Novas por contido

O Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ourense ten unha saída posterior na entreplanta, correspondente á zona do salón de actos e á sala de prensa, que consta dunha dobre porta e no exterior, unha reixa pechada.

Na avaliación de riscos e plan de acción (31/01/2013) do edificio establécese que:

“segundo se indica no Art. 8 Características das portas e dos corredores, da CPI-96, ou no Art. 6 da Sección SI 3 Evacuación dos Ocupantes do Código Técnico da Edificación CTE se debe de adecuar á saída posterior do edificio, na entreplanta, como saída de emerxencia.”

O prazo indicado no plan de acción para aplicar esta medida é de 3 meses.

Ademais na avaliación de riscos resaltábase que “en xeral, os produtos de limpeza gárdanse no vestíbulo previo a un arquivo, ao cal se accede desde o corredor de acceso aos aseos, en cada planta. Neste vestíbulo está o cadro eléctrico xeral de cada planta.”

Neste caso como medidas correctoras o plan de acción obrigaba a:

“Dotación de local ou armario para os produtos de limpeza, en cada planta. Dotación de vestiario ou armario individual para o persoal de limpeza, en cada planta ou suficiente no edificio.”

Seis anos despois, estas medidas están sen aplicar poñéndose en grave perigo a vida dos traballadores e usuarios do edificio.

Tamén hai un mes, tras unha denuncia de persoal do edificio, comprobamos que nas caixas de urxencia faltaba material e o que había estaba caducado, algún desde o ano 2015. O Real Decreto 486/1997, de 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo obriga a revisión periódica e reposición do material de primeiros auxilios tan pronto como caduque ou sexa empregado.

Os delegados de prevención de riscos da CIG no Comité de seguridade e saúde laboral do Edificio Administrativo temos solicitado aos responsables da administración en numerosas ocasións o arranxo doutros problemas que tamén continúan sen solucionar:

  • As malas condicións do persoal do terceiro andar (Cultura).
  • Problemas de seguridade no sistema de peche dos ascensores.
  • Medicións de gas radon.
  • Adaptacións necesarias para facer efectiva a accesibilidade universal no edificio administrativo.
  • As malas condicións do Rexistro e Información.
  • A revisión da avaliación de riscos, que estaba prevista para o ano 2018, e continúa sen facerse.

No resto de provincias a Xunta conta cun centro administrativo único. En Ourense existen máis de 20 centros administrativos espallados pola cidade. Todos con moitas deficiencias e carencias: locais sen luz natural, problemas de climatización, falta de espazo, humidades, vertidos, síndrome de edificio enfermo, sen medidas de emerxencia, con problemas de radon... Edificios que ademais incumpren a lei de accesibilidade universal.

Cómpre un centro de atención aos cidadáns no que poidan presentar solicitudes, escritos e comunicacións, informarse acerca dos servizos ofertados ou recibir asistencia no uso de medios electrónicos os interesados que así o soliciten (tal como obriga a Lei 39/2015).

Os delegados da CIG en Ourense continuamos na loita para defender os dereitos dos traballadores e protexer a súa saúde.

Outras novas recentes

Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna de corpos xerais; funcionarización en excedencia; finanzas-veterinarios/as-agacal-gain-intecmar (MSF e MX 10/11/26)

O martes 10, véspera da Folga Xeral, asistimos á Mesa Xeral e Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, nas que se trataron as convocatorias de promoción interna a corpos xerais e dos procesos de funcionarización de persoal laboral fixo que está en excedencia. Na rolda aberta de intervencións a DXEP deu información da escala de finanzas, da repesca de funcionarización de...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...