Novas por contido

Na tarde do venres 27 recibimos un correo no que por orde do director de función pública daban traslado ás organizacións sindicais dous documentos, con indicación de que podiamos presentar alegacións antes do martes 31:

  • Unha nova versión dunha proposta de ampliación do mal chamado acordo de estabilización.
  • Unha primeira versión dun futuro plan de carreira profesional.

A existencia dunha carreira profesional, ou sen utilizar ese nome o establecemento dun sistema de promoción real, tanto ascendente a un grupo superior como horizontal dentro do mesmo grupo, foi unha reivindicación de sempre da CIG, sen conseguir receptividade algunha por parte dos nosos interlocutores. O goberno, o director de función pública, sábeo de sobra.

Non parece que unha proposta desta importancia enviada mediante correo electrónico un venres ás 14:27 h, cun fin de semana de finais de xullo por medio, que require un tempo mínimo de estudo, avaliación e debate interno, e presentar alegacións o martes seguinte antes das 14 horas, cumpra cos mínimos principios de negociación referidos polo Estatuto Básico do Empregado Público e a Lei de Emprego Público de Galiza. Moito menos tratándose dunha materia que tería unha importante incidencia nas condicións de traballo de persoal, a despachar en poucas horas.

Por casualidades da vida, ou non, o luns 30 publicaron no DOG a orde pola que establecen a carreira profesional no ámbito do persoal estatutario do SERGAS, froito dun acordo entre Administración Sanitaria e Organizacións Sindicais despois de 8 meses de negociacións. E iso que viñan dun anterior acordo que fora suspendido unilateralmente polo goberno fai anos.

A carreira profesional é unha demanda histórica da CIG e que consideramos moi importante para os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza polo que compre unha negociación efectiva.

Chegado o martes 31, recibimos convocatoria para xuntarnos co director de función pública ao día seguinte, mércores 1 de agosto, ainda que posteriormente aprazárona para o xoves 2. Conclusión: teñen as ideas moi claras do que queren, pois tanto lles dá o que poñamos por escrito os sindicatos, porque nin tempo van ter a ler as alegacións.

O que imaxinamos é que a procesión vai por outro camiño: hai unha semana dixemos que o acordo de estabilidade era inaceptable. Era a nosa resposta ao borrador de data 12/07/2018 de “proposta de acordo [..] polo que se amplía o acordo de 18/10/2017 para o desenvolvemento dun plan de estabilidade [..]”, un documento vergoñento para os asinantes do acordo orixinal, entre eles os sindicatos CCOO, CSIF e UGT. Entre outras porque a suba salarial que pactan, é xa inferior ao incremento do IPC, e por tanto ratifican outro ano máis de perda de poder adquisitivo.

Así que precisaban darlle unha man de pintura para facelo máis atractivo e poder xustificar a sinatura. Na nova versión enviada o venres 27:

  • Inclúen unha referencia a un proxecto de acordo polo que se establecen as bases da carreira profesional (acompañan cunha proposta de texto). Esta é a gran novidade.
  • Comprométense a negociar no mes de setembro o establecemento do complemento do 100% das retribucións en caso de IT. O compromiso do 100% nas ITs continúa a ser difuso no tempo: “negociarase”, “de ser o caso”, “que posibilite acadar”, “en caso de chegar a acordo”. Vamos, que simplemente se comprometen, e xa veremos se cumpren, a sentarse a falar en setembro.
  • Engaden unha intención de chegar a aprobar un plan de igualdade e de medidas de conciliación. Outra declaración sen concreción: “os asinantes promoverán e impulsarán [..] a aprobación de plans [..]”.

Seguimos, xa que logo, cunha proposta con engadidos que non atende moitas das nosas demandas colectivas (anulación das medidas da Lei 1/2012 de medidas no emprego público, etc.), outras que non concreta (100% en IT), e algunhas son regresivas (incremento salarial por debaixo do IPC).

A carreira profesional

A proposta que acompañan deixa fora ao persoal laboral, leva asociado un proceso de avaliación, ten uns prazos inaceptables.

O xeito de acadar un grao, a pesar de que se intenta revestir de asepsia e de independencia ao facerse por medio dunha comisión, non deixa de ser dun xeito discrecional a xuízo de cada comisión avaliadora, en todos e cada un dos diversos apartados que a dividen.

No apartado de formación habería que porlle límites para que non sexa discrecional. Senón pode ser que a pesar de ter feito abondosa formación durante un período de tempo a comisión non a considere suficiente para acadar o grao.

Dende logo é tremendo o tufo que ten a premio para aquel ou aquela que faga todo como manda o xefe e o mal que o pode levar aquel ou aquela que reivindique a obxectividade ou a transparencia por exemplo.

Conseguír os graos, para moitos e moitas, vailles pillar moi preto á xubilación sen ter chegado ao segundo grao, por moitos anos de servizo que teña.

Non queda nada claro o réxime transitorio. A complexidade desta proposta require máis tempo, ademais que este complemento sustituirá o complemento de destino do persoal funcionario e implica cambios importantes, económicos. Hai que estudar as cifras pero en todo caso terá que quedar garantido que este cambio de sistema non vai implicar mermas retributivas do persoal.

En definitiva, a CIG non vai dar por pechada a negociación dun asunto desta importancia en dous días.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Decembro 2024

A Xunta quere aprobar unha moi escasa Oferta de Emprego Público do 2024

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación. E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...