Novas por contido

O venres 21 de novembro tivo lugar unha longa Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos onde, unha vez máis, os responsábeis políticos da Administración impuxeron a súa vontade á representación sindical dos traballadores e traballadoras da Administración Autonómica.

Entre os asuntos da orde do día estaban: modificación da RPT de Cultura, RPT da EGAP, criterios da oferta de emprego público-2014, promoción interna dos corpos xerais e en rogos e preguntas tratamos diversos asuntos que poderían ser do teu interese.

RPT de Cultura

A consellería fai a proposta de amortización de 16 postos de traballo na área de cultura (bibliotecas, arquivos, restauradores, ..). A proposta non variou nada respecto da presentada para a xuntanza previa que tiveramos o pasado 31 de outubro, o que evidencia, unha vez máis, que os nosos interlocutores se toman as mesas de negociación como un mero trámite formal ao que asisten porque non lles queda outra pero sen vontade real de chegar a acordos.

Para a CIG, o que pretende Cultura afecta gravemente aos servizos públicos (bibliotecas, arquivos, museos): só no arquivo do Reino de Galiza amortizan tres técnicos; no arquivo do Gaiás non poden abrir pola tarde porque non hai quen o atenda; si que abren a biblioteca para quen queira estudar, pero sen posibilidade de subministrar libros pois tan só fica un garda de seguridade que anda a dar voltas de dentro para fora. O goberno galego fulmina así as expectativas de acadar uns niveis aceptábeis de cadro de persoal dalgúns centros con altas cargas de traballo.

A CIG non pode apoiar unha amortización de postos imposta pola Lei de orzamentos do 2013, que recorta sen miramentos e incide negativamente nunha situación impulsada polo propio executivo. A maiores do que afecta ao servizo público, a amortización detrae un importante número de prazas que perxudicará aos técnicos e técnicas da nova promoción que van tomar posesión en datas próximas.

Temos dúas leis recentes (Lei estatal 13/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e Lei autonómica 7/2014 de arquivos e documentos de Galiza). En ámbalas dúas leis, o lexislador aboga por fornecer o sistema de control e xestión de documentos como base para un bo funcionamento da administración. Amortizando postos, esto vai ser imposíbel.

Rematada a intervención dos sindicatos, o Director Xeral de Función Pública comunica que “van darlle unha volta” ao asunto antes da Comisión de Persoal. Pero as experiencias negativas non nos levan a botar foguetes.

RPT da EGAP

A proposta é simple: hai un posto de telefonista que quedou vacante por xubilación do seu titular e, sen máis, amortizan o posto. A CIG non entra en se o posto é necesario ou non (estariamos dispostos a discutir a eliminación deste a cambio da creación doutro se fose máis necesario); o que si nos negamos é a apoiar a destrución dun posto sen máis, porque o din as leis de orzamentos que impulsou o goberno e que nos levan á unha continua diminución de postos de traballo públicos.

Criterios da Oferta de Emprego Público-2014

A CIG cualifica o documento que nos achegara a direción xeral da función pública cos “criterios da OEP-2014”, de documento vago e inconcreto. Non entendemos que nos entreguen un documento para a súa discusión coa representación dos traballadores e traballadoras que debería fixar os criterios xerais da oferta de emprego no que nada se di no número e do tipo de prazas, da forma de acceso, se haberá ou non promoción interna, no seu caso que porcentaxe suporía ou se habería reserva de localidade, ou se están dispostos a aceptar que a representación dos traballadores e traballadoras poidamos ter algún tipo de vixiancia interna nos tribunais.

Finalmente, o director de función pública da algo máis de información fora do que consta no documento escrito:

  • Haberá algunha praza máis para persoal veterinario que as acumuladas da OEP-2008.
  • Precisamente de veterinarios-2008 comenta que o retraso na convocatoria debeuse a que houbo demandas xudiciais: 34 interinos que litigaron e a Xunta gañou. Agora está o camiño libre para continuar o proceso.
  • Non haberá prazas de persoal laboral.
  • Haberá promoción interna, como mínimo do 25%.
  • Tentarán que a OEP-2015 se aprobe no primeiro trimestre do 2015 e iría co máximo de prazas que permiten as actuais tasas de reposición.

Para rematar, o DXFP informa que a aprobación das prazas será inmediata polo Consello da Xunta e que teremos máis información na Comisión de Persoal. Xa que logo, estaremos atentos ao que nos conte La Voz de Galicia.

Promoción interna dos corpos xerais

A situación na que nos atopamos na Mesa Xeral foi que os borradores que nos enviaran eran, exactamente, os mesmos que os da xuntanza anterior, do 1/8/2014, e que daquela motivaron que as catro organizacións sindicais abandonásemos a xuntanza ante a negativa dos representantes da Administración de facer cambios substanciais no modelo de promoción interna.

Tratándose dos mesmos textos, non había nada novo que dicir por parte da representación dos traballadores e traballadoras distinto do xa dito tanto oralmente como por escrito dende a primeira xuntanza (4/7/2014): queremos un cambio de modelo, un cambio substancial do tipo de probas, da fase de concurso, dos temarios, ..

