Novas por contido

Tras unha xuntanza o pasado luns, 1 de agosto, sen puntos de encontro coas organizacións sindicais, Industria remite agora un 2º borrador do Decreto da Axencia que pretende limar asperezas reducindo o persoal propio que van contratar a dedo a un "desprezable" 40%, e que vai existir de xeito transitorio ata a hipotética creación dunha nova categoría de persoal laboral da Xunta de Galicia.

O problema fundamental segue aí: a LOFAXGA permite crear pequenas administracións que no día a día poden funcionar como reinos de taifas, contratar persoal a pracer, con sistemas de avaliación do rendemento variopintos e diversas relacións laborais convivindo baixo o mesmo teito. E tanto é así como queren funcionar, que a intención é ter a menor cantidade de empregados públicos posible; empregados públicos que molestan porque estes contan cunhas garantías laborais que fan que poidan estar ao servizo dos intereses da cidadanía e non ao servizo e presións dos intereses da clase política.

A intención da consellaría é levarse só ao persoal funcionario de carreira (o mínimo imprescindible) quedando polo camiño todo o persoal interino e laboral indefinido.  Non se pode eliminar persoal da DX de I+D+i porque sobran e logo contratar ou integrar persoal doutros entes na Axencia porque fai falla. Todos estes movementos realízanse con escasas ou nulas xustificacións e cunha evidente intención de prácticas de nepotismo. A máis peregrina de todas as xustificacións é a necesidade dun perfil de bilingüismo inglés por parte do persoal da nova axencia (cremos entender que a consellaría se refire a galego-inglés). Se por iso é, desde a CIG-Autonómica propoñemos:

1º) Que se aproveiten o persoal propio da Xunta de Galicia.

2º) Se fóra necesario, ampliar a formación deste persoal nos ámbitos requiridos.

3º) En último lugar, e para casos moi concretos e xustificados, crear postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, grupo I categoría 004 no caso de precisar un titulado superior, con probas específicas e valoración de méritos lingüísticos.

Desde a CIG-Autonómica defendemos a profesionalidade do persoal propio da Xunta de Galicia, e cremos que hai persoal suficientemente formado para incorporarse na axencia e evitar contratacións a maiores. Toda precaución é pouca no cumprimento da legalidade vixente que evite  as contratacións de familiares e amigos cos cartos de todas e todos os cidadáns. Curiosamente parte do persoal da actual Dirección Xeral de I+D+i ten aínda sentenzas xudiciais pendentes de execución que lles recoñece o dereito e capacidades de realizar funcións que precisamente se van levar na axencia e foi desprazado xa, ou vaino ser en breve, desta dirección xeral.

Ao mesmo tempo, denunciamos tamén a situación de terror laboral que se está a vivir na Fundación Fomento Calidade Industrial, investigada actualmente pola Inspección de Traballo, e que se pode estender á nova axencia dada a futura incorporación da xerencia da dita fundación.

Nota de prensa remitida aos medios

Descarga o novo borrador



Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...