática a través do PORTAX (Portal do Empregado Público da Xunta de Galiza) ou do OPAX (Oficina virtual do persoal da Adminsitración de Xustiza).

O prazo de inscrición rematará transcorridos 2 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

O día 24 de xaneiro a conselleira de Política Social, na rolda de prensa posterior ao consello da Xunta no que se aprobou a Lei de impulso demográfico de Galicia, anunciou a implantación de axudas para a creación de “mini escolas infantís” nos centros de traballo das empresas privadas.

A conselleira afirmou que “Ese tipo de subvenciones no están incluídas dentro del texto legal, sino que figura como una de las medidas nuevas en que trabaja el departamento de cara a paliar la crisis demográfica...”

Nota: para promoción interna de corpos xerais, da OEP-2019 (publicada no DOG do 31/01/2020), ir a esta outra nova.

Na xuntanza que tivemos co director de Función Pública o xoves 30 de xaneiro, falamos dos procesos selectivos de promoción interna e acceso libre que están en marcha, a promoción interna de corpos xerais pendentes de publicar, e en especial das bases das convocatorias da escala de persoal veterinario e a súa equivalente de persoal laboral. A esta xuntanza asistimos os sindicatos con representación na Mesa Xeral (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

Escala de veterinarios/as e proceso extraordinario de consolidación de persoal laboral veterinario

Comunica o DXFP que:

  • Tanto para o proceso de funcionarios como de laborais, vai ser un único exercicio test, seguindo o mesmo modelo que na convocatoria de biólogos/as.
  • Modifican a puntuación de experiencia na convocatoria de consolidación de persoal laboral: a experiencia na categoría (II.2.1) pasa de 0,20 ptos/mes a 0,10. A experiencia en calquer corpo-grupo-escala-categoría (II.2.2) pasa de 0,10 a 0,05 ptos/mes. Na convocatoria de persoal funcionario non tocan este baremo.
  • Cambios en temario (nas dúas convocatorias): Parte xeral: Suprimen Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma. T2 (específica): Lei 33/2011, entra só título preliminar e I. T9: eliminan no final “e os regulamentos que o desenvolven”. T16: eliminan anexos I e V do RD 140/2003. T33. Eliminado por repetido.T49. Eliminan “Regulamento 1924/2006. T51. Do Regulamento 1124/2009 entra só disposicións xerais, principios xerais e control de comercialización.

Na CIG estamos fartos dos bandazos que continúa a dar a Xunta (con CCOO e UGT), mudando continuamento os tipos de exercicios: ata ese día a fase de oposición era de dous exercicios, e anuncian que pasa a ser un único exercicio tipo test (seguindo o modelo de biólogos/as). Non seremos nosoutros quenes critiquemos que se retiren as probas subxectivas, como son as de desenvolvemento de temas. O que reclamamos é que se pacte un modelo, e que este se manteña para todos os procesos, polo menos un tempo. Rexeitamos andar con cambios segundo o caso.

Xa postos, queremos que dean o mesmo trato ao persoal funcionario de promoción interna de A1 e A2, que van ter dous exercicios, sendo o segundo de A1 tipo desenvolvemento de tema, o mesmo que ocorre en A1 e A2 de libre de corpos xerais. 

Promoción interna corpos xerais en execución (OEP-2017)

  • A1: pendentes da nota do último exame (publicarán entre esta semana e a seguinte).
  • A1 e C2: hai menos persoas aprobadas que prazas. Todos os que aproben os exames están dentro (unha obviedade que non aclara moito).
  • A2 e C1: tentarán publicar o concurso a semana que ven.

Comprométese a que en todo caso as persoas saberán se aprobaron ou non antes de finalizar o prazo da inscripción da promoción interna da OEP-2019.

Procesos selectivos de acceso libre convocados

Asegura o DXFP que en 3-5 semanas estarán publicadas as listas de admitidos/excluidos de TODAS as oposicións que teñen xa rematado o prazo.

Dos que estean pendentes de toma de pose xa se falará cando estean rematados, pero anuncia que con carácter xeral van ser destinos provisionais.

Publicadas no DOG do venres 31/01/2020 as convocatorias dos procesos selectivos por promoción interna aos diferentes subgrupos de corpos xerais:

Estas convocatorias son un bo exemplo dos bandazos que estivo a dar a Dirección Xeral de Función Pública en complicidade con CCOO e UGT, afirmación que se pode verificar a nada que se comparen entre si os diferentes procesos selectivos convocados nos últimos 12 meses.

