Novas por contido

Esiximos o pagamento íntegro e inmediato da débeda recoñecida por múltiples sentenzas xudiciais

Logo das múltiples sentenzas condenando a Xunta de Galiza a devolver a parte devindicada da paga extraordinaria do ano 2013, o Goberno galego acaba de presentar unha proposta ás organizacións sindicais para abonar estas cantidades en dous cómodos prazos (nos anos 2016-2017). Unha proposta que a CIG considera un novo engano do Executivo de Feijoo ás empregadas e empregados públicos.
A CIG demanda á Xunta de Galiza que cumpra a súa propia Lei de Orzamentos do ano 2013 e pague integramente o que os xulgados están recoñecendo como dereito a percibir: a parte da paga extraordinaria devindicada dos meses de xaneiro e febreiro do ano 2013.

Denunciamos a baixa catadura moral do Goberno de Núñez Feijoo, a quen non lle tremeu a man para subtraernos ilegalmente parte da paga extra do ano 2013 e que agora parece que lle doe ter que devolver ese diñeiro.

Dende a CIG criticamos a falta de negociación real do acordo remitido pola Xunta e que este fora anunciado nos medios de comunicación cun claro obxectivo electoralista. A CIG non vai entrar a negociar nin a colaborar de ningunha maneira neste novo engano aos traballadores e traballadoras da Xunta.

Sobre todo, tendo en conta que a Xunta está obrigada, agora, a efectivizar esta débeda, despois dos numerosos xuízos gañados pola CIG, cuxas sentenzas a están obrigando a facer o pagamento desa parte da extra do ano 2013.

Por iso adiantamos que non entraremos a negociar ningún acordo que non recolla o pagamento integro do complemento específico e demais complementos dos anos 2013/14/15/16, tal e como lle temos proposto á Xunta en innumerábeis ocasión a través do Plan de renegociación da débeda salarial, e a recuperación de dereitos retributivos, laborais e sociais e a restitución de acordos sectoriais.

Outras novas recentes

Xoves, 02 Outubro 2025

Persoal non docente de Educación mobilízase por unhas condicións de traballo dignas

Persoal non docente da administración e servizos dos centros de ensino concentrouse na tarde deste mércores, día 1 de outubro, diante das xefaturas territoriais de Educación para reclamar a negociación dun acordo de condicións de traballo que teña en conta as características específicas da prestación deste servizos, a creación dunha estrutura profesional nas cociñas, e...
Mércores, 01 Outubro 2025

RPT de Medio Rural e RPT da administración especial para poder finalizar o concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias

O venres 26/09/2025 celebrouse a Comisión de Persoal onde se levaban dous asuntos,   RPT de Medio Rural Estamos en contra dunha modificación de RPT na que se amortizan 14 postos de traballo para crear 7. Sen os postos derivados do decreto de estrutura temos que se destrúen 7 postos para crear 2 e para financiar a inmoral e insolidaria suba do complemento específico dos...
Venres, 03 Outubro 2025

Persoal da Xunta de Galiza reclama unha solución inmediata á parálise dos concursos de traslados (Concentración 30/09/2025)

A CIG demanda unha prelación xusta, axilidade na resolución, máis medios e a duplicidade dos postos bloqueados por medidas xudiciais Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza concentráronse na mañá do martes 30 de setembro de 2025 diante do edificio administrativo de San Caetano para esixir unha solución inmediata aos concursos de traslados, paralizados dende hai...