Novas por contido

Un ano máis, outra vez... chega un clásico: a NON negociación da RPT da AMTEGA. O luns 17 de xuño de 2019, convocounos o xerente da AMTEGA a unha xuntanza o vindeiro día 19 de xuño para tratar outra modificación da súa Relación de Postos de Traballo. Esta modificación é todo un clásico do xerente:

  1. Amortizar catro postos base en canto quedan vacantes: analista-programador/a, enxeñeiro/a de funcións facultativas, técnico/a especialista en informática e operador/a de ordenador.
  2. Crear postos por arriba: neste caso 3 xefaturas de sección.
  3. Abrir a xefatura do departamento xurídico para a súa cobertura por persoal do estado. Descoñecemos a quen queren "colocar" desta vez...

A CIG-Autonómica convoca unha mobilización para denunciar a nefasta xestión de persoal de Función Pública; exixir a convocatoria inmediata de concursos de traslado; a “chapuza” da funcionarización obrigatoria; as amortizacións de postos e o peche de servizos; procesos de promoción interna; axilidade nos procesos selectivos; unha verdadeira carreira profesional, consolidada e universal .. Vai ser este mércores, día 19 de xuño, ás 11:00 horas, diante da consellaría de Presidencia, no edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Queremos a dimisión do actual director xeral de Función Pública. Sobran os motivos. Se estás cabreada ou cabreado, ven a protestar connosco.

A CIG denuncia que Función Pública non convoca os concursos de traslados porque non lle dá a gana, atrasándoos con escusas absurdas (os últimos foron: para persoal laboral en 2011; para administración especial en 2012 e para administración xeral en 2015). Por que se nega a convocar un concurso anual como si hai en ensino?

Ante a falta de concursos, obrigan ao persoal a buscarse a vida mediante comisións de servizo, figura que deixou de ser extraordinaria para converterse na forma ordinaria de moverse o persoal na Xunta, sen criterios obxectivos nen transparencia. Tal é así que en 2018 contabilizaron 984 comisións e 1.301 renovacións, o que dá un total de 2.285, e no que vai de ano 2019 van xa 380 novas máis 760 renovacións, o que dá un total de 1.140. Engadimos que detectamos e denunciamos 414 comisións de servizos ilegais (sen contar as ocultas e cruzadas), que deron xa lugar a recursos administrativos e probablemente acabe en contenciosos.

Na Comisión de Persoal do 17 de xuño de 2019 aprobáronse as RPTs de Medio Ambiente, IGVS e GAIN. A maiores diso, CIG fixo varias preguntas:

Modificación RPT Medio Ambiente: Aprobada cos votos en contra de CIG e CSIF e a abstención de CCOO e UGT.

Modificación RPT IGVS: Aprobada co voto en contra de CIG, a favor de CSIF e a abstención de CCOO e UGT.

Modificación RPT GAIN: Antes de proceder á votación, informa o DXFP que a negociación do cadro de persoal do persoal non integrado será no prazo máximo de 15 días para quedar aprobado antes das vacacións do mes de agosto. En relación á RPT da GAIN, a CIG denuncia de novo que FP pretende aprobala sen ter previamente modificado o decreto de estrutura. Segundo expón o representante da consellería, o decreto de estrutura e a RPT levarana ao Consello Reitor da GAIN o 25 de xuño para ser aprobados ambos antes da publicación no DOG. CIG en contra, CSIF a favor, CCOO e UGT abstención.

Recibimos correo de Función Pública co borrador de prazas a ofertar para a elección de destino do persoal funcionario que superou o proceso selectivo de A1-Biólogo.

Temos prazo de alegacións ata o mércores 19 de xuño, así que se queres dicirnos algo, podes contactar coa CIG canto antes.

O director xeral da Función Pública segue a columpiarse dicindo na última Comisión de Persoal (12/06/2019) que vai alongar todas as comisións de servizo ata que convoque os concursos. Pois a CIG oponse totalmente. Esta maneira chanchulleira e mafiosa de ter á xente anos e anos en comisión contravén o que dí a lei.

Así presentamos un recurso administrativo (que acabará nun contencioso) no que denunciamos unha por unha as 414 comisións de servizo que a día de hoxe superan os dous anos de duración.

Temos detectado os seguintes números de comisións irregulares:

  • Servizos centrais: 171
  • A Coruña: 72
  • Lugo: 62
  • Ourense: 36
  • Pontevedra: 73

E xa non só iso, tan pronto se aprobe o Decreto de provisión de postos imos tamén a impugnalo, pois segue a manter o sistema de concesións das comisións dunha maneira oscurantista, sen procedemento claro nin obxectivo e mantendo moitas casuísticas nas que se poden superar os dous anos.

