Novas por contido

A incógnita podería quedar despexada o martes 1 de outubro, día en que estamos convocados para discutir sobre as prazas a ofertar.

As bases do concurso quedaron aprobadas na Comisión de Persoal do 2 de agosto (coa abstención de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT). A previsión nese momento era que se publicaría en setembro, unha vez que se pechase a discusión da oferta de postos. 

Xa non vai ser en setembro, pois a xuntanza para pechar os postos está convocada para o martes 1 de outubro. E queda pendente unha Mesa Xeral para aprobar a inclusión en RPT duns postos de Educación que levan un ano creados. Así que despois de incumprir a súa previsión, sen dar sinais de vida durante case todo setembro, a cousa vai quedar para outubro como moi pronto.

Hai quen anda a dicir que o concurso queda para xaneiro. A CIG non ten argumentos para darlle veracidade a ese murmurio, polo que en principio quedámonos con que poden convocar en outubro. Pero con Función Pública nunca se sabe e unha vez máis poden incumprir as súas previsións.

En canto ao contido das bases o asunto xa está pechado; xa o explicamos polo miúdo no resumo da Comisión de Persoal do 2 de agosto, cando se aprobaron as bases da convocatoria (ler nova de 2/8/2019). Contabamos daquela que ao final desbloqueouse o principal elemento de discrepancia, a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizos. Pero mantíñanse discrepancias en aspectos como a non valoración da titulación académica, os cursos das escolas de idiomas, e o desequilibro excesivo nalgúns méritos. Se queres, aquí tes toda a información: https://i.gal/SKzQb

E os demáis concursos? A última información que temos, tamén do 2 de agosto, é que a negociación do concurso de veterinarios sería en setembro/outubro, e a de especiais negociariase unha vez publicado o de veterinarios. O de outras escalas de xeral tampouco se sabe, e o de laborais non o queren convocar nunca máis (unha das consecuencias do Acordo de Concertación que asinaron CCOO e UGT).

Esta é a situación das prazas: descargar borrador do buzón de postos a 25/09/2019.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais, destinos veterinarios/as, gardacostas, PSX, funcionarización en excedencia (CP 17/11/26)

Na Comisión de Persoal do 17 de novembro votáronse as convocatorias de procesos selectivos de promoción interna para o corpo superior A1, corpo de xestión A2, e corpo auxiliar C2 . O noso voto foi en contra das bases desas convocatorias xa que non estamos conformes coas restricións do número de prazas, de escalas nin de recualificación dos postos ou dalgún sistema que...
Xoves, 19 Novembro 2026

Aplicación do Decreto 37/2006 e listas definitivas de PSX e xerocultura

No DOG do 19/11/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se dispón a aplicación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na cobertura dos postos do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares...
Xoves, 19 Novembro 2026

Oposicións acceso libre: corpos superior, xestión, administrativo, auxiliar; escala FOL; enquisador, (para 24/11/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou Mesa Xeral e Mesa Sectorial para discutir as bases das convocatorias dos seguintes procesos selectivos. Se é do teu interese, podes contactar coa CIG: Corpo superior-A1. Acceso libre. 60 prazas. Oposición. Descargar Corpo de xestión-A2. Acceso libre. 57 prazas. Oposición. Descargar Corpo...