Novas por contido

Este martes 19 de setembro participamos na Comisión de Persoal, na Mesa Xeral de negociación e na Mesa Sectorial de negociación de persoal funcionario, para discutir os seguintes asuntos: 1) unha modificación da RPT da Vicepresidencia 1ª e consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes; 2) a modificación da Orde que regula a flexibilidade por conciliación familiar; e 3) as convocatorias da promoción interna horizontal (funcionarización).

RPT VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA

A proposta que envían consiste en abrir os postos de Secretario/a Territorial (as catro provincias máis Vigo e Ferrol), para permitir ser cubertos por persoal docente e sanitario. Xa podían ser cubertas por persoal doutras administracións (estado, comunidades e local), pero non lles chega, e hai que colocar a algún profe ou sanitario, aos que non se lles esixiu saber de dereito administrativo, por exemplo.

A proposta amosa unha total desconfianza ou menosprezo á capacidade do persoal propio, pois de 3052 funcionarios e funcionarias de A1, teñen que abrir porque non hai 7 que lles sirvan.

Non ten encaixe abrir esas prazas ao persoal estatutario do Sergas porque os temarios dos seus procesos selectivos non teñen equivalencia cos temarios do grupo A1 da Xunta de Galiza. O mesmo temos que dicir do persoal docente.

A manobra resúmese en poder colocar a amigotes ou xente co carné na boca.

CIG, CCOO e UGT votamos en contra na Comisión de Persoal (CSIF non asistiu).

RPT de POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

Traen esta modificación á Mesa Xeral para dar cumprimento á sentenza gañada pola CIG que anula unha modificación de RPT anterior. Aproveitan para meter cambios de estrutura e outras modificacións.

Houbo varias xuntanzas, pero unha total falta de documentación (nin memorias económicas, nin informes de orzamentos, nin listados de equivalencias de postos..). Ante esa situación, a CIG solicitou a retirada do asunto da orde do día. Remitímonos ás alegacións presentadas por escrito e ao manifestado nas xuntanzas previas.

O director xeral de Función Pública (DXFP) di que haberá outra xuntanza, e con máis documentación (de feito, xa a enviaron cando estabamos en medio da Mesa Xeral falando do asunto).

Revisada a documentación recibida, non temos claro se o DXFP nos toma o cabelo, non se entera ou non o teñen informado. Porque a documentación que remitiu aos sindicatos non ten nada novo, tan só lle dan formato pdf a unhas follas de cálculo que contiñan unha suposta memoria económica. Nada máis.

Despois de tres xuntanzas coa consellería de Política Social, mantemos as nosas alegacións, comezando pola nosa negativa a amortizar postos de traballo argumentando que son de difícil cobertura cando existen listas de substitución e persoas que queren traballar.

PROMOCIÓN INTERNA HORIZONTAL (FUNCIONARIZACIÓN LABORAIS FIXOS POSTERIORES AO EBEP)

A última modificación aproxímase máis aos procesos de funcionarizacion anteriores. Porén, aínda manteñen as taxas. Non vai ser un proceso de concorrencia competitiva polo que o persoal quedará no mesmo posto que ten. Avanzamos e finalmente van ter de referencia a batería de preguntas dos procesos anteriores, pero como aínda hai algúns erros no documento de convocatoria abren un novo prazo para presentar achegas. O director xeral da Función Pública enviará unha nova listaxe onde suman 98 postos máis que se van poder presentar neste proceso de funcionarizacion de persoal laboral fixo posterior ao EBEP. Se é o teu caso e non saes no listado ponte en contacto coa CIG.

MODIFICACIÓN DA FLEXIBILIDADE HORARIA POR CONCILIACIÓN FAMILIAR

Afeamos á Xunta o feito de que a teña sen regular a flexibilidade horaria por fillos menores dende a publicación da Lei de impulso demográfico (febreiro do 2021), o que fixo que algunhas consellerías o concedesen e outras a denegasen a espera dunha regulación que non da chegado.

Eliminan a parte da bolsa de horas coa escusa de “sacar isto canto antes”, paralizado dende hai case un ano por Función Pública. Imos para adiante con isto. Porén, demandamos negociar axiña a bolsa de horas e que sexa positiva (que permitan acumular horas feitas de máis).

Neste borrador de Orde botamos en falta unha definición clara da flexibilidade, do marco horario e do horario de referencia xa que, tal e como está, pode dar lugar a múltiples interpretacións. Por exemplo, con esta redacción, poden perpetuar as denegacións sistemáticas do persoal a quendas.

Debe quedar claro que é responsabilidade das xefaturas buscar un acordo que permita conciliar as necesidades da persoa solicitante e das necesidades de servizo, priorizando as medidas organizativas equilibradas co resto do persoal. E como é un dereito, hai que regulalo o mais posible para poder asumilo ordenadamente; máis ten que ser o suficientemente aberto para permitir que se adapte a multitude de tipos de postos de traballo que temos na Administración autonómica e con réximes horarios diferentes.

Aínda quedan cousas sen resolver: como se lles ocorre seguir a excluír da flexibilidade á totalidade do persoal non docente dos centros de ensino. Ou o problema de esixir acreditar a convivencia para o coidado de persoas maiores, ademais a referencia as familias mono marentais e parentais, marcar excesivas prioridades para o goce deste dereito, etc.

Este é o último borrador da Administración, e teremos un novo prazo de alegacións e unha nova reunión antes da súa aprobación na Comisión de Persoal.

Outras novas recentes

Xoves, 18 Xuño 2026

Contra o decretazo nas listas de substitución da Xunta: folga de 1 hora

Dado que a Administración segue adiante coa aplicación do Decreto 40/2026, que modifica o 37/2006 de listas de substitucións chamamos a todo o persoal que forma parte das listas de contratación e ao que está en activo a una folga o vindeiro día 23 de xuño de 11h a 12h. Este problema afectanos a todas e todos. Ó persoal que forma parte das listas que ve recortados os seus...
Xoves, 11 Xuño 2026

Modificación da RPT de Medio Rural

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural vén de presentarnos unha modificación da RPT da Consellería de Medio Rural. As propostas que inclúe son: A creación de 15 postos de axentes UDEX (Unidade de Directores/as de extinción), dos cales un sería de axente coordinador/a autonómico e dous postos de axentes coordinadores/as. A inclusión de 6 postos de persoal...
Venres, 12 Xuño 2026

A CIG chama á mobilización por terra e por mar contra Altri e a mina de Touro-O Pino

Terá lugar o vindeiro día 14 de xuño, ás 12:00 h, na Illa de Arousa  VK_-RpfT6yk  Dende a CIG chamámosche á participación masiva na mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva, contra a mina de Touro e en Defensa da Ría de Arousa para o vindeiro día 14 de xuño.  A marcha de terra arrancará da praia do Vao, na Illa de Arousa,  ás 12:00 h, baixo o lema «Pola defensa...