Novas por contido

Desde CIG-Administración Autonómica de Ourense reclamamos a construción dun novo edificio administrativo da Xunta na cidade para centralizar todos servizos, que na actualidade está repartidos en máis de 20 dependencias. Instamos o Goberno galego e o Concello a axilizar os trámites dun proxecto que se remonta a 1999 para rematar cunha “discriminación histórica”.

Agora que están a piques de comezar as obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio administrativo Xunta na Avenida da Habana 79 aproveitamos para poñer de novo enriba da mesa esta demanda, xa que boa parte dos centros autonómicos da cidade presentan numerosos problemas. 

Na avaliación de riscos realizada pola xefatura territorial de Sanidade en 2019 detectáronse graves deficiencias, como a escasa iluminación dos postos de traballo ou excesos de frío ou calor pola falta de illamento das ventás. Igualmente pasou no edificio de Villaamil y Castro, que acolle a traballadores/as da Consellería do Medio Rural e do ISSGA.

No edificio da Avenida da Habana vanse instalar luminarias con tecnoloxía LED, ademais de substituír a caldeira de calefacción e colocar dobre ventá con vidros illantes en todo o inmoble.

Ourense é a única capital galega que carece de edificio administrativo único

A Xunta presidida por Manuel Fraga elabora, en 1999, un proxecto denominado 'Ourense cara ao novo milenio', que tiña previsto o traslado do estadio de fútbol do Couto a una parte dos terreos de Bemposta. O proxecto incluía a construción dun centro administrativo único da Xunta en na cidade, como no resto de provincias, cunha superficie prevista de máis de 3500 metros cadrados.

Mais en 2014 a Xunta de Feijóo anuncia a paralización definitiva do proxecto do gran edificio administrativo nos terreos do campo de fútbol do Couto, unha actuación defendida nos anos 90 polo entón alcalde do PP en Ourense, Manuel Cabezas, e máis tarde polo Goberno bipartito (PSOE e BNG) da cidade. 

Como consecuencia, na actualidade os servizos e dependencias da Xunta están espallados en máis de 20 centros administrativos por toda a cidade. Todos con moitas deficiencias e carencias: locais sen luz natural, problemas de climatización, falta de espazo, humidades, vertidos, síndrome de edificio enfermo, sen medidas de emerxencia, con problemas de radon, etc, ademais de incumprir a lei de accesibilidade universal.

De feito, Ourense é a única capital de provincia de Galiza que carece dun edificio administrativo único que centralice os servizos, polo que consideran necesario un centro de atención á cidadanía no que se poidan presentar solicitudes, escritos e comunicacións, informarse acerca dos servizos ofertados ou recibir asistencia no uso de medios electrónicos, tal como obriga a Lei 39/2015.

Rematar cunha “discriminación histórica”

O 6 de novembro de 2018 o presidente da Xunta comunicoulle ao Concello de Ourense o obxectivo de acometer un “edificio singular” para albergar todos os servizos administrativos, anunciando que os orzamentos do próximo ano xa recollían unha partida inicial que permitise avanzar na súa tramitación. Pero aí quedou a cousa, pasaron os meses e chegaron as eleccións locais e os cambios na corporación local

Novamente, o 22 de xullo de 2019, Feijóo falou nunha xuntanza co novo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dun novo edificio da Xunta na cidade, que albergará todos os servizos administrativos que a Xunta presta en Ourense. “Mais para construílo é preciso que o Concello ceda unha parcela, solicitude que lle trasladou ao rexedor para poder acometer un investimento que cifrou en arredor de 20 millóns de euros”.

Diante disto, dende a CIG reclamamos ao Goberno galego e ao Concello de Ourense que axilicen os trámites para a construción dun novo edificio administrativo que remate coa “discriminación histórica” da cidade. Ademais acabamos de solicitar que fagan melloras da eficiencia enerxética en todos os centros de traballo da Xunta no concello de Ourense.

Outras novas recentes

Mércores, 05 Agosto 2026

Xuntanza informativa sobre as eleccións de destino (05/08/26)

Nesta xuntanza comunicáronsenos as datas relevantes de resolucións de adxudicacións de destino, cesamentos, incorporacións, tomas de posesión e outras informacións sobre escolas infantís (A2 e C1), persoal auxiliar coidador, escalas sociosanitarias, e outros asuntos (comisións de servizo, conciliación, adaptacións de postos, prestacións por embarazo e COMEs).
 
Na reunión...
Martes, 11 Agosto 2026

A Consellaría do Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF

O luns día 10 de agosto a Consellaría do Medio Rural e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT asinaron uns acordos parciais para o persoal do SPIF que entenden que son un logro sen precedentes. Para a CIG isto dista moito da realidade. Deseguido explicámosche o porque.En primeiro lugar, a Consellería tiña moita présa en pechar estes acordos en pleno verán; tanta, que...
Martes, 11 Agosto 2026

O presidente vai de procesión: Rueda pode facer o que lle pete; a Xunta, non

Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á...