Novas por contido

Nos últimos tempos estamos a asistir a episodios preocupantes e irregularidades que afectan ao desenvolvemento dos procesos selectivos. A falta de información sobre a identidade das persoas que participan na elaboración dos temarios da EGAP está provocando unha grande preocupación e alarma entre o persoal e opositores/as que se presentan como aspirantes aos diversos procesos selectivos.

Neste sentido, podemos citar como un exemplo o escándalo que está a supoñer a elaboración dos temarios do Subgrupo A1, Escala de sistemas e tecnoloxía da información do Corpo superior da administración da Xunta de Galiza. De todos os xeitos, temos sospeitas, que estamos investigando, de que parte do temario de Enxeñeiro/a de Minas está a ser elaborado por unha persoa que está preparando esa oposición.

Ante esta problemática tan grave a CIG-Autonómica propón que se estabeleza un sistema de control na elaboración de temarios que garanta un procedemento transparente, xusto, eficaz e seguro na elaboración dos temarios dos procesos selectivos, incorporando as seguintes medidas concretas:

1.- A existencia dos mecanismos de control necesarios para asegurar que ninguén teña acceso aos temarios mentres non se fagan públicos na páxina web da EGAP.

2.- A exclusión como aspirantes das persoas que elaboran ou que colaboran na confección dos temarios con base no interese persoal manifesto e recollido como causa de abstención na Lei 30/1992, de LRXPAC.

3.- Entre as medidas que consideramos necesarias e factibles, consideramos que por parte da Administración debería facilitárselles aos tribunais unha listaxe coas persoas que participan na elaboración dos temarios, para os efectos da súa exclusión.

Asemade, entendemos que é necesario que a EGAP poña en coñecemento das persoas que participen na elaboración dos temarios que esa circunstancia será causa de exclusión do proceso selectivo para o que se utilice.

4.- Estas medidas concretas deben ser recollidas nunha norma que vincule a tribunal, como por exemplo, a actual proposta de decreto de modificación do regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

5.- Con relación aos procesos selectivos que xa están en marcha, solicitamos a exclusión das persoas que elaborasen ou colaborasen na confección dos temarios ou, alternativamente, que se proceda a unha nova elaboración dos temarios por persoas que non teñan conflitos de intereses na materia.

Por último, seguimos reclamándolles á EGAP unha elaboración dos temarios máis rigorosa tanto na súa data de publicación coma na súa calidade lingüística. Debemos lembrarlles que a versión en galego adoita publicarse máis tarde e cunha calidade lingüística inferior, xa que resulta ser unha burda tradución mecánica das versións orixinais en castelán.

Correspóndelle á Administración garantir a transparencia e a limpeza nos procesos selectivos. Para iso resulta imprescindible velar polo escrupuloso respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade e, por conseguinte, evitar a posibilidade de que calquera persoa se converta en xuíz e parte nun proceso selectivo. A CIG puxo enriba da mesa unha solución, agora queda en nas da Dirección Xeral de Función Pública  e da EGAP facer efectiva a lexislación e poñer os medios para evitar que ningunha persoa teña a dobre consideración da autor dos temarios e aspirante no correspondente proceso.

Descarga o escrito

Outras novas recentes

Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...