Novas por contido

A CIG-Autonómica presenta as súas alegacións formais á proposta de creación da Axencia Galega de Innovación. Das ditas alegacións dedúcese a violación normativa na súa creación e destápanse claros indicios de arbitrariedade e nepotismo.

O buraco negro fundamental resulta de que a lei que crea esta axencia deixa un mandato claro: creala coas competencias e medios propios da Dirección xeral de I+D+i coa data da súa entrada en vigor. O caso é que desde a entrada en vigor da lei habilitante (o 1 de xaneiro) ata o proxecto de axencia presentado a esta central sindical, a consellaría de Economía e Industria encargouse de deixar polo camiño as competencias de I+D+i en Universidades e pretende tamén deixar fóra do proxecto da axencia a metade dos recursos propios (18 traballadores dun total de 39).

Reforma da RPT

Outro dos aspectos feito en fraude de lei foi o traslado de persoal illado (3 dos 7 traballadores), non vinculado ás competencias traspasadas desde á consellaría de Educación, mentres persoal si vinculado a estas competencias ficaba na Dirección Xeral de I+D+i. Neste senso, a lei de función pública é clara, e obriga á creación dun plan de emprego para facer estes traslados, cousa que nunca se levou a cabo.

Os outros 11 traballadores que se quedan polo camiño van ser movidos ao resto das unidades da consellaría cunha ausencia total de informe ou xustificación documental algunha destas necesidades. A consellaría argumenta que estes perfís non encaixan na futura axencia, cando tampouco achega xustificación ningunha do estudo dos perfís destes traballadores.

Nepotismo

Curiosamente, mentres Industria alixeira o que debera ser a matriz da futura axencia en persoal da Xunta, xustifica o mantemento dunha encomenda de xestión  cun ente instrumental nas necesidades futuras de persoal. Do mesmo xeito, insístese en deixar constancia neste decreto da preferencia do persoal laboral fixo do dito ente co que se mantén esa encomenda.

Por outra banda, subsiste o interese de Industria en manter a toda costa a capacidade de contratar persoal baixo criterios propios. O que non achegan é ningunha xustificación nin documento dos criterios da categoría profesional que buscan. Só fan referencia continua á necesidade dun dominio bilingüe do inglés. Desde CIG, e nunha intervención bilingüe na última xuntanza, defendemos que os coñecementos idiomáticos como requisito poden seleccionarse sen escapar do sistema de selección da normativa actual de función pública.

O fin xustifica os medios?


A pesar de todos estas dúbidas manifestadas, a consellaría insiste en que “teñen un compromiso cos seus clientes de ter a axencia funcionando o 1 de decembro e  non poden agardar”. Do mesmo xeito, despacha as obxeccións normativas feitas por esta central sindical, argumentando que “xa corrixirá o que deba a Asesoría Xurídica”. Desde a CIG-Autonómica recordámoslle á consellaría que na Administración pública as “rixideces” débense a que se están a manexar cartos públicos e que a Administración non é unha empresa privada onde se pode contratar e investir con total discrecionalidade.

No fondo, se está a desnaturalizar o contido da unidade administrativa matriz da axencia (a Dirección Xeral de I+D+i), vía reforma de RPT e vía decreto, con raquíticas xustificacións, nulos informes e indicios claros de arbitrariedade e nepotismo, de xeito que se propón unha negociación dentro dun marco de evidente ilegalidade na que a CIG non está disposta a participar.


Nota de prensa remitida aos medios

Outras novas recentes

Xoves, 09 Xullo 2026

Eleccións de destino das escalas sociosanitarias

Despois do desastre de convocatoria de elección de destino destas escalas onde se duplicaron prazas, se ocultaron prazas sobrantes do concurso, meteron prazas que non pasaron polo concurso, meteron en varias escalas prazas con requisitos non esixidos na convocatoria sen aumentar en igual número ás sen requisitos, sacaron listados con xubilados e falecidos, etc, etc, etc......
Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...
Venres, 10 Xullo 2026

Listaxes provisionais de axudas aprobadas do Fondo de Acción Social

No DOG do 10/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade. Fan...