A CIG defende que sempre que unha praza teña reserva de posto as comisións sexan rotatorias e non na mesma persoa; este é o núcleo do enchufismo desta Administración. A mellor solución: concursos de traslados anuais, en todas as categorías e escalas, como paso intermedio ao concurso permanente.

O venres 14 de xuño tivemos unha xuntanza con Medio Rural polos chamamentos de listas de substitución para prazas de nova creación do servizo de incendios. A información que traslada a consellería é a seguinte:

  • Os chamamentos faranse con comunicación por carta.
  • Todos os chamamentos serán para as 10:00 da mañá, segundo o seguinte calendario:
    • O día 21 de xuño, B.F Xefe/a de brigada.
    • O día 25 de xuño, B.F. condutor.
    • O día 26 de xuño, Bombeiro/a forestal (B.F.).
  • Os chamamentos serán nas xefaturas territoriais, ou no edificio que dispoñan as mesmas por motivos de aforo.
  • So haberá un sitio de chamamento por provincia. En Ourense houbo un erro e na citación electrónica apareceran dous lugares (na citación por carta xa vai corrixido).
  • O certificado médico presentarase no chamamento, non nas probas físicas como se viña facendo de costume.
  • A proba física vaina facer TRAGSA, e será o día 3 de xullo (se non hai cambios de última hora).
  • A previsión de incorporación deste persoal é para canto antes; aínda que non nos puideron apuntar data exacta, prevese que na primeira quincena de xullo.
  • Demos traslado de todas as queixas no referente ao caótico de todo o proceso e da imposibilidade de subsanación de erros nun proceso que está resultando totalmente opaco. Pero como sempre din, alí non era o sitio nin estaban os responsábeis destas cuestións.

Na Comisión de Persoal do 12/06/2019 votáronse as propostas de modificación das RPTs de Facenda, IET e Medio Rural, así como a modificación do protocolo de acoso laboral e outras discriminacións no traballo. A maiores, fixemos numerosas preguntas que poden ser do teu interese.

Modificación do protocolo de acoso laboral: aprobado co voto a favor das catro organizacións sindicais.

RPT de Facenda: aprobado co voto a favor de CCOO, CSIF e UGT, e a abstención de CIG.

RPT do IET: aprobado co voto en contra de CIG e CSIF, o voto a favor de UGT e abstención de CCOO.

RPT de Medio Rural: aprobado co voco en contra de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.

E en rogos e preguntas:

Concursos de traslados: a falta de RPT de Medio Rural era a escusa para non convocar algúns dos concursos de traslados, segundo ten manifestado Función Pública. Unha vez aprobada esta RPT pedimos a convocatoria dos concursos de traslados de persoal laboral e funcionario, de administración xeral e especial. O DXFP resposta que na semana que vén retomarán as bases de criterios xerais para no prazo máximo dun mes aprobar a convocatoria dos concursos de Administración Xeral e de veterinarios.

A xornada de verán é un exemplo das distintas modalidades de discriminacións que están a facer con varios tipos de persoal ao que non se lle aplica.

Pasadas as 14h do venres 14, recibimos correo de Función Pública coa nota informativa sobre o horario de verán 2019. Descargar.

O primeiro que esixe a CIG é que o horario de verán se regule de xeito permanente, e non mediante “notas” de Función Pública que chegan cada ano a última hora.

O segundo, arranxar algúns aspectos discriminatorios do contido das instrucións:

1. Persoal que ten horario especial, traballa a quendas ou xa ten unha redución de xornada previa. Esto é, que a inmensa maioría do persoal laboral, e bastante persoal funcionario, está excluido do horario de verán. A CIG demanda que este beneficio sexa de aplicación a todo o persoal, e se non pode ser aplicado que se ofreza algunha compensación en descanso.

Dende a Sección Sindical da CIG do Persoal Laboral de Servizos Centrais vémonos na situación de ter que aclarar publicamente as acusacións dos representantes da CUT e do CSIF respecto do resto de sindicatos de que non asistimos ás xuntanzas e non miramos polo persoal ao que representamos, ao tempo que amosar o noso malestar pola mala fe coa que están a actuar estes dous sindicatos no noso Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta.

Dende as últimas eleccións sindicais do mes de decembro o CSIF e a CUT teñen un acordo para levar a Presidencia e a Secretaría respectivamente. E o seu primeiro cometido non é outro que o ataque e derribo dos-as demais integrantes do Comité de Empresa, precisamente amparándose nas funcións que lles outorga o regulamento do Comité.

