Novas por contido

O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galiza concentrouse o luns 22 de xuño fronte á sede da Consellería do Medio Rural para denunciar a falta de interese da Xunta a negociar as condicións de traballo do colectivo.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT levamos á mesa de negociación aberta o pasado 9 de agosto de 2019 as demandas dos enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes, que traballan en tarefas esenciais da coordinación e xestión das emerxencias por incendios forestais, ademais da xestión forestal do monte galego, sen que ata hoxe a Administración fose quen de presentar ningunha proposta de reorganización do servizo público por escrito.

Este persoal conta cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 que se demostra desfasado polos cambios na consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais; e que foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019. Así, o acordo de 2008 contradí varios preceptos da normativa laboral, polo que reclamamos un NOVO ACORDO que dea como mínimo solución aos seguintes conflitos:

  • Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
  • Redución do horario anual que supera as 2000 horas (bastantes máis do debido).
  • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.
  • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
  • Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito e establecer un/ha segundo/a xefe/a de garda por distrito forestal.
  • Diminuír a interinidade, que é do 50%, engadindo todas as vacantes na seguinte oferta de emprego público.
  • Segunda actividade e coeficiente redutor para os maiores de 60 anos.

Ante a situación de paralización da negociación dun novo acordo de condicións de traballo por falta dunha proposta da administración sobre a que debater, o colectivo decidiu concentrarse fronte a Consellería do Medio Rural e presentar un pedimento aos principais partidos políticos galegos para que estuden a súa incorporación aos seus respectivos programas electorais.

Porque estamos hoxe aquí e nesta situación

O cadro deste persoal, que na actualidade conta con 123 postos de traballo (segundo RPT da consellería do Medio Rural aprobada en xuño de 2019), data do ano 1999 coa creación dos distritos forestais, cando non existía a Lei de incendios de Galicia, a Lei de montes de Galicia, a certificación forestal dos montes de xestión pública, etc.

Nos últimos anos, o desenvolvemento da normativa sectorial de montes e de prevención de incendios obriga a este persoal técnico a fiscalizar cada vez máis a xestión do territorio. A diversidade das súas funcións, agravada no caso dos técnicos e xefes de distrito, e a carga de cada unha delas son obxectivas e cuantificables en obras proxectadas, en direccións de obra e en aproveitamentos forestais executados en montes de xestión pública, en expedientes de axudas públicas contratadas, en convenios con concellos controlados, en investigacións de causas dos incendios forestais, no número de solicitudes de aproveitamentos privados fiscalizados, na xestión de medios nos centros de coordinación, na dirección de extinción de incendios forestais (especialmente en situacións 1 e 2, con risco para persoas e bens materiais), na divulgación forestal para diferentes colectivos mediante charlas e actividades, nas tarefas de extensión forestal ao informar aos cidadáns e, en definitiva, na sistematización e rigor no control do cumprimento da normativa sectorial de montes e incendios forestais. Todas estas novas tarefas e competencias que asumimos, convértenos en persoal esencial tanto na xestión de emerxencias como na xestión pública dos montes galegos.

O acordo polo que se rexe o colectivo para a realización do traballo na época de máximo risco de incendios entrou en vigor en 2008 e non se actualizou desde a súa sinatura, o que provoca un desfase considerable entre as condicións de traballo e as circunstancias legais e económicas do momento actual, levando ao persoal a un sobreeesforzo considerable, pois o cadro de postos de traballo non foi modificado para adaptarse ás novas circunstancias descritas.

Esiximos que se consideren como horas de traballo efectivo as máis de 500 horas anuais sen compensación que fai o persoal técnico en exceso, como marca o dereito comunitario, así como o cumprimento da normativa laboral en relación a horas traballadas e descansos semanais dos xefes dos distritos.

Demándase unha reorganización das condicións de traballo do persoal técnico vinculado ao SPIF cun aumento substancial do persoal técnico funcionario que permita atender as múltiples tarefas que esixe a normativa sectorial forestal, cun número de días de descanso e de vacacións adecuado e cunha mellora das retribucións. Demándase tamén unha oferta de emprego público que cubra todas as vacantes existentes, así como a segunda actividade e coeficientes redutores de xubilación. 

A falta de vontade da Administración provocou unha dilación da apertura oficial da mesa de negociación de quince meses desde a súa solicitude, o que amosa unha absoluta falta de respecto ao servizo público que exerce o persoal técnico vinculado ao SPIF. Ademais, unha vez aberta a mesa de negociación o pasado agosto e tras outros dez meses, a Administración non ten sido capaz de pór riba da mesa unha proposta de funcionamento do servizo público para dotar de contido a mesa de negociación e podermos avanzar cara un novo acordo de condicións laborais que sexa digno e garanta o servizo público que prestamos.

Esenciais ¡¡¡¡ Si ¡¡¡¡ Novo Acordo ¡¡¡¡ Tamén ¡¡¡¡

Novas relacionadas

Outras novas recentes

Venres, 12 Xuño 2026

Oposicións análises de laboratorio e enxeñaría de camiños, canais e portos (para MSF 17/06/2026)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño de 2026, coa seguinte orde do día: Proposta de convocatoria de proceso selectivo pola quenda de acceso libre e promoción interna na escala técnica de análises de laboratorio (subgrupo C1). Descargar Proposta...
Venres, 12 Xuño 2026

Crónica dun enchufe anunciado: como a Xunta adaptou a praza da dirección do CGAC á súa candidata

A CIG denuncia que o nomeamento da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) constitúe a crónica dun enchufe anunciado e exemplifica un padrón cada vez máis habitual na Xunta do PP, cando pretende favorecer unha persoa determinada: primeiro modifica o posto, despois adapta os requisitos de acceso e, finalmente, nomea a persoa que encaixa exactamente no...
Luns, 08 Xuño 2026

Caos nas listaxes de contratación

O venres 05/06/26 na Comisión de Persoal, dende a CIG, demos aviso de que as listas de contratación estaban resultando un caos, e que así o estaba reclamando o persoal a través de queixas por rexistro que nos están facilitando, xa que están recibindo chamadas para incorporarse no posto unha hora despois e senón serán penalizadas; e notificacións con coberturas que, en vez...