Novas por contido

O venres 26 de outubro os sindicatos asistimos a unha xuntanza co director xeral de Función Pública para tratar as cuestións que foran sen negociación á Mesa Xeral da semana anterior, coa chantaxe dos orzamentos do 2019. Finalmente tratamos varios asuntos importantes que afectan ao persoal ao servizo da Administración Autonómica.

De novo a Xunta de Galiza aplica estratexias para non negociar creando unha mesa batiburrillo. Eran tres temas de calado: a proposta para de acordo de mellora do emprego público, a carreira profesional e o decreto de mobilidade. Pero como lles eran poucos asuntos, ademais meten a modificación ao decreto de listas, unha listaxe de categorías do V convenio a funcionarizar .. Así que un montón de horas para pouca cousa en limpo.

Como non pode ser doutro xeito, reclamamos que se teñan en conta as achegas presentadas pola CIG e convoquen mesas de traballo centradas en cada asunto para poder tratalos a fondo. Tivemos que lembrarlle que a CIG non pactou o Acordo de Madrid, e polo tanto temos dereito a negociación da que se queren escaquear, as 35 horas semanais, a unha suba salarial que recupere o poder adquisitivo perdido dos empregados e empregadas publicas cunha suba en condicións ..

CARREIRA PROFESIONAL

O goberno mantén o modelo SERGAS, a aplicar só ao persoal funcionario e ou persoal laboral que se funcionarice. A CIG insiste en que ten que aplicarse a todo o persoal, funcionario ou laboral, fixo ou temporal, a cobrar nuns prazos máis áxiles, recoñecendo toda a antigüidade, e sen tanta diferenza entre grupos (actualmente é máis do triple entre A1 e subalterno). O DXFP acepta negociar os prazos e buscar unha solución para o persoal laboral, pero non modificarán os importes.

LEI DE ACOMPAÑAMENTO E LEI DE ORZAMENTOS DO 2019

Aceptan revisar a redacción para que o importe a cobrar como 100% en IT non quede fixada durante toda a baixa á cantidade do primeiro mes, incorporando así as posibeis subas retributivas que se produzan. Están a estudar que os permisos computen a partir do primeiro día hábil e permitir a xornada continua con fillos menores de 12 anos. Manteñen o resto, o que inclúe (entre outros): os concursos específicos serán convocados por cada consellería; o permiso por parto, adopción ou acollemento, pasa a 22 semanas; segunda actividade para axentes forestais e medioambientais (deixa no limbo a bombeiros forestais e gardacostas).. Nada das 35 horas semanais. Din que en xullo cumprian a regra de gasto, pero en outubro xa non está claro; esto podería afectar ás nosas retribucións. Non queren falar de bolsa de horas positivas. Non anulan a taxa de reposición. Descargar.

DECRETO DE MOBILIDADE (ou decreto de provisión)

O único que aceptan é estudar a proposta da CIG de darlle unha protección especial ás persoas con obrigatoriedade a concursar por amortización do posto. Non aceptan a nosa petición de publicar as puntuacións desagregadas e fixar prazos para a resolución dos concursos ordinarios. Rexeitamos o concurso específico e as libres designación para postos iguais e inferiores a xefatura de servizo. No concurso específico non resposta á petición que lle facemos de que a baremación da primeira fase sexa superior á da segunda, a presenza sindical na comisión de valoración como en concurso ordinario, que sexa Función Pública e non as consellerías quenes leven cada proceso, e que as valoracións deben ser públicas. Para as comisións de servizos tampouco dan resposta a fixar baremo, regular a rotación entre solicitantes, incluír tempo mínimo de permanencia entre comisións, prohibir comisións cruzadas e facer pública a relación de solicitantes, puntuación e persoa adxudicataria con motivación. Tampouco respostan á proposta de permitir permutas entre persoal interino. .. Descargar.

OUTRAS

- Preguntamos polos concursos de traslados. Esta vez o DXFP xa non se desculpa nas RPTs nin áreas funcionais e limítase a dicir que van remitir o concurso de gardacostas adaptado ao xa negociado de criterios xerais no que engadirían unha disposición transitoria para que ata o ano 2020 non caduque a formación (non temos o texto). Ante a pregunta incómoda, cambia de tema rápidamente. 

- Non teñen previsto a derrogación completa da lei 1/2012 (lei de medidas temporais) nin abordar un plan de recuperación do poder adquisitivo perdido.

- Presentan proposta de modificación do decreto de listas. Básicamente recortan o prazo para presentar solicitudes e inclúen o tempo traballado do persoal de SEAGA para listas de incendios.

- Entréganos un cadro co encadre das distintas categorías de persoal laboral a funcionarizar na correspondente escala de persoal funcionario, así como a extinguir e conservar como persoal laboral.

- CCOO propón áreas funcionais en todos os postos. A CIG está no extremo contrario: que se eliminen todas, e que sexa a empresa a que forme ao persoal.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Xuño 2025

Reunión da CIG coa dirección de AGACAL: nulas respostas a problemas persistentes

Seguimos reclamando a activación das negociacións. A negociación de RPT está estancada no 2021O martes 10 de xuño reunímonos co director e a xerente de AGACAL, logo de ter solcitado a xuntanza xa no mes de marzo na procura de información sobre o contrato de xestión da Axencia para o período 2025-2029 e a activación das negociacións de RPT de AGACAL, máis apenas conseguimos...
Venres, 13 Xuño 2025

Concurso de traslados da Administración xeral: relación provisional de persoas admitidas

No DOG do 13/06/2025 publican a RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza. A relación de persoas admitidas e excluídas...
Luns, 16 Xuño 2025

Modificación da RPT de Emprego

Antes de comezar queremos salientar que gran parte dos males e agravios que se derivan desta modificación da RPT son froito dunha xestión nefasta por parte da consellería e da DXEP, que tal e como se lles indicou NON TIÑAN QUE TER RETIRADO OS POSTOS DO CONCURSO DE TRASLADOS. Lembramos que se lles fixo notar que en último caso se podía prorrogar en 15 días o prazo para a...