Novas por contido

Con máis de medio ano de atraso, a Xunta quere sacar unha convocatoria extraordinaria dos graos I, II e III da carreira profesional. E no medio do lote queren aprobar ás agachadas, en pleno verán, a carreira ORDINARIA e a AVALIACIÓN DO DESEMPEÑO que vai traer enormes consecuencias para o persoal ao servizo da Administración Autonómica.

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal xa nos trasladou as súas intencións de finalizar antes de agosto a negociación de dous asuntos: a convocatoria dos graos I, II e III da carreira profesional extraordinaria, e un decreto que regulará a carreira profesional ordinaria e a avaliación do desempeño. O martes 15 teremos unha reunión previa para tratar estas cuestións, e o xoves 17 a Mesa oficial de negociación (aquí tes a documentación).

Deixar estes asuntos aprobados no mes de xullo pode soar moi ben, pero hai que distinguir entre: 1) a carreira extraordinaria (para a que xa presentaramos alegacións en xaneiro), e 2) a carreira ordinaria e a avaliación do desempeño, para o que nos enviaron o primeiro borrador dun decreto e, tratándose de algo dun importante impacto, queren despachar rápido, sen dar tempo a que o persoal o coñeza e opine, en poucos días en pleno verán, e así pase desapercibido.

Por estas razóns, a CIG manifestou na mesa de negociación que tivemos o xoves 10 de xullo, que o decreto que regularía a carreira ORDINARIA e a AVALIACIÓN DO DESEMPEÑO, necesitan ser discutido con tempo, con intercambio de borradores e alegacións. Non poden liquidalo nunha mañá, así que solicitamos que a negociación dese decreto quede para setembro. Nin CCOO, nin CSIF, nin UGT, abriron a boca por esta petición de CIG, polo que sospeitamos que xa o teñen cociñado ás agachadas, no despacho.

Da carreira extraordinaria para os graos I, II e III xa informamos que é algo que tiña que estar negociado en decembro de 2024, e aínda vai a Mesa o día 17. Para esta convocatoria extraordinaria enviaron o mesmo texto que nos remitiron en decembro, sobre o que presentaramos alegacións en xaneiro (se é do teu interese, aquí tes as alegacións). Repiten as exclusións, trónzanno en 4 anualidades, co requisito de estar en activo o día 31/12/2024 para poder solicitalo, etc. Queremos unha carreira como os sexenios do persoal docente, e queremos chegar xa aos graos recoñecidos para o persoal do Sergas, recoñecida de oficio ao cumprir os requisitos sen agardar a que a Xunta teña a ben convocala. Etc.

En canto ao decreto de carreira ordinaria e avaliación do desempeño, insistimos na súa agresividade. A carreira ordinaria sería de aplicación as futuras convocatorias de graos, incluíndo o IV. As condicións para a súa concesión son enormes. Por exemplo, para pasar do grao III ao grao IV a unha persoa do grupo A (A1 ou A2), pídenselle 550 horas de formación realizadas nos 7 anos anteriores. Se es do grupo C (C1 ou C2), necesitarás 450 horas neses mesmos 7 anos. E se es da agrupación profesional, serán 300 horas.

Pero a maiores, para obter a carreira, necesitas ter unha avaliación do desempeño positiva. Podes ser bo traballador ou traballadora, pero a túa unidade pode ter avaliación negativa, co que quedarías fora. Ou xusto ao revés. Con avaliación negativa non terías a carreira profesional, pero tamén poderían removerte do posto de traballo, ou negarte unha comisión de servizos.

Como vai ser a avaliación do desempeño? O Decreto fixa unha serie de aspectos que requiren ser discutidos. Moito nos tememos que vai quedar da man do que opine de ti o teu superior sen ningún tipo de criterio obxectivo, e que poida empregarse como medida de presión.

Outras novas recentes

Domingo, 04 Outubro 2026

Os sectores de atención social e coidados únense para rematar coa precariedade de persoal e persoas usuarias

Lanzan unha campaña de mobilización para reclamar, ademais, a xestión directa dos servizos a través dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas eowpzSxtLVM Traballadores e traballadoras do sector de coidados -público e privado- veñen de unificar as súas loitas para denunciar a precariedade que padecen e as consecuencias que isto ten para as persoas...
Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...
Martes, 06 Outubro 2026

Axentes ambientais: case un ano sen o plan de igualdade específico que esixe a lei

A Xunta suspende de novo en igualdade. A Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e medioambientais, establece unha obriga específica para as administracións competentes. O seu artigo 14 (Igualdade de xénero), dispón literalmente: As administracións responsables, de acordo co fundamento de actuación de igualdade de trato entre mulleres e homes do artigo...