Novas por contido

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos de galego impartidos pola EGAP e converter a media xornada e os 7 meses de traballo do persoal lingüista en xornada completa e nunha prestación de servizos de 12 meses, de xeito que as persoas empregadas públicas poidan vivir do seu traballo. A iniciativa contou cos votos favorábeis de PSOE e BNG e o voto en contra do PP. 

Para a CIG, o Goberno galego vén de revelar cal é o seu posicionamento no Pleno do Parlamento de Galiza do día 20 de outubro: deixar sen formación en lingua galega á maioría do persoal empregado público da Administración xeral da Xunta e entes, e persistir no maltrato laboral ao persoal lingüista e na infradotación de medios humanos encargados de impartir os cursos.

Mentres o pacto PP-PSOE pola suposta «actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG)»  acaba de ser aprobado no Parlamento a primeiros de outubro sen consenso, por supoñer un empeoramento das condicións da nosa lingua, e por ignorar o Protocolo Lingua Vital, a demanda non atendida da EGAP segue a medrar ano tras ano e o persoal encargado da formación ve reducida a súa xornada á metade co dobre de carga de traballo. 

 

1200 prazas de LAG/LXG fronte a 5650 solicitantes na EGAP en 2026

Na Escola segue a manterse unha única convocatoria ao ano de formación, por exemplo, en linguaxe administrativa galega e linguaxe xurídica galega (LAG/LXG). Nela cada aspirante a  obter o diploma de nivel medio ou superior só pode optar a solicitar unha única edición (25 prazas) no canto de participar na selección de persoas adxudicatarias para o total de prazas.

Isto fai que a demanda desatendida pola EGAP ano tras ano, sen que se lle aplique nin a máis mínima solución, se acumule e medre até límites insospeitados como os actuais, mentres o persoal ve imposíbel, durante moitos anos consecutivos, obter unha oportunidade para avanzar na súa carreira profesional e participar en igualdade de condicións con outras persoas nos procesos competitivos. 

Chega con dicir que no ano 2026 a oferta da EGAP para LAG/(LXG foi de 1200 prazas, mentres as persoas solicitantes sumaron un total de 5650. Porén, en vez de buscar solucións, a EGAP bota a pelota da responsabilidade no tellado da Secretaría Xeral da Lingua, obviando a parte que lle corresponde de traballo, e a Secretaría só dá escusas de que carece de fondos para cumprir cos seus cometidos, cando nestes momentos ten executados tan só o 35% dos seus orzamentos.

 

Precariedade extrema do persoal lingüista e infradotación do servizo de formación

A outra cara da moeda é o persoal lingüista da Secretaría Xeral da Lingua, sometido a abusos laborais dende o primeiro segundo do inicio das súas contratacións.

O empeoramento das súas condicións é inadmísíbel. O colectivo viña desempeñando unha xornada completa, até que despois da estabilización a súa xornada se reducise á metade. O comezo da súa prestación de servizos o pasado 1 de setembro foi a media xornada, e a Administración encargoulle o dobre de traballo, ocasionando a imposibilidade de cumprir os prazos de atención ao alumnado e provocando unha sobrecarga de traballo inasumíbel. Trátase dun servizo infradotado de persoal e as poucas traballadoras e traballadores cos que conta seguen, día tras día, soportando o maltrato institucional sen que a Xunta se apresure a solucionar este conflito.

Toda esta situación demostra que a denominada «actualización do PXNLG» do PP non é máis que unha pantalla para tapar a verdadeira aposta do Goberno galego por desprotexer o galego, impedir a capacitación lingüística do persoal da Administración e reducir á mínima expresión o dereito da cidadanía a ser atendida na súa lingüa.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...