Novas por contido

Manter á conselleira e a unha cúpula de altos cargos incompetentes en Medio Rural faino máis cómplice do desastre

A traxedia dos lumes que está a padecer Galiza é en grande medida froito das políticas de prevención e extinción dos lumes do PP que a converteu nun polvorín. A CIG leva anos advertindo das carencias na prevención e na nefasta xestión da extinción que pon a sociedade e ao persoal de extinción en risco.

O persoal do Servizo de Incendios de Galiza está a facer máis do que a súa capacidade lle permite, evidenciando a súa profesionalidade na defensa do medio natural e dos pobos e vidas da cidadanía. Pero chegou o momento de esixir responsabilidades, non nos poden poñer máis en risco. Hai que actuar, e o goberno galego tiña que telo feito moito tempo atrás, tal e como lle leva demandando a CIG e gran parte da sociedade galega.

Rueda e a Consellería de Medio Rural levan anos inhibíndose de artellar políticas forestais activas, de fomentar a prevención dos lumes e de asentar un dispositivo contraincendios con medios e persoal para loitar contra unha nova tipoloxía de lumes moito máis agresivos e agravados polo cambio climático. As consecuencias de todo este mal proceder estamos a pagalas hoxe: máis de 150.000 ha. de monte queimado, a maior catástrofe ecolóxica dende o Prestixe. O ano que máis ardeu dende que se teñen rexistros nos últimos 60 anos, o dobre que no 2006 ou que no 1989.

O servizo de incendios minguado e mal organizado, en especial en Ourense

Fan falta mais efectivos para o servizo de incendios, tanto axentes como bombeiras e bombeiros forestais. Como exemplo no 2019, logo de meses de loita do persoal, a Consellería de Medio Rural  volveu a asumir as brigadas de reforzo, pero o fixo de forma irregular e reduciu os medios existentes (procedentes de SEAGA),  xa daquela advertimos que a provincia de Ourense ía ter serios problemas de cobertura do territorio. No ano 2019 en Ourense formáronse 29 brigadas namentres, por exemplo, na provincia de Pontevedra foron 48 (datos do PLADIGA).

Se temos en conta que a provincia de Ourense concentrou o 38,54% dos lumes en Galiza no período 2015-2024 e 34 grandes incendios forestais (dun total de 56). Esta carencia de persoal nun territorio tan amplo sumada a unha falta de infraestruturas e de mantemento, mingua da posibilidade de realizar un primeiro ataque de todos os lumes de xeito rápido, factor fundamental para que os incendios non se fagan grandes como pasou estes días.

A precariedade endémica do persoal do SPIF

O persoal que traballa no servizo de incendios atopase dividido en persoal funcionario e persoal laboral que é fixo-descontinuo. Custou anos de loita que o persoal laboral chegue a traballar 9 meses (farao no 2026). Na CIG insistimos en que este persoal ten que traballar todo o ano para poder ter unhas condicións laborais dignas, ser profesionais formados e, para poder realizar tarefas de prevención. Pero o que fai a Consellería de Medio Rural é seguir a discriminar ao seu persoal, tratando de xeito diferente ao persoal laboral e funcionario e incumprir os compromisos acadados no 2024 para igualar e mellorar as condicións laborais.

Cos lumes visibilízanse os incumprimentos en cuestións básicas de seguridade e saúde, co incremento dos riscos laborais: a superación da xornada máxima diaria de 12 horas, a falta de avituallamento de comida e bebida, carecer dun sistema para desinfectar os EPIS, coa conseguinte exposición permanente a sustancias carcinóxenas, carencias e defectos no material de protección…e na vez de buscar unha solución rápida o que fai a Administración é  dar voltas con probas e protocolos que non se implementan de xeito efectivo. E non é admisible que non convocaran os comités de seguridade e saúde laboral despois de 20 compañeiros/as queimados/as.

As bases do persoal de terra seguen a presentar graves deficiencias, moitas veces son simples naves ou garaxes, con taquillas e casetos de obra en mal estado onde comparten espazo os vehículos e a maquinaria coas persoas durante quendas de 10 horas e sen unhas mínimas condicións de hixiene ou unha simple instalación para quecer o xantar.

A nefasta política de cobertura de postos pon en risco a todo o operativo

Este ano estamos a asistir a un despropósito inda maior, a Administración tiña centos de vacantes e substitucións sen cubrir, e se puxo a facer chamamentos en plena vaga de lumes. O 15 de agosto fixo o chamamento número 16 e 17 desta tempada. E, o que fai a Consellería do Medio Rural tras as protestas das organizacións sindicais é ocultar os novos chamamentos, e como mínimo levan tres máis nesta segunda quincena.

Como puideron esperar ata ter unha vaga de lume para cubrir os postos dos bombeiros e bombeiras forestais? E que non foron baixas novas por accidentes nesta vaga, senón que na maioría, a necesidade de substitución era de meses.

Dende a CIG estivemos intentando contactar coa consellería para aportar propostas para facer máis efectiva a extinción dos incendios e mellorar as condicións do persoal, pero na vez de atender o ofrecemento os responsables agocháronse nos seus despachos. A Consellería do Medio Rural actuou de forma opaca, mentireira, irresponsable pondo en risco ao seu persoal e a toda a sociedade galega. 

Se no 2006, coa metade da superficie queimada o señor Rueda esixía responsabilidades, agora co dobre, por decencia debe el render contas. Debe cesar a quen tiñan a responsabilidade de protexernos e protexer os nosos montes: a conselleira de Medio Rural e a cúpula da súa consellería, por incompetentes e por aplicar políticas ineficaces, tanto o secretario xeral técnico, ao que corresponde a xestión de persoal como os directores xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal. Non podemos tolerar que os responsables desta ineficaz e irresponsable xestión dos lumes sigan ao fronte. Trátase dun asunto de saúde pública democrática.

Outras novas recentes

Venres, 06 Marzo 2026

Medio Rural traslada o calendario para a cobertura das prazas do SPIF

A Consellaría do Medio Rural informou da planificación da cobertura das prazas do SPIF de cara á presente campaña. A intención que teñen é dar solución aos graves problemas producidos en anos anteriores, nos que se chegou a unha situación de verdadeiro caos nos chamamentos en plena vaga de lumes no 2025. A Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural convocounos o...
Luns, 09 Marzo 2026

«Fondo de acción social (FAS)» 2025 (xuntanza do 5/03/26)

A CIG demanda unha negociación real co obxectivo posto na recuperación do auténtico fondo de acción social (FAS), tal e como o manteñen Administracións como o Parlamento de Galiza e a Valedoría do Pobo Galego, e non que fique reducido a unha axuda á discapacidade. O 5 de marzo tivo lugar a reunión da Mesa Delegada da Mesa Xeral de Persoal Empregado Público sobre os...
Martes, 10 Marzo 2026

Concurso de traslados de determinados corpos e escalas da administración especial: relación definitiva de persoas admitidas

No DOG do 10/03/2026 publican a RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, do...