Novas por contido

Semana completa a do 18 a 22 de febreiro, con xuntanzas coa Administración todos os días. Tratáronse modificacións de tres RPTs, convocatorias de seis procesos selectivos, o réxime de prestación do persoal veterinario da consellería do Mar, comisión de seguimento do consorcio, procedemento da formación en igualdade e violencia de xénero, importe de niveis de complemento específico e plan de formación do SPDCIF.

A estratexia da Administración está clara: pasar de períodos de nula actividade a outros de sobreexcitación de xeito que aos sindicatos nos resulte imposíbel procesar e difundir a información.

PROCESOS SELECTIVOS

Tratamos as bases das convocatorias seguintes: auxiliar de clínica, auxiliar de SPDCIF, A1 e A2 de saúde laboral, A1 e A2 de seguridade e saúde no traballo.

O xoves 21 aprobouse na Comisión de Persoal a convocatoria de C2-Auxiliar de Clínica. As demais convocatorias xa pasaron por Mesa Xeral o martes 19 e van aprobarse na Comisión de Persoal do martes 26 (C2-Auxiliar de SPDCIF, A1-Saúde Laboral, A2-Saúde laboral, A1-Seguridade e Saúde no Traballo, A2-Seguridade e Saúde no Traballo). Aínda non temos data para discutir as bases de subalterno e ordenanza.

As convocatorias veñen arrastrando as ofertas de emprego dos anos 2015, 2016, 2017 e agora 2018. Función Pública non se deu moita presa ata agora e, de repente, veñen a fume de carozo cun prazos tan xustos que queda claro que buscan sobresaturar aos sindicatos. Isto non é negociar en condicións mínimas, non hai boa fe, non hai axuda mutua.

Chegamos ao 2019 e comezan a saír as ofertas de anos anteriores. Iso si, o que antes era de persoal laboral, agora vai ser de persoal funcionario, e misturando nunha única convocatoria a oferta libre, a consolidación de prazas ocupadas por persoal indefinido por sentenza, e a estabilización de prazas ocupadas temporalmente durante moitos anos. Todo remexido.

Facendo memoria da oferta do 2016 de persoal laboral

O V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta di que as prazas non cubertas por promoción interna acumularíanse á oferta libre. Pois ben, ocorreu que no ano 2016 houbo un pacto entre o goberno de Feijoo e os sindicatos CCOO, CSIF e UGT para saltarse a norma fixada no convenio evitando así que se cubrisen por libre todas as prazas non cubertas por promoción interna. A CIG impugnou xudicialmente a alteración do convenio, pero non nos deron a razón. Finalmente recúan, e volven a aplicar o literal do convenio colectivo.

Daquela, en resposta á denuncia pública e xudicial da CIG, o PP puxera en marcha a propaganda e anunciaran que as convocatorias estarían publicadas antes do verán (de 2016), e os primeiros exames despois do verán (de 2016). Choveu un pouco, non?

C2-Auxiliar de clínica

A convocatoria de Auxiliar de Clínica ven dende a OEP-2015 e 2016, cando convocaran prazas de Auxiliar de Enfermería (o equivalente en persoal laboral); aquelas ofertas foron anuladas e convocadas no 2017 como persoal funcionario (en contra do parecer da CIG, que defende que a funcionarización ten que ser o último paso, despois do concurso e do proceso selectivo como persoal laboral).

A convocatoria estivo enriba da mesa tres días nesta semana, e tivo algúns cambios:

  • As prazas non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á quenda de acceso libre.
  • A duración do primeiro exercicio pasa de 120 a 140 minutos.
  • Cada resposta incorrecta descontará 1/4 de correcta en troques da proposta inicial de penalizar 1/3.
  • A realización do primeiro exercicio non terá lugar antes dos 7 meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.
  • Na fase de concurso do acceso libre: a experiencia profesional por servizos prestados en centros e residencias de servizos sociais aumentan de 0,10 a 0,20 polo que o máximo de puntuación acadarase con aproximadamente 14 anos. A experiencia profesional en calquera outra Administración Pública pasa de 0,05 a 0,10.
  • Respecto á promoción interna, a antigüidade valorarase a razón de 0,20 puntos/mes.
  • En canto ao temario, concretan máis algúns temas da parte común e da parte específica.

A convocatoria foi aprobada na Comisión de Persoal do 21/02/2019 coa abstención de CIG e o voto a favor de CCOO e UGT (o CSIF adiou o seu voto). Descargar borrador da Comisión de Persoal.

C2-Auxiliar do SPDCIF

Coa oferta de SPDCIF pasou algo parecido a Auxiliar de clinica: foron ofertadas no 2016 como persoal laboral, e finalmente son convocadas no 2019 como persoal funcionario. A convocatoria pasou por Mesa Xeral o martes 19 e vai aprobarse na Comisión de Persoal do martes 26. Descargar borrador para a Comisión de Persoal.

