Novas por contido
  • A CIG presenta unha proposta alternativa e pide sentar a negociar melloras reais.
  • Considera que se debe superar o dito acordo (ver anexo) e falar dunha modernización da Administración galega que sitúe á mesma e ás súas persoas empregadas públicas no século XXI.

A Xunta de Galiza vén de presentar un borrador de acordo de mellora de emprego para impor a suba pactada por CCOO, UGT e CSIF en Madrid do 1,5% + 0,25 a partires de xullo.

Isto a pesares de que o IPC interanual está no mes de xuño no 2,3%, e de que os sindicatos asinantes acaban de acordar co goberno e a patronal que no sector privado a suba mínima sexa de entre o 2%.

A CIG non vai entrar no xogo de darlle unha pátina de lexitimidade ás actuacións da Xunta porque non hai unha verdadeira vontade negocial. Isto maniféstase en que nin sequera desenvolven o acordo asinado en Madrid o 9 de marzo en temas como as 35 horas ou eliminar os descontos por incapacidade temporal. Só tocan tres dos seis puntos: “mellora retributiva”, “plan de estabilización” e oferta de emprego público 2018. Por un lado, Feijóo recortou ao persoal público máis que ningunha outra Administración para vender o seu "milagre económico" e polo outro pon enriba da mesa só unha parte do asinado en Madrid polos seus compañeiros de partido. Isto cómpre cualificalo do que é: ridículo.

Acordo de modernización da administración galega

Fronte a isto a CIG presenta unha contraproposta na que se contemplan cuestións “de mínimos” como:

• Recuperar o complemento por Incapacidade temporal (IT) do 100%.
• Eliminar a taxa de reposición e vincular os cadros de persoal ás necesidades reais e á carga de traballo do persoal para garantir a atención dos servizos públicos, fuxindo da subcontratación e das chamadas asistencias técnicas.
• Recuperación do poder adquisitivo e vincular os incrementos salariais ao IPC.
• Negociación da carreira profesional.

A respecto desta última cuestión a CIG lembra que as traballadoras e traballadores da administración autonómica viron deteriorado o seu poder adquisitivo nun 13,20% de media. Por iso non podemos admitir un aumento salarial referenciado ao incremento do PIB e non ao IPC.

Por outro lado, este acordo entra en contradición coa prédica doutros sindicatos de que hai Administracións que cobran incluso un 55,81% máis (como o Parlamento de Galiza) ou o 53,78% (como outras CCAA) e que instan á Xunta a homologarnos con elas. Se isto é así, por que os sindicatos asinantes de todos estes acordos, especialmente do acordo de ámbito galego, non recollen esa homologación?

A CIG defende ademais a necesidade de que se aborde un verdadeiro acordo de modernización da Administración galega noutros aspectos nos que a Xunta de Galiza “aínda vive na idade de pedra” respecto a outras Administracións. Neste sentido sinalamos aspectos como o desenvolvemento obxectivo dunha carreira profesional, os concursos permanentes ou rematar co caciquismo nas comisións de servizo. Consideramos necesario elaborar un acordo moito máis ambicioso pois moito máis ambiciosos foron os recortes e de moito máis atrás partimos en cuestión de carreira profesional.


Plan de estabilidade e oferta de emprego público

Este é o enésimo acordo sobre mellora de emprego e sobre estabilidade e non se aprecia nengunha mellora respecto aos anteriores, aínda sen concretar e sen executar. Recapitulamos:

• 2017-MARZO: Acuerdo para la mejora del empleo público, de 29 de marzo de 2017.
• 2017-OUTUBRO: Acordo entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF para o desenvolvemento dun plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, de 18 de outubro de 2017.
• 2018-MARZO: II Acuerdo para la mejora del empleo público y las condiciones de trabajo, de 9 de marzo de 2018.
• 2018-XUÑO: Proposta de ampliación do Acordo do 18 outubro 2017.


Asinan acordo tras acordo e reúnen subcomisión tras subcomisión sen resolver nada, sen ofertar nada e sen convocar nada, xogando coas expectativas de moita xente que espera que se convoquen procesos selectivos de estabilización ou que se desenvolvan procesos de promoción interna dignos de tal nome. As taxas de temporalidade seguen na Administración xeral da Xunta de Galiza no 25% e no persoal laboral dispáranse preto do 40%.

Proponse tamén no borrador do acordo unha taxa de reposición que só poderá superar o 100% en determinados sectores e baixo determinadas circunstancias económicas. Recordamos que a taxa de reposición considera só a cobertura dos postos por xubilación, ou sexa que como moito estariamos mantendo os niveis de profesionais públicos que se xubilan e sen chegar a recuperar os varios centos que eliminaron nestes últimos 8 anos.

Finalmente, a CIG considera que se debe superar o dito acordo de “mellora” e falar dun verdadeiro acordo de modernización da Administración galega noutros aspectos nos que a Xunta de Galiza aínda vive na idade de pedra respecto a outras Administracións: o desenvolvemento obxectivo dunha carreira profesional, os concursos permanentes ou rematar co caciquismo nas comisións de servizo. Así pois, consideramos necesario elaborar un acordo moito máis ambicioso pois moito máis ambiciosos foron os recortes e de moito máis atrás partimos en cuestión de carreira profesional. Deste acordo daremos debida conta coas traballadoras e traballadores da Administración xeral da Xunta de Galiza, a quen chamamos a defensa e mobilización dos seus dereitos.

Outras novas recentes

Luns, 20 Outubro 2025

Concursos de traslados de veterinarios/as e escalas sociais: relación provisional admitidos/as e excluidos/as

Recibimos comunicación da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na que nos informan de que o mércores 22 de outubro publicarán no Diario Oficial de Galiza as seguintes resolucións: Resolución do 15 de outubro de 2025 pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso de traslados F0325, escala de veterinarios....
Luns, 27 Outubro 2025

Bases do concurso de educacion infantil + aux. coidador/a (borrador 27/10/25)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal achéganos as bases e o listado de prazas do concurso de traslados das especialidades de educador/a infantil (técnicos/as facultativos e axentes técnicos/as facultativos) e da excala de auxiliar de coidadores. Os sindicatos temos prazo para presentar alegacións ata o luns 3 de novembro, así que se tes algo que...
Luns, 20 Outubro 2025

30 de outubro: en pé por un Servizo de Incendios digno e público!

O persoal do Servizo de Incendios mobilízase o xoves 30 de outubro en Compostela por un servizo público, digno e con garantías laborais. A manifestación saíra ás 11 horas da Consellaría de Medio Rural en San Lázaro e rematará diante do edificio da Xunta en San Caetano. Dende a CIG-Autonómica denunciamos a situación de abandono, desigualdade e mala xestión que padece o...