Novas por contido

Esta comisión de persoal da continuidade á Mesa Xeral do 26/04/2013. Durante a súa realización houbo concentración de delegados e delegadas sindicais ás súas portas en protesta pola amortización de máis de 200 postos de emprego público e os despedimentos de máis de 50 compañeiras e compañeiros. Tamén saíron moitos temas no punto de varios (xubilación parcial, procesos selectivos, concursos, instrucións de permisos para persoal laboral, etc.)


RPT de Cultura e Educación

Votamos en contra. A xustificación a grandes liñas: crean postos innecesarios como as vicesecretarías xerais ao tempo que amortizan postos necesarios e destruen emprego público, manteñen requisitos imprescindíbeis como os de experiecia, manteñen aperturas a outras administracións, docentes, local, sen criterios de reciprocidade. Os demáis sindicatos tamén votan en contra.

 

Proxecto de Decreto polo que se aproban os estatutos do IGAPE

Estivemos en contra da LOFAXGA, e tamén do decreto de integración, polo que non nos gusta o modelo de entes seguido pola Administración. Votamos en contra. Os outros sindicatos votan a favor.


RPT de Traballo e Benestar

Seguimos a pedir a retirada da totalidade da proposta. Non seremos complices dos despedimentos, da destrución do emprego público, do empobrecemento. Votamos en contra. Os demáis sindicatos tamén.


Suxestións e preguntas

Xubilación parcial: informa o director xeral da Función Pública (dxFP) que xa está publicado no DOG. Nos vindeiros días contactarán coa Seguridade Social para establecer criterios. Negociarán cos sindicatos.

Permisos, licenzas, vacacións: informa o dxFP que, no referente á súa aplicación ao persoal laboral, esta semana enviarán o primeiro texto aos sindicatos.

Convocatorias de procesos selectivos: informa o dxFP que entre o día de realización desta comisión de Persoal e o xoves, 2 de maio, enviarán información relativa ás convocatorias de oposicións que serán antes do verán. Noutro momento da xuntanza mencionou que serían arredor de 15 procesos; o proceso da escala superior de finanzas da OPE 2011 será unha das que convocarán antes do verán.

Laboratorios de saúde pública: informa o dxFP que o venres enviarán información. Adianta que queren facer un plan de reorganización de efectivos (sería a primeira vez que se fai na Xunta). Asegura que teñen a intención de negocialo, están a elaborar a proposta e que ningunha das persoas perderá a praza. Haberá traslados voluntarios ou obrigatorios. Negociarán a finais de maio ou primeiros de xuño e que o proceso será en varias etapas. Non se mollou co futuro de cada laboratorio.

Limpeza no centro sociocomunitario de Ourense: denuncia a CIG que suprimiron un posto de limpedor/a de media xornada e no seu lugar contrataron a unha empresa por un importe de 2.200 euros/mes. Entendemos que inda que discrepemos cos actuais resposábeis políticos da administración autonómica sobre a privatización e desmantelamento dos servizos públicos, non é lóxico que en casos como este o fagan para, por riba, aumentar o gasto. Non hai resposta, limitándose o representante da consellaría de Traballo a tomar nota.

Criterios de amortizacións de prazas: a CIG pregunta, e solicita que a resposta quede en acta, por cales son os criterios que segue a administración cando quere amortizar un posto de entre dous nos ocupados por persoas que teñen exactamente a mesma antigüidade. A resposta é que neste caso conservan o posto á persoa de maior idade. As persoas representantes da administración aseguran tamén que este criterio é igual para persoal laboral e funcionario.

Concurso informática e finanzas: a CIG pregunta pola situación destes concursos que se están a retrasar respecto das previsións de Función Pública. Informa o dxFP que no mes de maio negociarán e publicarán. Adianta que introducirán unha novidade: haberá dous prazos de solicitude de xeito que a xente poida valorar nunha segunta fase as prazas que van quedar vacantes. A representación da CIG, sen entrar no fondo do asunto (xa se verá o que nos poñan enriba da mesa), critica as formas do dxFP quen nos di o que van facer, o que xa teñen decidido, utilizando modos verbais imperativos de decisións xa tomadas pendentes de executar, o que amosa a súa consideración sobre o que son unhas negociacións que inda deben ter lugar.

Prazas ocultas na RPT de Educación: aproveitando que nesta comisión de persoal está presente a representación de Educación, a CIG volve demandar algo que noutras mesas anteriores xa manifestamos pero nas que non había representación da consellaría. Exiximos da consellaría que corrixa, e a Función Pública que non permita, que Educación manteña centros abertos durante anos, con persoal traballando, e os postos non existan na RPT. É o caso, por exemplo, do último IES de Ponteareas, que levando catro ou cinco anos con persoal traballando estes non existen e por tanto os postos non puideron ser solicitados no concurso de traslados.

Días adicionais de vacacións por antigüidade: informa o dxFP que estes non son de aplicación porque así o establece a normativa base do estado.

Outras novas recentes

Martes, 06 Outubro 2026

Axentes ambientais: case un ano sen o plan de igualdade específico que esixe a lei

A Xunta suspende de novo en igualdade. A Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e medioambientais, establece unha obriga específica para as administracións competentes. O seu artigo 14 (Igualdade de xénero), dispón literalmente: As administracións responsables, de acordo co fundamento de actuación de igualdade de trato entre mulleres e homes do artigo...
Domingo, 04 Outubro 2026

Os sectores de atención social e coidados únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas eowpzSxtLVM Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas...
Mércores, 30 Setembro 2026

Erros na elección de destino en C1-C2-AP de mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza

A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza). Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e...