Novas por contido

Mentres o goberno de Feijoo destrue emprego público, traspasa diñeiro a empresas privadas para realizar, cun maior custe, os servizos que podería realizar o persoal propio.

O concurso de traslados do persoal funcionario das escalas de informática da Administración Autonómica de Galiza está a piques de ser publicado, e o persoal afectado xa sabe que non vai poder optar a 15 postos porque a Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica, AMTEGA, decidiu eliminalos segundo xustifica a Dirección Xeral da Función Pública. Mentres o goberno de Feijoo continúa coa súa política de destrución de emprego público, non cesa o traslado de recursos ás empresas privadas, ás que se lles encomendan traballos cun altísimo custe e baixa creación de emprego, para maior glora das contas de beneficio.

No Diario Oficial da Unión Europea dos días 26 de abril e 16 de maio deste ano atopamos dous exemplos: a Xunta pretende contratar, por un total de 871.200 € en dous anos (prorrogábeis), dous servizos para os que o goberno galego non exixe máis que a creación de oito postos de traballo de persoal informático.

O primeiro dos contratos, convocado por AMTEGA e valorado en 387.200 € consiste na prestación dun servizo de atención presencial para resolver in situ aquelas incidencias que non poidan solucionarse a distancia, así como os procesos de cambio nos ordenadores e periféricos. Esto é, prestar exactamente o mesmo servizo que xa veñen prestando os empregados públicos dependentes de AMTEGA. Á empresa (ou empresas, que poden ser duas) só se lles exixe contratar un mínimo de catro persoas con estudos de FP ou superior de tecnoloxías da información e comunicación, durante dous anos. Por tanto, a Xunta está disposta a pagar por persoa contratada e ano ata un máximo de 48.400 €, bastante máis do dobre do que custa un traballador con similares condicións.

O segundo dos contratos está convocado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), valorado en 484.000 € en dous anos prorrogábeis, consistente no mantemento, actualización e desenvolvemento de novas funcionalidades nos sistemas de información do IGVS, para o que exixen un mínimo de catro persoas (xefe de proxecto, analista-funcional e dous programadores). Tocan por tanto a 60.500 € por traballador e ano, algo, digamos, “lixeiramente” superior ao que costaría tamén un empregado público.

Nestes tempos de crise véndese moi ben o discurso da austeridade, dos recortes, da redución da administración. Así que é doado apuntarse a destruir emprego público e substituilo por empresas privadas que, como todo o mundo sabe son ONGs que non buscan beneficio.

Como levamos denunciando durante moito tempo, detrás da "austeridade" non se atopa máis que un cambio de modelo: a prestación de servizos públicos a través de empresas privadas. E como está demostrado "o público é servizo e o privado beneficio". E este beneficio adoita sacarse de tres formas: ou empeorando o servizo ou empeorando as condicións laborais das traballadoras e traballadores, ou incrementando os custes para a administración, ou todo xunto á vez. Sen dúbida a Xunta está apostando por este útlimo modelo de servizos públicos precarios.

A CIG-Autonómica reclama, unha vez máis, que se cree unha comisión de control con participación social sobre as asistencias técnicas para determinar que traballos son estruturais e deben ser desempeñados con persoal propio, e en cales é convinte a contratación externa.

Non é xustificable a contratación de servizos externos e máis caros cando estes poden ser asumidos con persoal informático propio. Reclamamos, xa que logo, a suspensión das ofertas de contratos referidos, a incorporación das prazas retiradas ao concurso de traslados, e a negociación da relación de postos de traballo de xeito que co seu incremento non sexa necesario acudir a emprresas externas.

Cos 871.200 € que está disposto a gastar en dous anos o señor Feijoo, a Administración Galega podería contar con bastantes máis dos oito postos de traballo que van ofrecer as empresas privadas, e por bastante menos diñeiro.

Outras novas recentes

Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...