Novas por contido

Xa fai meses que os axentes forestais e ambientais iniciaron accións reivindicativas de todo tipo, como concentracións, manifestacións, reparto de información,  solicitude de apoio dos grupos parlamentarios, campañas nas redes sociais...  todo co obxectivo de dar a coñecer a sociedade tanto as súas reivindicacións como o importante labor que desenvolven na defensa e protección do patrimonio natural galego.

Ante a falta de resposta da administración, os axentes convocaron  unha folga indefinida.
 
Axentes en folga!

Conseguen a retirada das propostas “abusivas” que pretendía impor a administración

Axentes forestais e medio ambientais de Galiza veñen de anunciar a desconvocatoria da folga indefinida que iniciaban o pasado 25 de xullo, logo de que a última hora deste luns, día 8 de outubro, se chegara a un acordo na mesa de negociación coa administración.

Desde a CIG-Administración Autonómica valoramos positivamente os avances conseguidos. A intención da administración, nun primeiro momento, era aumentar considerablemente o número de horas anuais traballadas e o número de gardas nun 50% e que , ademais pretendía establecer unha retribución directamente relacionada co traballo de extinción de incendios forestais, xunto cunha rebaixa xeral das condicións de traballo deste persoal.

Fronte a isto onte alcanzáronse unha serie de melloras que non terían sido posíbeis sen a mobilización continuada, iniciada o pasado mes de novembro en demanda da retirada destas propostas “abusivas”, e unha folga á que hoxe acordaron pór fin.

Melloras

Salientamos entre os avances conseguidos que a xornada máxima anual pasa das 2.000 horas que tiñan, a 1.665, coa posibilidade de reducir aínda a 1.554 ao ser traballadores/as a quendas.

Redúcense tamén o número de meses en gardas de 6 a 4; pasan a 10 horas as quendas de noite (antes estaban a 12); recoñécese o dereito a unha suba salarial progresiva en 3 anos, cun aumento de dous niveis e 60€ en tres anos polas especificidades do posto.

Isto xunto con apertura da posibilidade de flexibilización de xornada para facilitar a conciliación laboral e familiar e que será a administración que asuma os gastos de comida nas quendas de máis de 10 horas.

A Xunta pretendía poñer os períodos de garda como discrecionais. Con este acordo conséguese que a maioría queden prefixados xa do ano anterior e que a mobilidade funcional, que até o de agora era obrigatoria, pase a ser voluntaria e regulada. Comprométense a regular a segunda actividade e libranza de dous días por cada festivo traballado.

Con todo, o máis importante é que a Xunta se comprometeu a instar ao Estado a que se establezan os coeficientes redutores para a xubilación anticipada en base a penosidade, toxicidade, traballo nocturno e a quendas e a especial responsabilidade.

Cuestións pendentes

Quedan pendentes cuestións fundamentais como que se creen, cando menos, as 30 novas prazas comprometidas por Feijóo no Parlamento; que se activen as brigadas de investigación dos incendios forestais que se deixaron esmorecer para potenciar, fronte a estas de carácter técnico especializado, aos corpos e forzas de seguridade do Estado asumindo deste xeito competencias propias de Galiza.

Faltou tamén condicionar a mobilidade funcional a que primeiro se cubran as vacacións por listas de contratación e que se cren estas prazas cunha porcentaxe máxima de persoal para mobilidade funcional para non desmantelar o servizo de conservación cando se producen os incendios forestais.

Na CIG continuamos en loita para a extensión de moitos destos dereitos ao resto de persoal da administración e traballadores/as a quendas.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...