Como encargados-as de convocar os órganos de funcionamento do Comité, non ben bota a andar o recén elexido Comité de Empresa que xa teñen adoptada a estratexia para poder vender que só eles-as traballan na defensa dos intereses do persoal: non convocar en tempo e forma as xuntanzas mensuais da Comisión Permanente, con representación de cada unha das organizacións presentes no Comité de Empresa (CIG, CCOO, UGT, ACIVRO, CUT e CSIF). Desa maneira, non nos está sendo posible asistir a boa parte dos integrantes de dita comisión.

Na terceira reunión da Comisión Permanente, o 27 de maio pasado, só asistiron ACIVRO, CSIF e CUT, simplemente porque o resto de delegadas-os non fomos convocados ese día ao lugar e hora da xuntanza. Así CSIF e CUT pretenden acomodar o funcionamento do Comité aos seus propios intereses ao tempo que nos acusan aos demáis de irresponsabilidade por non acudir a unhas reunións ás que formalmente non estamos a ser convocados.

 

Dende a convocatoria da OPE do 2017, na CIG realizamos actuacións xudiciais contras diversas Ofertas de Emprego Público que afectan ao SPIF derivadas de varios incumprimentos dos Acordos asinados... Non é que sexamos do NON por sistema, como din algúns sindicatos, senón que consideramos que SÍ se deben realizar OEP’s pero cumprindo con tódolos requisitos e garantías.
Somos conscientes da súa importancia, e dadas as afirmacións contradictorias e difamatorias que se puideron xerar, queremos aclarar as distintas actuacións da CIG coas OEP’s. O noso sindicato interpuxo os seguintes recursos contencioso administrativos:

  1. Recurso contencioso administrativo contra o DECRETO 124/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 (DOG núm. 234, do 12 de decembro).
  2. Recurso contencioso administrativo contra o DECRETO 160/2018, do 13 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 (DOG núm. 239, do 17 de decembro).
  3. Recurso contencioso administrativo contra a ORDE do 28 de febreiro de 2019 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso na escala de auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, subgrupo C2, nas especialidades de emisorista/vixilante fixo/a, bombeiro forestal-condutor motobomba e bombeiro forestal, do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 44 do 4 de marzo do 2019).
  4. Recurso contencioso administrativo contra o DECRETO 33/2019, do 28 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 (DOG núm. 67 do 5 de abril do 2019).

Primeiro defendimos en todas as mesas o cumprimento dos Acordos, defendimos que sairan tódalas vacantes a procesos selectivos adecuados áxiles e garantistas, mobilizámonos en sinal de protesta e agora demandamos á Xunta e os seus actos nos xulgados por non adecuarse aos acordos asinados.
Coa CIG imos loitar ata o final na defensa dun servizo de incendios sen precariedade para o que se ten que reducir dunha vez a temporalidade 

Outras novas recentes

Xoves, 26 Marzo 2026

A saúde pública non pode esperar: vacantes sen cubrir, comisións bloqueadas e restricións de teletraballo sen sentido en Ourense

A CIG mantivo o pasado mércores 18 de marzo unha reunión coa directora territorial de Sanidade e o xefe de persoal para abordar o teletraballo, a falta de persoal e a situación de distintos servizos. Teletraballo Trasladamos a queixa do persoal pola limitación a un único día semanal, unha decisión difícil de entender cando o Acordo vixente permite até o 50% das xornadas e...
Mércores, 18 Marzo 2026

CIG denuncia á Consellería de Política Social diante a Inspección de Traballo

A Consellería de Política Social incumpre a Lei de prevención de riscos laborais. Na Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), as traballadoras embarazadas das escolas infantís de cero a tres anos están sometidas a un risco biolóxico inaceptable. As empresas e institucións con persoas empregadas a cargo teñen que protexer aos seu cadros de persoal ante os riscos derivados...
Mércores, 18 Marzo 2026

A CIG mobilízase en Educación e entrega máis dun milleiro de sinaturas pola negociación dun acordo para o persoal non docente

p7VNTytjpwg Preto de 5.000 traballadores e traballadoras de Administración e Servizos dos centros de ensino carecen dunha regulación actualizada das súas condicións laborais A CIG mobilizouse o martes 17 de marzo diante da Consellería de Educación para reclamar a apertura dunha mesa de negociación que permita aprobar un acordo de condicións de traballo para o persoal de...