Novas por contido

O mércores 12 de maio participamos na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal. A maiores dos asuntos das ordes do día (funcionarización e indemnizacións por auxilio aos tribunais de selección de ensino), tivemos ocasión de preguntar por outras cuestións sobre os procesos selectivos, os concursos e a carreira profesional. Nestas xuntanzas participamos os sindicatos máis representativos na Función Pública galega: CIG, CCOO, CSIF e UGT.

Convocatoria de oposicións de finanzas

Recibiramos un borrador das convocatorias (escala superior e técnica) o día 15 de febreiro, ás que respostamos con escritos de alegacións. Pero nunca máis soubemos nada, polo que preguntamos polas súas intencións. A resposta do director xeral de Función Pública (DXFP) é que esperan incluir e aprobar as tres convocatorias, con cambios, na Comisión de Persoal que teriamos para a semana que ven.

Convocatorias de oposicións de escalas sanitarias

Insistimos na mesma pregunta que reiteramos unha e outra vez: a totalidade da oferta dos anos 2018, 2019, 2020 e 2021 está sen convocar; nen sequera recibimos o primeiro borrador. Teñen algunha previsión? E para variar, non recibimos resposta.

Previsión de datas de exames de procesos selectivos que irían para antes do verán

Outra vez preguntamos polo mesmo. Agora con novos ruxe-ruxe (prensa) de que algúns dos previstos para xuño-xullo poderían adiarse. E o DXFP resposta como case sempre: están pendentes da autorización de Saúde Pública e cando a teñan poñerano en coñecemento dos sindicatos. Engade que esta comunicación podería ser en un, dous, tres días, que está practicamente feito. Non solta información sobre a súa intención.

Concursos de traslados

Nada novo no horizonte. Lembramos o borrador de veterinarios que recibiramos en xaneiro de 2020. Tamén que fai uns días recibimos o de finanzas. Nin un só segundo do seu tempo adicou a respostar nada sobre os concursos. Nin de escalas, nin especiais, nin corpos xerais, e moito menos de laborais.

Carreira profesional

Non respostaron ao noso escrito solicitando negociación da carreira no ámbito da Mesa Xeral, relacionado con: o persoal persoal excluído do sistema extraordinario a data 01/01/2019, a convocatoria do 2º grao extraordinario, e o sistema ordinario. O DXFP resposta que están a estudar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza gañada pola CIG.

Funcionarización do persoal laboral fixo

Na Orde do día da Comisión de Persoal ía a aprobación das convocatorias de funcionarización para os grupos C2 e Agrupación Profesional. A CIG non se opón a que todos e todas teñamos os mesmos dereitos e deberes, e o mesmo vínculo. Pero non desta maneira, xa que comezaron a casa polo tellado. As convocatorias foron aprobadas co voto en contra de CIG e CSIF, e o voto a favor de CCOO e UGT.

Preguntamos polas previsións de datas de realización dos exames das convocatorias do 2021. Non respostan nada.

Elección de destino de procesos selectivos

Preguntamos pola relación de prazas a ofertar na elección de destino da promoción interna do SPIF, se houbo cambios, xa que observamos algúns postos que non coinciden cos criterios que anunciou o DXFP. Este resposta que pensa que non, e que a súa intención é publicar no DOG a convocatoria de elección para o día 21 de maio, adiando a toma de posesión para o 1 de outubro.

En canto aos postos para as eleccións de destino das diferentes enxeñarías que xa alegaramos fai varias semanas e non respostaron, din que falaremos para a semana que vén (dirán os seus criterios e a data da publicación da convocatoria).

Indemnización por auxilio aos tribunais de selección de ensino

A proposta que trae a Administración é a actualización dos importes (de 25 a 35 € por día) de indemnización ao persoal que preste servizos de apoio aos tribunais de selección dos procesos selectivos de docentes. 

A CIG non se opón, pero .. falta persoal. Porque por moito que lemos e relemos o Decreto 96/2011 que modifican, non ubicamos ao persoal subalterno e de limpeza.

O Decreto 96/2011 fai referencia a funcións como: coordinación, xefatura de porta, vixilancia, incidencias ou técnicos/as de informática. Pero non conseguimos ver onde metemos ao persoal que nos días dos exames ou os días previos, prestan servizos aos tribunais de selección nas distintas sesións que se realizan nos centros de ensino.

Son tarefas realizadas ben fora da xornada laboral, ben dentro dela, pero en todo caso son traballos extraordinarios, como colocar e posteriormente retirar as centos de mesas e cadeiras que utilizarán as persoas aspirantes, limpar, estar no centro durante o tempo en que o tribunal está en xuntanzas preparatorias..

O persoal subalterno e limpador presta este servizo extraordinario ás veces voluntariamente, pero tamén ás veces fano baixo ameaza de represalias. E non é raro que cobren cantidades ridículas, que dependen do que o tribunal se digne a certificar, cobros que como dicimos non están regulados neste decreto.

Os responsabeis políticos da Administración aseguran que están dispostos a estudar as propostas que lle enviemos, pero advirten que só para modificacións puntuais, non a algo máis ambicioso. Veremos ao que están dispostos a chegar.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Venres, 09 Outubro 2026

Ampliación do prazo de elección de destino na especialidade de limpeza e cociña

No DOG do 09/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2026 pola que se amplía o prazo para a elección de destino na agrupación profesional, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña, convocada pola Resolución do 24 de setembro de 2026 (Diario Oficial de Galiza número 186, do 30 de setembro). Amplían o prazo...
Martes, 13 Outubro 2026

A Xanela. Boletín de CIG-Autonómica. Setembro/2026

Neste boletín: - E despois de todo isto? Que vai pasar cando rematen os concursos e tomas de posesión - Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF - Concurso específico (a libre designación encuberta con estabilidade de 5 anos) - Movementos tras o concurso ou destino definitivo - Persoal non docente: chegou o momento de negociar Descargar