Hai unha semana a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), achegounos unha proposta de “acordo” polo que convocan os graos I, II e III extraordinarios da carreira administrativa e do complemento de desempeño (de aquí en diante referirémonos a eles como carreira profesional). O documento pretende reeditar os acordos anteriores sen apenas cambios substancias.
Dende a CIG temos claro que esta é unha oportunidade que se abre para cambiar o modelo de carreira, e fundamentalmente facela inclusiva para que ninguén que cumpra os requisitos quede sen dereitos, áxil para que todo o mundo poida acceder aos graos que lle correspondan segundo os servizos prestados, e permanente, para non depender de que se abran ou non períodos de solicitude. Por iso trasladamos as liñas xerais das nosas alegacións a esta reedición da carreira.
Non debe existir prazo para as solicitudes
Igual que acontece cos trienios, que se cobran de xeito automático ao cumprir os anos; ou tomando como exemplo a carreira profesional do persoal docente, os sexenios, que se cobran a instancia de parte, o noso sistema de carreira debe ser aberto, sen agardar a que a Xunta teña a ben convocar, e o recoñecemento dos graos debe producirse no momento en que as persoas empregadas públicas reúnan os requisitos.
Isto ten que ser así para que non nos atopemos, por exemplo, con casos de compañeiras/os que ao ter só 16 anos e 11 meses non poidan acceder ao grao III ata dentro de 3 ou 4 anos. E o mesmo sucede co resto dos graos.
E tamén para evitar que quen accedeu a un grao en xaneiro de 2024 vexa limitado o acceso ao grao seguinte.
Non hai que esixir estar activo nunha data
Manter o requisito de estar activo nunha data (31/12/2024) é tamén unha eiva que si atendemos á nosa primeira alegación deixa de ter sentido.
Acceso a todos os graos da carreira
No SERGAS, onde se implantou un sistema de carreira similar, o persoal xa cobra o grao IV. Entendemos que, por ser extraordinario este sistema, se debe DAR ACCESO A TODOS OS GRAOS de xeito simultáneo e non consecutivo, como propón a Xunta.
Calquera persoa que cumpra os requisitos para acceder a máis dun grao, fundamentalmente os anos de servizo, debe poder acceder a eles simultaneamente. Isto non só para acceder agora aos graos III e IV, senón para aqueles que se lles limitou o acceso a outros graos.
Se a finalidade do sistema extraordinario é que o persoal con bastante tempo traballado poida acceder ao grao que lle corresponda en consonancia cos servizos prestados, este modelo leva a que o persoal se xubile sen poder acceder a todos os graos.
Ao mesmo tempo con isto se paliaría o castigo ao persoal interino e temporal aos que se lles negou en 2019 o acceso á carreira profesional.
Andamos escasiños de cartos para financiar a carreira?
Dende 2020 os Orzamentos da Comunidade medraron nun 38%. O capítulo de persoal só un 27%.
Se presumen de que temos os maiores Orzamentos da historia, ao redor de 14.000 millóns de euros, case un 38% máis que hai 5 anos, non se pode entender que o capítulo de persoal medre só nun 27%. Tería que incrementarse en 400 millóns para acompasar o seu crecemento ao dos Orzamentos. E iso valería para financiar, dende o grao III ao grao XXXIII.
Non imos admitir a escusa de que non se poden aceptar as nosas demandas porque os Orzamentos xa están aprobados e non hai cartos suficientes orzamentados, cando existe un fondo de continxencia de 16.839.370 euros QUE SI VALERÍA PARA FINANCIAR O GRAO IV.
Fenda salarial
Manteñen os importes previstos nos acordos de Xunta con CCOO, UGT e CSIF, de xeito que o subgrupo superior (2.773,44 €/ano no 2024) cobrará máis do triplo do subgrupo inferior, agrupación profesional (858,48 €/ano no 2024).
