Novas por contido

Denuncian os mínimos no Xulgado e interpelan a organizacións políticas e sociais para sumar forzas

Axentes forestais e medio ambientais secundaron masivamente as dúas primeiras xornadas de paro convocadas por CIG e UGT para o 25 e 26 de xullo en toda Galiza. O xoves 26 manifestábanse ademais polas rúas de Compostela, desde a Dirección Xeral de Montes (San Lázaro) até San Caetano, para demandar unha negociación real. Xunto a isto os sindicatos presentamos denuncia pola imposición duns servizos mínimos abusivos e remitimos un escrito ás organizacións políticas e sociais en demanda do seu apoio. A Administración –á que as e os manifestantes pedían a viva voz “sentidiño”- non deu sinais de vida nestes días polo que, de momento, todo parece indicar que a folga se converterá en indefinida a partir do día 1 de agosto.

No escrito, as organizacións convocantes dos paros, CIG e UGT, explicamos que a consellaría de Medio Rural xunto coa de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Dirección Xeral de Función Pública presentaron unha proposta abusiva para a reordenación das condicións de traballo do persoal funcionario das escalas de axentes ambientais e forestais da Galiza.

Lembramos ademais que logo do acontecido cos lumes de outubro do ano pasado, que supuxeron un aumento da carga de traballo e tamén un aumento do período de alto risco de incendios polas condicións climatolóxicas cada vez máis duras, “agora pretenden incrementar a carga horaria e recortar dereitos en materia de permisos e licenzas e compensacións, en vez do aumento do cadro de persoal, que leva minguando dende comezos dos 90 e onde nos últimos anos co amparo da crise se multiplicaron as amortizacións ata chegar a apenas a 500 funcionarios e funcionarias”.

Logo de varios intentos de negociación, o Director Xeral de Función Pública, como interlocutor por parte da Xunta, non tivo en conta ningunha das propostas aportadas polas organizacións sindicais e, especificamente por CIG e UGT, co fin de mellorar as condicións de traballo e de funcionamento do servizo público.

Entre as demandas salientamos:

  • A redución dos excesos horarios anuais e tamén das quendas de 12 horas e da posibilidade actual de aumento ordinario de 4 horas mais por quenda.
  • A ampliación do cadro de persoal e cobertura das vacantes, baixas e vacacións.
  • A segunda actividade en servizo activo, importante nun colectivo de traballadores onde o 50% supera os 50 anos e unha terceira parte os 55, con tarefas de especial tensión e responsabilidade e esixencia física e perante condicións climáticas e rangos de temperatura extremos.
  • Instar ao estudo dos coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación, ao recoñecemento das enfermidades profesionais e a protección da seguridade e saúde coa minimización dos riscos e a aplicación dos plans de acción preventivos.
  • Unha suba de niveis (están situados no mínimo do grupo) e un coeficiente específico que retribúa o traballo a quendas, a penosidade, a toxicidade, a nocturnidade e a especial responsabilidade.

Este persoal traballa na coordinación e dirección técnica da extinción dos incendios forestais da Galicia e na xestión e control do patrimonio forestal, pero ten tamén como función prioritaria a custodia e control das especies en perigo e dos espazos naturais protexidos, control xeral de delitos e emerxencias ambientais, control e xestión cinexética e piscícola e incluso de pragas e especies invasoras como a vespa velutina.

Para atender estas cuestións traballan en horarios continuos e rotativos de 00 a 24h, de traballo efectivo no monte e, na maioría dos casos en solitario.

Porén, na última xuntanza mantida coas organizacións sindicais representadas na mesa sectorial de funcionarios, o pasado 13 de xullo, parece que dende a Dirección Xeral de Función Pública acéptase unha suba de niveis progresiva, pero sen garantía orzamentaria, a cambio da modificación do marco actual de traballo, na que se empeoran as condicións laborais de xeito fragrante e se divide ao persoal en válidos e non válidos para a extinción de incendios, primando o complemento de produtividade sobre a estabilidade salarial.

Estes recortes de dereitos xa comezaron a aplicalos de xeito “unilateral e inxusto” neste último ano, como o desleixo das vacacións e outros permisos e licencias que quedarían definitivamente agora, segundo recollen no borrador coa palabra "modulados".

