Novas por contido

Tras a xuntanza que tivemos coa Consellería de Sanidade o 5 de decembro, o luns 15 pasou por Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario (MSF) a proposta de Decreto da Oferta de Emprego Público (OEP) de escalas sanitarias do ano 2025, e a convocatoria do proceso selectivo tamén das escalas sanitarias correspondente a todas as prazas das OEP dos anos 2022, 2023 e 2024. 

Os documentos que envían, para os dous asuntos, non teñen cambios respecto do borrador inicial, e nesta Mesa a consellería tempouco moveu os textos. Así que estamos nun punto no que é probable que non acepten cambios. 

Para a OEP-2025, manifestamos:

  • Axilidade: que non pase máis dun ano entre oep e convocatoria, e entre convocatoria e nomeamento.

  • Cuantificación: das 23 prazas ofertadas, 21 son vacantes por xubilación e queremos saber os números de vacantes de cada clase. A resposta de Sanidade é que por cuestións organizativas decidiron concentrar as vacantes nas clases de inspección e subinspección médica (17 prazas).

  • Previsión de xubilacións: habilitan a convocatoria de prazas adicións por previsión de xubilacións dos dous anos seguintes. O problema que xenera é que hai riscos de deixar fora a persoas que superen o proceso se finalmente non se efectiviza unha das xubilacións previstas.

  • Forma de acceso: concurso-oposición. Defendemos que conste a porcentaxe 40-60.

  • Tribunais: a súa composición será paritaria para o conxunto da oferta. Defendemos que sexa paritaria para cada convocatoria.

  • Promoción interna: limítanse a dicir que se respectará o mínimo legal (25%). CIG defende que sexa do 50% e separada da libre.

  • Galego: indica que as bases “establecerán o carácter deste exame". Con iso permiten que poida ser non eliminatorio. Rexeitamos que un funcionario ou funcionaria poida non estar capacitado/a para comunicarse cunha persoa que lle fale en galego. 

Para a convocatoria do proceso selectivo dos anos 2022 a 2024

  • Inclusión das prazas da OEP 2025: a convocatoria que propoñen correspóndese con todas as prazas das OEPs dos anos 2022, 2023 e 2024. Propomos que sumen as prazas da OEP 2025 (a do punto anterior) que vai quedar publicada antes de rematar o ano.

  • Actualización do temario: o temario da parte específica é do ano 2021, e podería necesitar unha revisión. En todo caso, queremos normas de dereito positivo en troques de temas, e se non é posible, que publiquen manuais ou referencias bibliográficas.

  • Fase de concurso: defendemos unha revisión nas seguintes liñas:
    • Que sexa diferente en promoción interna e acceso libre
    • Que a experiencia na propia administración puntúe máis que noutras
    • Que a experiencia na mesma clase aumente o seu peso respecto da experiencia noutros postos
    • Que desapareza a puntuación por permanencia (xa vai na experiencia).
    • Que para a formación non puntúe a impartición mentres non haxa criterios obxectivos e transparentes para a selección de persoas formadoras
    • Valorar só a formación de entidades públicas

  • Proba de galego: a proba de galego debe ser eliminatoria, pois non pode superar o proceso unha persoa que non estea capacitada para atender á cidadanía no seu idioma.

  • Infrarrepresentación feminina: se existe, que sexa o primeiro criterio de desempate.

  • Linguaxe inclusiva: solicitamos o emprego de linguaxe inclusiva na totalidade do texto, dándolle preferencia ás formas neutras, polo que pedimos a súa revisión.

Tras pasar pola MSF, agora toca que sexa aprobada en Comisión de Persoal e, unha vez que decida o Consello da Xunta, irá para o DOG.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...