O Director Xeral da Función Pública procedeu a relatarnos unha serie de cambios que pretenden aplicar ás bases e que, segundo el, xa as tiñan previstas para a xuntanza do 1/8/2014. O primeiro sentimento que nos ven á cabeza é o cabreo: non entendemos que, se o tiñan claro xa daquela (cousa que non nos cremos), tivesen a mala fe de entregarnos por duas veces os mesmos textos nos que non recollían os cambios que agora din que tiñan xa pensados. En todo caso, estas foron as ideas que nos relataron (agardamos ter os textos por escrito para podelos estudar):

  • As escalas van seguir sen poder participar (cando o contrario si que se dá).
  • Non van modificar as taxas.
  • Elaboración de temarios pola EGAP: só os procesos para ingreso en corpo superior e xestión contan con probas sobre programa e a práctica totalidade está publicada. Afirma que aceptan esta parte e hai o compromiso da EGAP de actualizar os temarios respecto dos que se fixeron en 2011. Di que xa están traballando na actualización.
  • Non vai haber cambios na lingua dos exames.
  • Non van cambiar a decisión de que os temarios serán os vixentes na data do exame, e non a da convocatoria.
  • Non aceptan modificar o decreto 95/91 e por tanto os sindicatos vamos seguir sen poder vixiar os procesos dende dentro dos tribunais.
  • Non vai haber cambios na eleición de destino: quen ocupa un posto aberto ao grupo superior permanecerá nel obrigatoriamente; os demáis terán que escoller destino.
  • Non aceptan fixar o corte de cada proba nas bases previamente.
  • Di que van estudar se amplian os oito anos de antiguidade dos cursos baremábeis.
  • Non limitarán a antigüidade aos “cursos que só se poden facer unha vez” (negociado, sección ou directivo). Curioso, como se nos adicásemos a repetir os demais cursos.
  • Os cursos de directivos puntuarán como formación, non como mérito independente.
  • Non aceptan a valoración da formación por horas en lugar de por tramos.
  • Van incluir a formación doutros organismos (por exemplo, dirección xeral de relacións laborais), a fin de que entren os cursos de prevención.
  • Valorarán os cursos de protección de datos de carácter persoal.
  • Non cambian o tipo de probas (din que son “habituais” en todas as administracións).
  • Incrementan a puntuación por antigüidade (tres puntos), e puntuarán por anos ou fraccións de seis meses (nada de puntuación por meses).
  • Máis peso ao grao que ao traballo desenvolvido (non sabemos canto).
  • Non aceptan valorar máis os servizos prestados na Administración Autonómica que os doutras administracións.
  • Manteñen a exixencia de que o grao persoal estea “formalizado” (é dicir, que temos que ter o papeliño que o recoñeza)
  • Establecen distinta puntuación para cada grao (había algúns que coincidían).
  • Minoran a diferenza de puntuación entre niveis.
  • Non valoran os certificados dixitais (non desbotan incorporalo para os próximos procesos de selección e provisión, cando o número de edicións garantan que todos os funcionarios e funcionarias puideran ter accedido a eles).
  • Están a valorar a posibilidade de que exista ou non lectura pública.
  • Valoran incrementar medio punto por conciliación.


Estas son unhas notas collidas da intervención oral do director de función pública á espera de podermos ver o texto. Pero nada de cambiar o tipo de probas. E do temario, din que agardan propostas concretas á nosa demanda de maior concreción, simplificación e redución (estamos fartos de presentarlles elaboradas propostas tras horas de traballo sen que tivesen a ben recoller unha soa das propostas).

Rogos e preguntas

Preguntamos polo proceso selectivo de biólogos/as: fai máis de 60 días que se realizou o tercerio exercicio, tanto de libre como de consolidación. Preguntamos se existe algunha causa que xustifique tal demora na corrección de 21 exames. O DXFP comprométeuse a investigalo.

Reclamamos unha vez máis a convocatoria de oferta de emprego para as distintas clases de persoal funcionario de escalas sanitarias, que levan moitas delas sen convocatoria dende o ano 1992. Función pública cala (Sanidade xa nin estaba na Mesa a esas horas).

Insistimos na necesidade de que se corrixa un absurdo do que xa avisamos fai meses: é inaceptábel que para a cobertura temporal dun posto de inspector médico/a, puntué moito menos o tempo traballado precisamente neses mesmos postos que o tempo traballado como médico/a de familia.

Preguntamos pola promoción interna de consolidación de grao que se aprobara no ano 2008, consistente na promoción do grao persoal a 100 postos do grupo C1 sen mudar de grupo. A CIG apoiara esa promoción, porque era a primeira vez, e esperabamos que nos anos sucesivos procedesemos a ampliar a promoción aos demais grupos. Pero pasaron anos e nada sabemos. Recoñece o DXFP que esa promoción estivo demasiado tempo nun caixón, pero que queren retomala, comprometéndose a chamarnos a falar (a ver cando).

En canto á devolución da paga extra do 2012, queren pagalo na nómina de xaneiro (a metade do que nos deben).

Informa o DXFP que convocará aos sindicatos a falar de: concurso de persoal laboral, concurso de administración xeral, e modificación de categorías profesionais do V Convenio Colectivo). A xuntanza sería antes da semana do 10 de decembro.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Decembro 2024

A Xunta quere aprobar unha moi escasa Oferta de Emprego Público do 2024

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación. E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou...
Xoves, 19 Decembro 2024

De non vacante a vacante: onde están as miñas vacacións?

Aínda que a administración xeral da Xunta ten personalidade xurídica ÚNICA, hai consellerías que non o queren entender e van por libre. Esta insubmisión dalgunhas consellerías crea problemas coas vacacións xeradas polo persoal temporal e interino das listas cando están cubrindo un posto “non vacante” e son chamados para cubrir un posto vacante e aceptan. É certo que...
Mércores, 18 Decembro 2024

RPT do Consorcio: morrer matando

Durante anos sen convenio, sen trienios... e agora queren meter o acelerador para que apandemos con todo o que queiran impoñer A directora xeral de Emprego Público e o xerente do organismo propoñen niveis e salarios máis baixos que na Xunta para o persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar. A nova RPT chega nos últimos días do ano 2024, non negociada, inzada de centos de...