Novas por contido

Máis de 1500 persoas percorreron este mércores as principais rúas de Vigo na manifestación convocada polo comité de folga dos axentes ambientais e forestais (CIG e UGT) para reclamar a dignificación laboral deste colectivo mediante un acordo que regule as súas condicións de traballo e denunciar que “a Xunta de Galiza, sen unha política forestal clara, dálle as costas ao noso monte e ao patrimonio natural galego”.

A marcha, que arrincou da Praza dos Cabalos pasadas as 19:00 horas e rematou na rúa As Avenidas case hora e media despois, contou co apoio de numerosos e colectivos ecoloxistas, sociais, políticos e profesionais, entre eles a Organización Galega de Comunidades de Montes, Adega ou Fruga, que xunto á CIG conforman a Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, así como o Sindicato Labrego Galego. Tamén se sumaron ás reivindicacións dos axentes os comités de empresa de Seaga das catro provincias galegas (presididos pola CIG), a Plataforma Galega de Bombeiros Forestais ou a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galiza.

Ao remate da mobilización, na que participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a actriz ourensá Nate Borrajo encargouse da lectura dun manifesto no que se critica que os distintos Gobernos do PP na Xunta “nunca puxeron en práctica o Plan Forestal, aprobado por consenso en 1992, nin é capaz agora de aprobar un novo plan que implique a posta en marcha dunha política forestal certeira e axeitada para Galiza”. De igual xeito acontece -segundo denuncian- coa política ambiental referente á xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas, así como co coidado dos espazos naturais protexidos e a súa biodiversidade.

Ao mesmo tempo, consideran que o acontecido o pasado 15 de outubro como consecuencia da vaga de lumes que asolou parte do país “ten que marcar un punto de inflexión e facer recapacitar á Xunta, xa que a combinación dun alarmante abandono do rural, a escasa ordenación forestal e o reto do cambio climático está a provocar un novo e moi perigoso escenario no que xa non soamente son os bens de carácter forestal e ambiental os que están en risco, senón que é a poboación a que corre perigo”. 

O abandono do medio rural, a escasa ordenación forestal e o cambio climático poñen en risco non só os bens naturais senón tamén a poboación

Tamén se censura que o actual Goberno da Xunta, “do mesmo xeito que non pon en valor os recursos naturais”, estea a desprezar os empregados/as públicos/as deste sector, “negándolles sistematicamente unha formación axeitada, habilitación de medios e regulación laboral para poder exercer un servizo público de calidade”.

Lembran que os axentes, funcionarios/as públicos/as da Xunta, teñen asignadas as funcións de policía e custodia do medio natural, control da xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas, xestión e ordenación dos recursos forestais, concienciación en materia ambiental e prevención e loita contra os incendios forestais.

Tamén se encargan de exercer a dirección técnica da extinción de incendios, dirixindo e coordinando sobre o terreo todos os medios das diferentes Administracións e entidades públicas e privadas que participan nas labores. “Por desgraza, o exceso de carga de traballo neste ámbito, que supón un exercicio de alta responsabilidade e profesionalidade, non ten parangón con ningún outro homólogo a nivel europeo”.

Persoal con condicións especiais

Segundo explican, as funcións que desenvolve o colectivo abarcan as 24 horas dos 365 días do ano, polo que é preciso unha programación especial das quendas para garantir a cobertura. Esta especificidade fai que non se lles poida encadrar dentro do marco horario ao uso da maioría do corpo de funcionarios/as. Polo tanto, estas especiais condicións de traballo regúlanse mediante un acordo entre a Xunta e as organizacións sindicais. O actual acordo, que tiña unha vixencia de tres anos, foi aprobado no ano 2004 e caducou en 2007, polo que foi denunciado polas organizacións sindicais, aínda que até o de agora a Xunta negouse a abordar a súa negociación.

Indican que durante a vaga de lumes de outubro de 2017 a falta deste acordo fíxose evidente, xa que a necesidade dun novo marco onde se contemple unha distribución horaria máis eficaz, segura e conciliadora é unha realidade incontestable. “Pero a Xunta respondeu pretendendo impor un aumento do 50% das gardas anuais, aumentando así a excesiva carga de traballo anual”.

Desgraciadamente a Xunta non parece concordar coa necesidade de regularizar e reordenar as condicións laborais destes empregados públicos, “e despois dunha serie de intentos para consolidar as negociacións entre a Dirección Xeral de Función Pública e as organizacións sindicais CIG e UGT a situación entra en vía morta, polo que nos vemos obrigados/as a programar un calendario de mobilizacións que inclúen a convocatoria dunha folga indefinida”.

Continúa a folga indefinida

Os axentes forestais e ambientais galegos están en folga indefinida dende o día 1 de agosto, e están a exercela cuns servizos mínimos abusivos que foron denunciados no Xulgado, xa que a Consellaría de Medio Rural incluíu a todo o colectivo nos servizos mínimos, conculcando o exercicio dun dereito fundamental como é o de folga.