A Lei 30/1984 establece que o soldo dos funcionarios do grupo A non poida exceder en máis de tres veces o soldo dos funcionarios do grupo E. Se ben é certo que isto fai referencia ao soldo, a filosofía e o espírito da norma parecen claros ao establecer unhas limitacións para NON INCREMENTAR A FENDA SALARIAL entre grupos. E tamén hai que lembrar que os sexenios do profesorado se establecen con contías iguais independentemente do subgrupo ao que se pertenza.
A CIG defende un incremento acaido dos importes inferiores para minorar a fenda retributiva.
Reinicio da carreira nun novo subgrupo
O persoal que acceda a outro grupo ou subgrupo deberá reiniciar a carreira recoñecéndoselle e actualizándoselle as contías ás do novo grupo ou subgrupo, cando este sexa superior. O importe dos graos debe percibirse na contía do subgrupo onde se prestan servizos. Ao igual que outros complementos débense actualizar co cambio de situación.
Cómputo da antigüidade
Para o cómputo da antigüidade bastaría con ter en conta os certificados de servizos prestados a efectos de trienios. Si a unha persoa se lle recoñece o tempo de traballo prestado para un concepto retributivo debería servir tamén para acreditar a antigüidade a efectos da carreira. Deste xeito se suprimirían as exclusións expresas e tácitas do texto.
Formación
Establecen os seguintes requisitos de formación segundo os graos:
- Grao I: 40 horas
- Grao II: 80 horas
- Grao III: 180 horas
Queremos facer constar que podemos admitir estas condicións de horas de formación sempre e cando se admitan dúas demandas: en primeiro lugar que se dea acceso á formación a todo o persoal que o solicite, e non como no caso actual onde a moitas persoas interinas, temporais, ou que prestan servizo en determinados tipos de centros, se lles nega a formación; e en segundo lugar, que se recolla a nosa demanda de non existir prazo aberto para as solicitudes.
Deste xeito, a quen non cumpra agora e se lle dea acceso á formación poderá solicitala en canto cumpra o requisito sen ter que esperar anos ata que abran un novo prazo. E a EGAP debería habilitar de urxencia formación para que quen queira acceder a ela poida facelo xa.
Vai rematar a chantaxe da funcionarización?
Non pode ser que a estas alturas a Xunta siga mantendo a privación do dereito á carreira como sanción ante a negativa á funcionarización do persoal que quere seguir mantendo o seu vínculo laboral.
Solicitamos que se lles restitúa a carreira no grao que corresponda, se permita acceder aos novos graos segundo o sistema aberto proposto pola CIG, e se lles abonen os atrasos derivados da suspensión ás persoas que optaron por non funcionarizarse.
Tramos dos efectos económicos
Fraccionar a carreira non é boa idea, sobre todo porque significa adiar aínda máis o acceso pleno a un sistema limitado de carreira profesional. Si seguimos por esta senda imos atoparnos que para cobrar plenamente o grao IV con todos os efectos teríamos que esperar probablemente ata o 2031, e compañeiras/os que comezaron no 2019 no sistema “extraordinario” con 53 anos, por poñer un exemplo, xamais chegarán a cobrar grao IV enteiro. Isto demostra que o sistema, de extraordinario nada ten.
A proposta da Xunta é a seguinte:
Proposta 2025 | Convocatoria xaneiro/2024 | Convocatoria decembro/2022 |
20% en 2025 | 33% en 2024 | 60% en 2022 |
40% en 2026 | 66% en 2025 | 80% en 2023 |
66% en 2027 | 100% en 2026 | 100% en 2024 |
100% en 2028 |
Por iso dende a CIG esiximos que non existan tramos, e a carreira se faga efectiva na súa totalidade dende o momento en que se solicite.
Estamos ante unha nova oportunidade para darlle á volta a un sistema de carreira que non cumpre as expectativas da maior parte das persoas empregadas públicas. Dende a CIG esperamos que as outras organizacións da parte social, non só non poñan atrancos, senón que pulen por dar satisfacción ás demandas do persoal alineándose coas demandas que nós presentamos. Un novo modelo é posíble!!