Saúde laboral (A1 e A2) e Seguridade e saúde no traballo (A1 e A2)

As convocatorias de A1 e A2, tanto de Saúde Laboral como de Seguridade e Saúde no Traballo, pasaron por Mesa Xeral o 19/02/2019, e van á Comisión de Persoal do 26/02/2019. Estas convocatorias tamén arrastran a OEP dos anos 2016 e 2017, e misturan acceso libre, promoción interna e consolidación. Por agosto do 2017 o DXFP anunciara que as convocatorias estarían listas no 2018, así que .. outro cronograma incumprido. Descargar borradores para Comisión de Persoal: A1-Saúde laboral, A2-Saúde laboral, A1-Seguridade e saúde no traballo, A2-Seguridade e saúde no traballo.

Criterios aplicables aos seguintes procesos de estabilización/consolidación

O modelo de Auxiliar de clínica será de aplicación ao resto de procesos de estabilización e consolidación.

  • As prazas non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á quenda de acceso libre. Isto é, regresamos ao que fixaba o V Convenio Colectivo, que fora modificado no 2016 co beneplácito de CCOO, CSIF e UGT.
  • Sete meses vai ser o mínimo do tempo que mediará entre a convocatoria e o primeiro exercicio. Así decidiron para C2-Auxiliar de clínica. Para os grupos superiores aumentarán o tempo.
  • Nos exames test a penalización por cada fallo será de 1/4 do valor de un acerto. Para a CIG é un erro: aparentemente penalizar 1/4 é neutro, pero non é certo; penalizando 1/3 (a proposta inicial) os probables puntos acertados por respostas ao chou igualan aos probables puntos a penalizar por fallos, mentres que penalizar con 1/4 favorece a quen resposta ao chou (respostando sen saber é probable obter puntuación positiva). A CIG quedou en solitario defendendo a penalización neutra (1/3).
  • A fase de concurso tamén seguirá o modelo de auxiliar de clínica.

Outra información de procesos selectivos

  • Camareiro/a-limpador/a e acceso libre A1, A2 e C2: reitérase o DXFP que na primeira quincena de abril serán os exames.
  • A promoción inerna do A1, A2, C1 e C2 será na primeira quincena de maio.
  • En canto ás escalas, intentarán que o primeiro exame sexa antes de agosto.
  • Faltan por conformar 22 tribunais con 220 persoas. CIG aproveita para comentar que nos consta que FP está a ter problemas para atopar persoas para os tribunais, polo que estamos no momento ideal para dar entrada de novo ás organizacións sindicais nos tribunais. Resposta do director en forma de sorriso irónico...

RPT DO ISSGA

CIG protesta polo incumprimento da consellería ao non convocar unha segunda mesa de negociación á que se comprometera na primeira xuntanza. Reafirmámonos nas alegacións presentadas. Diante da altísima sinistralidade laboral de Galiza, denunciamos a destrución de postos de traballo nun organismo que debe velar pola seguridade e saúde laboral dos traballadores e traballadoras galegas e, particularmente, o caso da amortización dun posto de traballo ao que está adscrita por razóns de saúde unha traballadora, circunstancia esta gañada nunha sentenza xudicial. Tanto a consellería como FP comprométense a adaptarlle o posto do que é titular a citada traballadora.

Acórdase ter unha xuntanza técnica co ISSGA o luns 25 de febreiro para aclarar certos aspectos da modificación da RPT. O martes 26/02/2019 vai á Comisión de Persoal. Descargar proposta.

RPT DOS ÓRGANOS SUPERIORES DA PRESIDENCIA

Foi tratada na xuntanza previa do luns 18, na Mesa Xeral do 19 e finalmente aprobada na Comisión de Persoal do 21/02/2019, co voto en contra dos catro sindicatos. Descargar.

RPT DO IET

O IET propón a modificación da súa RPT xustificándoa nos seguintes obxectivos: refundir os cambios posteriores á primeira RPT do IET, do ano 2012; adaptar os corpos e escalas, incluír algunhas áreas funcionais e algunhas observacións sobre o tipo de persoal que ocupa os postos, e a modificación nalgúns casos da forma de provisión, todo para adecuar a RPT á normativa; e atender as novas necesidades do Instituto coa creación de dous postos mentres amortiza outros tres, e elimina algunhas observacións relativas ás quendas do persoal.

A proposta preséntasenos cunha total e absoluta falta de información para poder tan sequera comezar a falar desta RPT, e salientamos que nunha mesa de negociación con vontade negociadora non se pode facer que perdamos o tempo desta maneira en tentar “interpretar” os escasos datos facilitados. Aínda así tratáronse algúns aspectos como as amortizacións de postos por baixo e a creación de postos por enriba, ou a inclusión de até tres áreas funcionais nalgúns postos, ao que nos opuxemos.

Debido á pouca información ofrecida, convocarán unha seguinte xuntanza unha vez que os sindicatos recibamos a información precisa. Descargar proposta do 11/02/2019.