Cobro de produtividade

Establecen diferenzas entre funcionarios dunha consellería a outra creando un servizo “de primeira” con cobro de produtividades e outro de segunda, e con dous sistemas de carteleira que se poden activar e desactivar ao antoxo das xefaturas con apenas 48h de antelación que dificultan calquera organización da vida persoal.

O “de segunda” é o caso do Servizo de Conservación da Natureza onde non se garante un período de gardas para a cobertura horaria e do servizo publico, onde se amortizan prazas de seguido e nin sequera se cobren as vacantes xeradas nestes anos, a pesar de que iso é posible ao estar contemplados na Lei de emerxencias de Galicia que os exclúe das taxas de reposición planeadas na Lei de medidas de 2012.

Mobilidade funcional obrigatoria

Articúlase tamén unha “mobilidade funcional” obrigatoria para este persoal que debe pasar a cubrir as carencias da Consellería de Medio Rural na extinción de lumes coa instrución de dobre carga mantendo incluso as súas funcións habituais o que é imposible de executar e poder cumprir os tempos de reacción na chegada a un incendio forestal ou de interface.

Este desprezo cara o persoal que traballa na area de conservación do medio é especialmente visible no planeamento dos servizos mínimos que xunto co plasmado na proposta de acordo de condicións de traballo supoñen unha proba definitiva da intención do desmantelando deste servizo público, de competencia exclusiva da comunidade galega, ao tempo que se veñen a reforzar os corpos e forzas de seguridade do estado Español no control do medio ambiente.

Lonxe de propor cuestións serias e artellar unha estrutura de servizo publico con visión de futuro neste país onde se teña en conta a todo o persoal que traballa na extinción de incendios e na protección do medio ambiente, incluídos bombeiros forestais e persoal técnico, co fin de dar resposta temperá a actuación perante os incendios e outras emerxencias ambientais, o que fai a Xunta de Galiza é tratar de impor aos axentes ambientais e forestais un profundo recorte dos dereitos plasmados na LEPG e no EBEP, e mesmo planea eliminar ou “retraer” compensacións por quendas e o salario percibido polo traballo en período extraordinario de gardas.

Denuncia no xulgado dos abusivos servizos mínimos

Tras da convocatoria de varias mobilizacións en Santiago de Compostela e tres documentos de achegas presentados e tras celebrar asemblea de traballadores, CIG e UGT convocaron estas xornadas de folga para os días 25 e 26 en tódalas quendas e folga indefinida a partires do 1 de agosto.

Diante da imposición por parte do Goberno Galego duns servizos mínimos “desmobilizadores e torticeiros” presentamos na mañá do xoves 26 denuncia perante o xulgado porque consideramos que son abusivos no caso da Consellería de Medio Rural (servizo de incendios) onde acadan o 100%, e ridículos, pois dividen as parellas de servizo con risco para a seguridade persoal, na Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, onde apenas chegan ao 20%.

Entendemos que o que se busca é a división destes profesionais tentando ademais dificultar o dereito de folga. Lembramos que, porén, desde o día 14 de xullo o Comité de Folga non recibiu ningunha proposta de xuntanza.

Por iso denunciamos a “mala fe negociadora que emprega un xefe de servizo de persoal convocando a todas as Organizacións Sindicais a unha reunión para tratar as quendas, cando iso é materia de negociación do comité de folga cos interlocutores validados legalmente”.

Apoio social

Diante desta situación solicitamos o apoio social e político de Galiza aos/ás axentes ambientais e forestais da Xunta de Galicia “nun exercicio activo na defensa dos servizos profesionais e na defensa do noso patrimonio forestal, natural e cultural”.

Agardamos sumar así forzas de cara a conseguir unhas condicións de traballo dignas para estes empregados públicos e para o mantemento deste servizo esencial que garanta un medio ambiente adecuado e saudable a toda a cidadanía.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

Convocatoria do Consello Reitor da EGAP (26/12/24)

O 17 de decembro recibimos a convocatoria da EGAP para asistir ao Consello Reitor, que este ano se estableceu o 26 de decembro de 2024. Como é habitual na EGAP, a convocatoria non se remite coa documentación a tratar na xuntanza (a secretaria da EGAP indica que se enviará en "datas próximas"), quizais coa expectativa de que a leamos por Noiteboa ou Nadal... Entre os puntos...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...