Novas por contido

Rueda dá un paso máis na vergoñenta desgaleguización da Xunta de Galiza da man de Sonia Rodríguez-Campos González, directora da Escola

A Xunta de Galiza creou polo Decreto 163/1982, do 1 de decembro, a E.G.A.P., co carácter de órgano administrativo sen personalidade xurídica propia. Posteriormente, mediante a Lei 4/1987 pasou a ser unha entidade autónoma dependente da Consellaría da Presidencia. Esta Lei 4/1987, modificada pola Lei 10/1989, estableceu que entre os fins da EGAP está o seguinte:

A difusión e a normalización do idioma galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega


En cumprimento da lexislación e os seus fins, como institución pública galega, a EGAP veu convocando dende hai 38 anos de xeito ininterrompido os actos oficiais de conmemoración do Día das Letras Galegas. A última vez foi o ano pasado, tal e como queda reflectido no DOG do 3 de maio do 2023. A programación incluíu un acto literario e musical en homenaxe á figura de Francisco Fernández del Riego o 12 de maio, e unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor o mesmo 17 de maio.

Porén, Sonia Rodríguez-Campos González, actual directora da EGAP, vén de suprimir neste mes de maio de 2024 todos os actos do Día das Letras Galegas, por primeira vez na historia da Escola. Dende a CIG manifestamos a nosa absoluta repulsa e denunciamos publicamente que a Sra. Rodríguez-Campos «esqueza» de súpeto e ás caladas as súas obrigas e as finalidades do organismo que dirixe, e esixímoslle que explique por que neste ano 2024 non convocou os actos de conmemoración en honra da literatura e da cultura galegas. Como responsable da EGAP lembrámoslle que ten a obriga de cumprir as finalidades da EGAP, e de garantir o emprego, a difusión, a normalización, o ensino e a investigación do galego. 

Esta vergoñenta supresión silandeira dos actos commemorativos do Día das Letras Galegas de 2024 non é un ataque illado ao galego da Sra. Rodríguez-Campos, quen ante as críticas e solicitudes reiteradas da CIG con respecto ás súas políticas de desgaleguización da EGAP, a única resposta que é capaz de dar é deixar de empregar a lingua galega durante as xuntanzas e pasar a dirixirse ás persoas integrantes do Consello Reitor da Escola en castelán. 

Este é un chanzo máis da desgaleguización da EGAP que vostede está a perpetrar dende hai anos, non ofertando ano tras ano a formación suficiente e necesaria en lingua galega que demandan as persoas empregadas públicas e permitindo que as actuacións e a actividade da EGAP, como a docencia dos cursos ou os materiais didácticos, sexan en boa parte unicamente en castelán, e non se apliquen de xeito sistemático, homoxéneo e planificado criterios oficiais de promoción do galego en cada área de actividade, incluída a edición e publicacións.

Dende a CIG volvemos esixir que a EGAP conte cun plan anual de normalización e dinamización do galego na Administración Pública, onde non falte a conmemoración do Día das Letras Galegas, e que garanta o desenvolvemento de todas as actuacións que lle corresponde levar a cabo con respecto á lingua galega na Administración Pública, que permita analizar cal é a situación en cada momento e propoña as medidas necesarias para o cumprimento dos fins da EGAP relativos ao galego, establecendo a recada periódica de indicadores da lingua en todas as actuacións e actividade da Escola.

Rodríguez-Campos: convoque os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas ou marche!

Non máis desgaleguización da Xunta de Galiza! Non máis ataques á lingua, literatura e cultura galegas!

 

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Mércores, 14 Outubro 2026

Lei de medidas 2027: negociación real ou pura farsa?

A documentación do anteproxecto da Lei de Medidas para 2027 chega o martes 13 ao mediodía, reunímonos o mércores 14 e o xoves 15 xa vai á Comisión de Persoal. A pesares de pedir adiamento por este motivo négase a mudar de data! Que negociación é esta? Unha farsa! Sen tempo para estudar, consultar co persoal nin presentar alegacións. Convocan mesas para cubrir o expediente...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...