Inciden en que a pesar das funcións que realizan de alta perigosidade e responsabilidade non están pedindo nada máis que o que xa teñen recoñecido outros colectivos dentro da Xunta. Nas súas nóminas, o complemento específico establecido por motivos de turnicidade, nocturnidade e perigosidade é inferior en máis de 200 euros mensuais ao de compañeiros/as de servizos similares. A cantidade de horas traballadas en cómputo anual tamén é superior á de calquera funcionario/a (nalgúns casos en máis de 200 horas).

Así mesmo, as retribucións económicas por gardas extraordinarias de 12 horas de duración realizadas en días laborais, fins de semana e festivos son moi inferiores ás de outros funcionarios/as homólogos, así como para os membros do mesmo sector doutras comunidades autónomas.

Ademais, reclaman o recoñecemento dunha segunda actividade a partir dos 60 anos, así como unhas condicións horarias dignas que garantan tanto a seguridade como a calidade do servizo sen renunciar á conciliación familiar e laboral. E que se apliquen medidas de acción en materia de prevención de riscos laborais; que se vixíe a saúde do persoal cos protocolos axeitados e cun catálogo de enfermidades profesionais; a posibilidade da conciliación laboral, persoal e familiar, que lles é vetada; e a aplicación de coeficientes redutores que permitan a xubilación anticipada.

Pero a Xunta segue a desprezar a este colectivo profesional “porque no fondo despreza tamén o noso monte xa que para eles/as nunca foi unha prioridade”. “O actual Goberno ten o monte abandonado, monte que supón as dúas terceiras partes do noso territorio e está chamado a ser un protagonista de primeira orde na calidade do noso medio ambiente e da nosa economía”.

Desmantelamento dos servizos públicos

Diante disto, censuran que a irresponsabilidade dos dirixentes da Xunta está a provocar que en pleno mes de agosto, “por primeira vez na súa historia os axentes teñan que estar en folga indefinida para defender a súa dignidade profesional e un servizo público de calidade”.

Lembran que sempre se considerou a estes funcionarios/as o espello onde se reflicte o interese real dos gobernos da Xunta polo patrimonio natural do país, “e así acontece en todas as partes do mundo”. Polo que sosteñen que aqueles Gobernos que apostan e cren na defensa dos seus recursos naturais teñen os encargados/as da súa xestión e custodia ben formados, equipados e apoiados polo que son, profesionais ao servizo dun país”.

Finalmente, aseguran que este desleixo intencionado co persoal público que defende o noso monte e o medio ambiente non é máis que o reflexo que o desmantelamento efectivo dos servizos públicos.

SABÍAS QUE A XUNTA...

-Nunca puxo en marcha o plan forestal nin apuntou e apostou por unha política forestal clara e decidida de valorización do monte, do medio rural e do medio natural no seu conxunto, apostando pola contra por especies de crecemento rápido, pirófitas e invasoras.

-Non é un bo exemplo de xestión dos montes públicos e dos conveniados con comunidades de montes.

-Non axuda á dinamización das comunidades de montes menos desenvolvidas.

-Non promove a concentración e a xestión conxunta dos minifundios da propiedade privada forestal.

-Non actúa de oficio no establecemento de medidas de prevención contra os incendios forestais para a protección dos núcleos de poboación.

-Fomenta a economía do lume mantendo no dispositivo de extinción unha amalgama de medios pertencentes a diferentes entidades públicas e privadas en vez de centralizalo no Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.

-Enrócase en non asumir a necesidade imperiosa de establecer novas estratexias, así como a preparación e interactuación de todos os operativos de emerxencias nos grandes e altamente perigosos incendios forestais.

-Perdeu o rumbo nas políticas de conservación e custodia dos recursos naturais e da biodiversidade dos nosos ecosistemas máis senlleiros.

-Afonda na centralización cara ao Estado español das competencias galegas na xestión do monte e conservación do medio ambiente a través da UME, UMA e Garda Civil.

Outras novas recentes

Venres, 16 Xaneiro 2026

Atrasos 2025 para persoal en suspensión de emprego por nacemento, garda con fins de adopción, acollemento ou adopción, rico no embarazo o...

Todas as persoas que durante o ano 2025 estiveron en suspensión de emprego por nacemento, garda con fins de adopción, acollemento ou adopción dun fillo ou filla, así como, risco durante o embarazo ou a lactación natural deberá pedir un certificado de bases de cotización para poder reclamar o pagamento dos atrasos da suba do 2,5 % do ano 2025 á Mutua ou á Seguridade...
Xoves, 15 Xaneiro 2026

RPT (IGE e Mar), procesos selectivos (xefe brigada, bombeiro/a forestal, B.F. condutor) (para mesas 19/01/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou aos sindicatos para o luns 19 de xaneiro, a unhas xuntanzas da Mesa Xeral de negociación de empregados/as públicos, e á Mesa Sectorial de negociación de persoal funcionario, cos seguintes puntos na orde do día: Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería do Mar. Descargar...
Venres, 23 Xaneiro 2026

Discriminación entre o persoal na compensación pola asistencia aos Consellos Escolares dos IES

A Consellaría de Educación segue a actuar de xeito discriminatorio nos centros de ensino públicos de Galiza, actuando ante un mesmo feito causante de xeito diferenciador, constatándose así a existencia dun persoal de primeira, docente e un persoal de segunda, non docente.Por un lado, o persoal docente con responsabilidades directivas ou de coordinación, terán como máximo,...