A promoción interna de A1 e A2 ten dous exercicios (máis a proba de galego): para A1 será un test que inclúe suposto práctico e un exercicio de desenvolvemento de tema, e para A2 un test e un suposto práctico test. En comparación, tanto os de A1 como A2 de libre doutras escalas diferentes de corpos xerais (por exemplo escalas de servizos sociais), van ter un unico exercicio, e en ningún caso vai haber exercicio de desenvolvemento de tema. Por esta razón a CIG votou en contra das convocatorias de A1 e A2, mentres que CCOO e UGT votaron a favor. Resulta evidente que a Xunta (con CCOO e UGT) non quere moito ao persoal funcionario de carreira que quere promocionar.

No caso de C1, non podemos afirmar que as bases son malas, ainda que hai cousas que non nos gustan. A convocatoria foi aprobada co voto favorable de CCOO e UGT, a abstención de CIG e o voto en contra do CSIF.

A promoción interna a C2 ten un problema co número de prazas: non nos saen as contas da porcentaxe de prazas respecto á oferta libre (do total de oferta a C2, ten que ser como mínimo o 25% para promoción interna). Entende a CIG que faltarían 80 prazas de promoción interna a C2, polo que esta convocatoria incumpriría a lei. Por esta razón a CIG votou en contra, igual que CSIF, mentres que CCOO e UGT, unha vez máis, votaron a favor.

Na xuntanza que tivemos os sindicatos (CIG, CCOO, CSIF e UGT) co director de Función Pública o xoves 30 preguntamos pola situación do concurso de traslados de corpos xerais, xa que estaba previsto que en xaneiro se publicase a lista de prazas en xogo (as vacantes iniciais máis as das persoas que solicitaron participar no concurso), e se abrise o prazo para a súa solicitude e emenda de méritos.

Por facer memoria, valorar ou non os méritos en comisión de servizo foi o principal conflito durante a negociación e, finalmente, na Comisión de Persoal en que tivemos que votar as bases (02/08/2019), o propio director xeral anunciara que aceptaban retornar ao sistema normal ata ese intre, de que o tempo en comisión de servizo fose valorado como tempo traballado no posto de orixe. Fora precisamente ese cambio de última hora o que motivara que a CIG, que tiña pensado votar en contra, finalmente optaramos pola abstención (CCOO e UGT votaron a favor, CSIF abstívose).

Porén, as bases do concurso foron publicadas en DOG sen cambio algún. Pode ser que fose un erro, ou pode ser que fose unha manobra de mala fe. Pero en todo caso non publicaron ningunha corrección de erros posterior. Tan só recibimos a palabra de que cando se publicase a lista de prazas (as que tiñan que sair en xaneiro), publicarían unha “aclaración” para facer valer a palabra dada na Comisión de Persoal (non ter en conta as comisións de servizo).

A resposta que recibimos na xuntanza do xoves 30 foi que para a vindeira semana (por tanto xa en febreiro), enviarían aos sindicatos a relación de prazas e a resolución con aclaracións. Non pon data para a publicación en DOG.

Solicitamos a inclusión de todas as vacantes que se foran producindo dende a publicación do concurso a finais de novembro. O director non se compromete a revisar todas as prazas (di que produciría máis retraso).

Outras novas recentes

Venres, 27 Marzo 2026

Puntuacións provisionais do concurso de traslados das escalas sociais (facultativa superior, grao medio, axudantes e auxiliares)

No DOG do 27/03/2026 publican a RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo/a superior, escala de facultativos/as, especialidades de...
Martes, 24 Marzo 2026

Aproban o novo PLADIGA 2026 sen negociar, una ano máis

A Xunta impón un novo PLADIGA 2026, tras un 2025 marcado polo conflito, o incumprimento de acordos e o caos na xestión da vaga de lumes Na CIG-Autonómica denunciamos que a Xunta de Galiza volve actuar de maneira unilateral, aprobando e anunciando o PLADIGA 2026 (Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza), sen negociación previa e ignorando...
Martes, 24 Marzo 2026

Xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría do Mar (17/03/2026)

Avaliacións de riscos psicosociais Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) Dende a CIG recordámoslle á Administración que se están a incumprir as medidas acordadas após a avaliación de riscos psicosociais no Igafa. Estas medidas son de obrigatorio cumprimento, polo que esiximos a súa implantación de forma inmediata. Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ferrol A...