Novas por contido

A denegación totalmente inxustificada para a participación nos actos das Letras Galegas 2025 ten lugar tras a eliminación das conmemoracións do Día das Letras Galegas en 2024 na EGAP e a campaña da CIG “Por unha EGAP transparente e en galego”, dada a deriva de galegofobia e de incuprimento da normativa lingüística na Administración da Xunta

Un Servizo de Persoal da Consellaría de Política Social denegoulle a unha persoa traballadora dos equipos de valoración e orientación (EVO) dunha oficina integrada da dependencia e discapacidade a autorización para asistir aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, dedicados este ano ás Cantareiras. 

Os actos foron convocados como parte da oferta formativa oficial da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O 16 de maio tivo lugar unha homenaxe ás Cantareiras na sede da EGAP, cunha actuación musical e a proxección dun documental; actividade que é requisito para poder acceder á viaxe cultural posterior, destinada exclusivamente ao persoal da Administración galega.

Estes actos forman parte das actuacións transversais da EGAP, dentro da programación de formación na lingua galega. A formación transversal non ten unha relación directa co grupo ou categoría profesional do persoal, senón que se trata da actualización e mellora continua de coñecementos e competencias necesarias para o desempeño do traballo en distintos eidos (lingua galega, TIC, lexislación xenérica da Administración, idiomas, igualdade, etc.). 

Na CIG consideramos que a xustificación alegada pola xefatura de servizo da persoa traballadora de que esta formación non ten relación coas súas funcións para denegarlle a asistencia, unha vez a súa solicitude foi aceptada pola EGAP, é unha discriminación clara e patente con respecto ao resto de persoal ao que si se lle permitiu a súa asitencia. Trátase dunha xustificación pola cal ningunha persoa da nosa Administración podería asistir a esa formación.

Unha vez que as persoas responsábeis da denegación do permiso recibiron a queixa, a xustificación inicial da denegación múdase a outra distinta, evidenciando que a motivación real das denegacións é unha auténtica persecución. Isto está a acontecer no contexto de cancelación do Día das Letras Galegas de 2024 por parte da actual dirección da EGAP, motivo polo que a CIG fixo unha denuncia pública. 

O 15 de maio, día previo aos actos das Letras cuxa asistencia se lle denegou á persoa traballadora, a CIG facía, precisamente, unha concentración diante da propia EGAP cuxo lema foi “Por unha EGAP transparente e en galego”, unha campaña de denuncia da deriva antigalega que está a caracterizar non só á EGAP, senón tamén o funcionamento da nosa Administración, como estamos a comprobar.

Esiximos que de inmediato cesen os impedimentos e discriminacións, así como as represalias, cara ao persoal que solicitou a súa participación nos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, unha das efemérides máis importantes con relación ao galego, lingua propia da desta Administración.

Outras novas recentes

Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o buzón de postos e continuarán en breve, pero non da...
Luns, 21 Setembro 2026

Non á perda da axuda dos 180 € tras a estabilización

A CIG vén de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila. Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando...
Martes, 22 Setembro 2026

A CIG denuncia o absoluto abandono do persoal técnico de enxeñaría forestal pola Consellaría do Medio Rural

Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel...