Novas por contido

O Goberno ven de aprobar a suba salarial adicional do 0,5% confirmando a perda do poder adquisitivo do persoal empregado público . Esta miseria é froito do pacto salarial de CCOO e UGT, e agora pretenden de novo vender como un éxito o que foi un “pacto de perdas”

Os tres protagonistas da última tomadura de cabelo ás empregadas e empregados públicos saíron nestas últimas horas a felicitarse por algo insólito: imos cobrar os atrasos que nos deben! O goberno central, CCOO e UGT aplauden como un éxito que vaiamos cobrar unha suba do 0,5% cun carácter retroactivo de 18 meses.

Se xa é un escándalo que ese pagamento non se tivese producido cando correspondía (xaneiro do 2025) aínda o é máis que ninguén das persoas responsábeis poña o acento no realmente importante: como queda o poder adquisitivo dos e das empregadas públicas logo do pacto salarial 2022-24? Estivo ese pacto á altura das circunstancias? Respondeu á necesidade de recuperar o que nos recortaron previamente? Estabilizou cando menos o noso soldo ao respecto do IPC? Todas as respostas a estas preguntas son a mesma: un rotundo NON.

O efecto do pacto sindical estatal de 2022 (vencido en 2024) foi unha suba do 9.8% (computando xa o 0.5% que imos cobrar agora). Neste mesmo tempo, sen contar este ano 2025, o IPC subiu un 12,10%. Isto supón unha depreciación do noso salario dun 2,30%. 

Por que chegamos a esta situación? Porque quen pactou non tivo en conta unha cuestión fundamental: vincular os salarios co IPC, algo que, sen ir máis lonxe, se fixa por lei coas pensións. Esa foi precisamente a proposta coa que a CIG sentou unha vez máis á mesa de negociación en 2022 e esa segue sendo a exixencia do sindicato para este ano 2025.

O salario e o goberno, conxelados

Chegado xa a metade do ano e cun goberno paralizado en multitude de aspectos, máis notoriamente no que ten a ver coas retribucións do sector público, non hai enriba da mesa ningunha proposta de suba para este ano ou para os vindeiros. Levamos, polo tanto, un desfasamento e unha conxelación de facto de medio ano e non hai ningunha medida anunciada. Unha vergoña.

Como xa fixemos nas diferentes mobilizacións ao longo deste ano, así como nos anteriores, a CIG exixe a negociación, con carácter de urxencia, da actualización dos nosos salarios, partindo destas premisas:

  • Suba salarial do 5% para este ano 2025, con efectos retroactivos desde xaneiro. Esta suba implicaría recuperar o desfasamento do pacto salarial 2022-24.

  • Incorporación dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC, de tal xeito que calquera suba dos prezos ao respecto da suba salarial se compense a finais de ano.

  • Recuperación íntegra das pagas extras, recortadas desde 2010 no salario base e os trienios

  • Plan de recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos, que sumado ao que levamos deste ano 2025 xa supera o 20%.

Outras novas recentes

Mércores, 14 Outubro 2026

Por un sistema público galego de servizos ás persoas

Dentro da campaña que se está a levar a cabo “Por un sistema público galego de servizos ás persoas”, pedimos xuntanza tanto coa Conselleira de Política social como co Conselleiro de Educación. Adxuntamos os escritos remitidos solicitando esas xuntanzas, para, se o consideras oportuno lles envíes un recordatorio de que estamos á espera dunha data. ASUNTO: O que se...
Mércores, 14 Outubro 2026

A DXEP acumula atrasos, evita dar prazos e deixa sen resposta as demandas da CIG

A rolda aberta de intervencións da Mesa Xeral volveu evidenciar unha Administración instalada na demora e na falta de transparencia. A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) confirma que haberá "repescas" en todos os procesos de estabilización e acceso libre, pero non pon datas; non responde ante o caos no Consorcio e alega descoñecer a...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...