Novas por contido

Despois de que a CIG puxera enriba da mesa que non se poden negociar incrementos ridículos como os derivados dos acordos de Madrid e obviar a necesidade de establecer unha carreira profesional, Función Pública ponnos un borrador enriba da mesa. Isto, que nun principio pode parecer razoábel, deixou de selo en canto Función Pública amosou a súa intención de negociar e pechar o asunto en poucos días, en pleno mes de agosto, coa maior parte dos/as empregados/as públicos/as de vacacións. Función Pública teima en ligar o acordo de mellora do emprego público e o acordo da carreira profesional, sen negociación real e cunhas condicións inaceptábeis. Pola súa importancia e transcendencia para o conxunto de empregadas e empregados públicos, a carreira profesional precisa dunha negociación propia e exclusiva á marxe de calquera outra materia.

Varios sindicatos xa estaban dispostos a asinar hai semanas o acordo de mellora de emprego e condicións de traballo tal e como estaba redactado, mais despois de que lles afearamos a conduta tan pouco reivindicativa e de que deixaramos en evidencia á Función Pública lembrándolles que no Estado xa recuperaron o 100% do complemento no caso de IT, a Administración acepta comprometerse a restaurar o complemento do 100% asumindo así a nosa reivindicación. Pasamos así duns textos iniciais aceptados por outros sindicatos nos que a Xunta simplemente se comprometía a negociar no futuro os casos en que se pagaría o 100% por Incapacidade Temporal, a termos enriba da mesa unha proposta de compensar o 100% para todos os casos de IT.

Pero non abonda. Aínda que quedemos en solitario a CIG mantén o pulso:

  • Non estamos dispostos a aceptar incrementos retributivos que non garantan o mantemento e incremento do poder adquisitivo. Por exemplo, no ano 2018 a suba vai ser inferior ao IPC. Demandamos por tanto unha cláusula de revisión salarial.
  • Está moi ben discutir os colectivos para os que se pode establecer unha xornada inferior a 37,5 horas semanais. A CIG está conforme en estudar todos os casos, pero partindo da xornada máxima de 35 horas para todos e todas.
  • Esiximos a derrogación inmediata da lei 1/2012 de medidas temporais que supuxo a suspensión de varios artigos do V Convenio colectivo, entre os que destaca o artigo 19, que castiga especialmente ao persoal que presta servizos en centros asistenciais de Política Social.
  • Queremos recuperar o Fondo de Acción Social.

En canto á carreira profesional, non podemos aceptar propostas por debaixo das doutros colectivos, o que na práctica se traduce na existencia de empregados públicos de primeira e de segunda:

  • Os fondos consignados son insuficientes e os tramos para a percepción do complemento non son os acaídos, a parte de que todo está supeditado á dispoñibilidade orzamentaria, polo que a carreira profesional non está plenamente garantida.
  • Non estamos conformes coa calendarización proposta. O período de carencia e incremento paulatino é ridícula. Agardar ao ano 2027 para o cobro do 100% da cantidade do grao asignado é unha tomadura de cabelo.
  • O período para acadar o grao 4 vai ser imposíbel de conseguir para moitos dos traballadores/as a pesares de contar coa antigüidade necesaria.
  • O persoal laboral queda fóra da carreira profesional.
  • A súa concesión está vinculada a factores totalmente subxectivos (podería ser un informe favorábel do superior xerárquico) e fóra do control sindical.

Finalmente, diante da presión e da negativa da CIG, a negociación do acordo de mellora de emprego e condicións de traballo queda para setembro. E con elo tamén a negociación da carreira profesional. Non podía ser doutro xeito, non era aceptábel meter con calzador e ás agachadas un acordo de tanta repercusión nas condicións de traballo do persoal funcionario e laboral.

Por agora a cousa fica parada, mais Función Pública xa amosou a chantaxe á que quere someter aos sindicatos. Nunha actitude claramente mafiosa, Función Pública ameaza aos sindicatos que non asinen con quedar fóra do acceso a unha chea de información e negociacións. Pero aínda que nos implique custes como sindicato, a CIG non vai tragar con migallas. Só asinaremos se o acordo é netamente positivo. E cada quen que asuma a responsabilidade dos seus actos.

Outras novas recentes

Martes, 21 Outubro 2025

Borradores dos procesos selectivos de corpos xerais, PSX, auxiliar de clínica e psicoloxía

Dende a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remítenos os borradores de convocatorias dos seguintes procesos selectivos para alegacións ata o venres 31 de outubro ás 15:00 horas. Corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala de persoal de servizos xerais (PSX). PI. Descarga documentación Corpo de...
Luns, 27 Outubro 2025

Fondo de Acción Social do ano 2024: listaxe definitiva de axudas aprobadas e denegadas

No DOG do 27/10/2025 publican a RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2024, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade....
Mércores, 29 Outubro 2025

Boletín CIG Saúde Laboral nº 63: radón nos centros de traballo

Poñemos ao teu dispor o Boletín CIG Saúde Laboral Nº 63, publicación en materia de prevención de riscos laborais e saúde laboral, elaborada polo Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega. Contidos:         O radón Municipios prioritarios Metodoloxía Medicións Informes de resultados Descarga boletín 63 de Saúde laboral Está a túa...