Novas por contido

A CIG vén de presentar as alegacións ao informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte (DXDM) sobre accións formativas e de adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais (SPIF), datado en novembro de 2024. No devandito informe figura o plan de formación dos SPIF para o período 2025-2028 e unha baremación para a selección do futuro persoal formador, entre outros.

  • Ausencia dunha visión de conxunto da formación e implantación de plans de formación inconexos entre si

Nestas alegacións criticamos a falta dunha visión de conxunto e dunha mínima coordinación á hora de planificar a formación no eido da nosa Administración, dado que temos en funcionamento distintos plans de formación paralelos, independentes e inconexos entre si, uns xeneralistas, outros específicos, uns anuais e outros plurianuais, elaborados por distintas entidades (EGAP, AGASP, DXDM, etc.), con diferentes procedementos de solicitude e selección, recrutamento de persoal docente ou contratación de software de xestión; pero que en todos os casos son plans destinados ao persoal empregado público da Administración xeral da Xunta e, dentro deste, a servizos concretos como poden ser os SPIF. Nestes plans de formación danse uns mesmos denominadores comúns: a falla de negociación coa representación das persoas traballadoras; a ausencia dunha avaliación rigorosa dos resultados da formación precedente que guíe no bo camiño, incluído o bo camiño da igualdade entre mulleres e homes no acceso a ela; e a falla dun estudo sistemático previo das necesidades formativas que se tome como base para a elaboración de todos os plans.

  • Plan de formación do SPIF 2025-2028 e procedementos de selección non negociados

O Plan de Formación do SPIF 2025-2028 e os distintos procedementos descritos no informe (como os relativos á ampliación da bolsa de persoal formador ou aspectos da selección de persoal destinatario dos cursos) remítensenos xa feitos, sen que puidésemos participar en ningunha etapa da súa elaboración nin opinar sobre as decisións ou criterios adoptados, motivo polo que lle esiximos á DXDM que sente a negociar connosco e que escoite a todo o persoal. Neste senso, lembrámoslle á DXDM que o persoal empregado público destinamos parte das nosas nóminas á formación, e que esta constitúe un dereito, non un agasallo.

  • Dedocracia e amiguismo

No informe que nos foi remitido sobre as accións formativas non se fai ningunha referencia aos criterios de selección do persoal docente dos SPIF vixentes, nin á súa formación, retribucións económicas que perciben, réxime de compatibilidades, horarios nos que se imparte a formación, nin ningún outro dato sobre os que poidamos albiscar ou observar unha mínima transparencia. O que si parece certo é que o único criterio na escolla do persoal docente é a dedocracia e o amiguismo. Emprégase a formación das persoas empregadas públicas que conforman os SPIF como unha rede clientelar. Loxicamente, este xeito de proceder redunda nunha peor calidade da formación que se imparte ao persoal do dispositivo. Tamén é certo que recoñecemos grandes pasos e esforzos realizados nos últimos anos no eido da formación, pero na Consellaría do Medio Rural deben facer unha reflexión sobre que o verdadeiramente importante na formación é a calidade e non a cantidade. Na CIG estamos a recibir queixas e críticas sobre a calidade de moitos dos cursos de  formación que se imparten.

  • Apertura da formación dos SPIF a axentes facultativas/os medio ambientais e de enxeñaría forestal

Tamén poñemos de manifesto nas nosas alegacións que existen escalas que conforman os SPIF, como son as escalas das e dos axentes facultativas/os medio ambientais e de enxeñaría forestal, que desenvolven as súas actividades profesionais noutras consellarías e axencias, e que tamén poden desenvolver a súa actividade nos SPIF mediante as formas de provisión de postos de traballo estipulados na lexislación do persoal empregado público. Por iso, consideramos preciso abrir a formación dos SPIF a todas as persoas que poidan acceder a este servizo, segundo aparece reflectido nas RPTs de Medio Rural.

  • Igualdade de oportunidades no acceso á formación

Dende a CIG estaremos vixiantes cara á formación exclusiva que se imparte a pequenos grupos de empregadas e empregados dos SPIF para logo empregar esta formación como requisito indispensábel para acceder a determinados postos de traballo, como aconteceu coa creación das UIFOs, e que xerou moito desacougo entre as persoas funcionarias da escala de axentes facultativos/as ambientais. Neste mesmo aspecto, manifestamos a nosa queixa e malestar pola formación que se lle impartiu aos/ás xefes/as de distrito de maneira exclusiva, xa que, como sabemos, son postos de traballo cuxa maneira de provisión, segundo a RPT, é mediante concurso específico. Ante unha próxima convocatoria destes postos de traballo, opoñémonos a que se pidan como requisitos a formación ou calquera outra cuestión que só recibiron algunhas persoas empregadas públicas sen darlle oportunidades ao resto do persoal.

Interésanos coñecer a túa opinión. Se queres facernos chegar algunha información, consulta ou suxestión sobre a formación dos SPIF, contacta coa CIG-Autonómica.

 



Outras novas recentes

Xoves, 21 Mai 2026

A CIG solicitou unha reunión de urxencia co conselleiro de Facenda ante o pasotismo da directora xeral de Emprego Público respecto ás tom...

Este luns 18/05/26, a CIG solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza para dar solución e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto. As case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das...
Luns, 25 Mai 2026

Concentración: destino definitivo XA para a promoción interna de 2023

O mércores 27 as compañeiras e compañeiros da promoción interna do 2023 imos concentrarnos para esixir á directora xeral de Emprego Público é ao conselleiro de Facenda, o dereito que temos a que se nos dea destino definitivo simultaneamente co resto dos outros 8 procesos de corpos xerais que van poder facelo en breve. Esta situación é unha mostra máis da falta de criterio...
Venres, 29 Mai 2026

RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma da Galiza (para MSF 01/06/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que terá lugar o luns 01/06/26, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de modificación da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma da Galiza. Descargar Tal e como se indica na documentación que nos achegaron, esta proposta "vén...