RÉXIME DE PRESTACIÓN DO PERSOAL VETERINARIO DA CONSELLERÍA DO MAR

A CIG manifestou que houbo avances no texto, pero que non se contempla a nocturnidade dentro do complemento específico como si acontece co persoal veterinario de Sanidade. Foi aprobado na Comisión de Persoal do 21/02/2019 coa abstención de CIG e o voto favorable de CCOO, CSIF e UGT. Descargar.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO CONSORCIO

Función Pública enviará antes de 15 días unha proposta de RPT de 1734 postos a tempo completo, algúns deles itinerantes, todos de persoal laboral a funcionarizar, quedando pendentes de valoración os postos de persoal de apoio sen a titulación. Figuran na RPT todos os postos do Consorcio, segundo indican. O método de provisión das prazas de dirección nas EI e CAPMD será semellante ao de Educación, mentres que aclaran aínda menos o dos postos de coordinación.

As listaxes de contratación da Xunta abriranse en marzo para persoal xericultor, coa incorporación progresiva das restantes categorías, e no tocante á OPE, entre 2019 e 2020 acadará as 1200 prazas de estabilización, mediante concurso-oposición.

A CIG amosou a súa desconformidade pola demora na convocatoria da Comisión de seguimento, e a falta de información e de resolución no comprometido, opoñéndose á creación de postos itinerantes sen previa negociación, e solicitando a mobilidade do persoal laboral fixo do Consorcio. Ademais, reclamamos, entre outros, un plan de igualdade, solicitamos a valoración de riscos psicosociais, e preguntamos se ao persoal técnico dos CAPM se lles vai a respectar tras a RPT o exercicio das funcións propias. Pedimos, así mesmo, outra xuntanza cos sindicatos en 15 días para tratar os numerosos temas pendentes da xestión diaria no Consorcio.

Ler o resumo completo da comisión de seguimento.

PROCEDEMENTO DA FORMACIÓN EN IGUALDADE E VIOLENCIA DE XÉNERO

Na Comisión de Persoal do xoves 21, o DXFP da conta da proposta de Orde pola que se establece o procedemento de recoñecemento e validación previsto no Decreto 70/2017 polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da administración da Comunidade Autónoma de Galiza e se regula o rexistro de persoal docente acreditado para impartir a formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.

A CIG manifesta que o asunto non pasou por Mesa Xeral, polo que reclama unha negociación. UGT manifesta o mesmo que a CIG. CCOO e CSIF non se manifestan.

Finalmente o DXFP retira o asunto da Orde do día e expón que será negociado e levado á vindeira Comisión de Persoal. Descargar.

IMPORTE DE NIVEIS DE COMPLEMENTO ESPECÍFICO

Trouxeron o asunto á Comisión de Persoal do 21/02/2019, a título informativo. O documento achegado ten erros nas contías. Vano revisar. Descargar versión da CP 21/02/2019.


PLAN DE FORMACIÓN DO SPDCIF

O venres 22 asistimos á xuntanza convocada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte para tratar a primeira proposta dun plan de formación para o SPDCIF.

Na defensa dunha formación específica do persoal deste servizo, na xuntanza expuxemos que a formación mínima axeitada correspóndese coa desenrolada no Real decreto 624/2013, que establece os módulos formativos que debería ter todo o persoal da categoría profesional de bombeiro/a forestal, e no Real decreto 1031/2011, de 15 de xullo, onde se establecen as cualificacións profesionais que corresponden á familia profesional Seguridade e Medio Ambiente. Estes argumentos xa estaban expostos con anterioridade nas Proposicións Non de Lei sobre a reordenación do SPDCIF que a CIG presentou ante o Parlamento de Galiza, polo que consideramos que se debe establecer un plan de formación plurianual que se realice dentro da xornada laboral, pero dun xeito progresivo e vixiando pola correcta atención do servizo.

As persoas representantes da Administración quedaron en transmitir as aportacións dos sindicatos ao director xeral de defensa do monte para facernos unha nova proposta.

Ir á nova do Plan formativo do 12/02/2019

OUTRAS INFORMACIÓNS

  • CIG solicita unha aclaración a respecto de onde se van funcionarizar os/as camareiros/as-limpadores/as e os/as limpadores/as (algún sindicato andaba a vender que sería no grupo C2). O DXFP aclara que será nunha escala de nova creación dentro da agrupación profesional.
  • Adianta que o borrador do decreto de funcionarización que nos achegarán proximamente contempla a creación de novas escalas.
  • Decreto de mobilidade: virá a mesa nunha ou dúas semanas. Os concursos dependen da aprobación deste decreto.
  • Tentarán traer as bases do concurso xeral en marzo.
  • Delineantes grupo B: tratarano ao mesmo tempo que o dos axentes forestais. Non será neste ano, di o DXFP que será probablemente o ano que vén.

Outras novas recentes

Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...
Luns, 16 Decembro 2024

Proposta de Acordo para a correcta finalización de determinados procesos de estabilización (SPIF) (borrador 16/12/24)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos unha proposta de acordo relacionado coa terminación dos procesos selectivos de estabilización para as distintas clases e escalas do servizo de incendios. O asunto ven motivado polo feito de que houbo un cambio de criterios en canto á baremación da experiencia do persoal fixo-descontinuo. Con...