Novas por contido

Se a receita do éxito da política de I+D+I consite en mimar aos seus recursos humanos, non se espera demasiado éxito se se comeza por tratar de xeito despectivo ás persoas encargadas da súa xestión.

Por pedimento da CIG, a semana pasada tivo lugar unha xuntanza co secretario xeral da Consellaría de Economía e Industria para falar sobre o anteproxecto de Lei polo que se autoriza á Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Innovación. A motivación desta reunión nace de dous extremos: 1) a falta de información ao persoal afectado e aos seus representantes, e 2) o contido no seu articulado de elementos que son materia de negociación e que afectan ás condicións de traballo dos empregados públicos.

En primeiro lugar, hai que dicir que  este anteproxecto de lei vai en contra do borrador da futura Lei de función pública de Galicia xa que mentres esta pretende centralizar as competencias en materia de acceso ao emprego público, o anteproxecto permitiría á futura axencia contratar o seu propio persoal mediante os seus propios procesos selectivos. Dende a CIG non cuestionamos a capacidade de autoorganización da Xunta de Galicia, pero si entendemos que ao ter neste caso consecuencias sobre as condicións de traballo dos empregados públicos, debe proceder a negociación coas organizacións sindicais. Cremos que a atribución de potestades en materia de persoal a este tipo de entes é unha forma de escapar do control do dereito administrativo e somos reticentes a ista atribución baseándonos nas experiencias previas dos anteriores gobernos que levaron a crear situacións laborais problemáticas derivadas de cesións ilegais e accesos ao emprego público sen as debidas garantías.

Por outra banda, coa futura RPT da consellaría a piques de ser aprobada e tendo en conta que a futura axencia absorberá as competencias da actual Dirección Xeral de I+D+I, interesámonos polo futuro do persoal funcionario e laboral desa unidade administrativa. Ao mesmo tempo expresamos o noso malestar, en consonancia cos traballadores e traballadoras afectadas, polo mutismo co que se está a xestionar todo o proceso. Sen ir máis lonxe, o persoal tivo que decatarse pola prensa (nunha entrevista ao director xeral) de que a dirección xeral desaparecería a comezos do próximo curso académico coa creación da nova axencia.

O secretario xeral tratou de escudarse en que a vontade de información e transparencia quedaba reflectida na publicación do anteproxecto de lei na páxina web e que aínda se estaban dando os primeiros pasos. Será co futuro Decreto que cree a axencia e máis co anexo dos seus Estatutos cando corresponda a negociación. De todos os xeitos explica que a Dirección Xeral de I+D+I (orzamento incluído) integrarase na nova Axencia xunto con parte do "monstruo" da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. O curioso é que mentres que o director xeral facilita datas exactas na prensa, o secretario xeral non é quen de achegarnos unha data aproximada nin un cronograma do proceso de creación. Do mesmo xeito, mentres que o director xeral en reunións con investigadores das universidades asegura que as competencias de investigación básica quedarán en Educación, o secretario insiste que "pasará en bloque" toda a dirección xeral. En todo caso, e pesar das discrepancias internas evidentes, asegúrannos (como non podía ser doutro xeito) que se lle respetará ao persoal funcionario e laboral desta dirección xeral todos os seus dereitos e retribucións.

Dende a CIG insistimos en que ese "pase en bloque" non é tan sinxelo e máis cando se restrinxen dereitos dos traballadores tan elementais como a mobilidade á condición de autorización previa nas condicións e prazos que determine o Estatuto (artigo 17.2). Insistimos tamén en que se a vontade da consellaría é a transparencia, debe informar aos traballadores e ás centrais sindicais de calquera futuro movemento de xeito unívoco antes de que as novas na prensa e as especulacións xeren máis suspicacias. En todo caso, e a pesar do noso carácter de diálogo, se o que queren é crear unha futura ETT dentro da Administración, na que por riba constrinxir os dereitos do persoal funcionario e laboral, terannos sempre en contra.

Outras novas recentes

Martes, 09 Setembro 2025

Lumes nunca máis. Participa na mobilización do domingo 14 de setembro!

A CIG-Autonómica chama ao persoal a participar na mobilización nacional do domingo 14 de setembro, para esixir a mellora das condicións laborais e a planificación preventiva no marco das medidas que eviten outra vaga de lumes A manifestación terá lugar en Compostela o domingo 14 de setembro, ás 12:00 horas, e sairá dende a Alameda. O persoal bombeiro e axente forestal, e...
Venres, 12 Setembro 2025

A CIG demanda o establecemento dunha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público

Desde o ano 2010 o persoal empregado público perdeu máis dun 20% de poder adquisitivoA CIG rexistrou esta mañá unha Proposición non de Lei para que o Parlamento de Galiza inste á Xunta a dirixirse ao Goberno do Estado para que presente de inmediato unha proposta lexislativa que estableza unha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, de xeito que os...
Venres, 05 Setembro 2025

Asembleas polos concursos de traslados e as eleccións de destino (con cambios en Compostela e Ferrol)

Moitos dos concursos de traslados do persoal funcionario da Administración Autonómica actualmente convocados están parados ou gravemente afectados por medidas xudiciais. Dende a CIG convidámoste a asistir ás asembleas que convocamos para falarmos dos problemas e da situación de todos os concursos de traslados e das consecuencias das sentenzas e das medidas cautelares...