Novas por contido

A Consellería de Política Social incumpre a Lei de prevención de riscos laborais. Na Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), as traballadoras embarazadas das escolas infantís de cero a tres anos están sometidas a un risco biolóxico inaceptable.

As empresas e institucións con persoas empregadas a cargo teñen que protexer aos seu cadros de persoal ante os riscos derivados do traballo

Cando non existen no servizo postos exentos de risco para o embarazo, a empresa, neste caso a Consellería de Política Social, ten que apartar á traballadora do risco e dála en suspensión de contrato. Neste caso, quen se ten que facer cargo da prestación é a Mutua colaboradora da Seguridade Social, até o momento do parto.

Na sentenza (00264/2016, do Xulgado do Social nº 5, de Vigo), ratificada en Suplicación no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), que estima a pretensión dunha traballadora embarazada a estar en suspensión de contrato e a cobrar a prestación por risco, estímase o risco biolóxico de contraer citomegalovirus ou parvovirus B-19, ou virus da labazada, susceptibles de dano fetal, poden darse en traballadoras en contacto íntimo con crianzas. É de todo punto imposible desvincular estes traballos de coidados a menores de tres anos sen contacto íntimo nos momentos de consolo e apego e nos de hixiene e alimentación.

Segundo as directrices para a avaliación de riscos e protección da maternidade no traballo impartidas polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), tratándose de citomegalovirus están contraindicadas as probas de detección precoz de anticorpos nas traballadoras embarazadas, sendo aconsellable limitar ao máximo o contacto con fluídos biolóxicos no embarazo no caso de seronegatividade mentres que no caso contrario non está garantida a protección fronte á reinfección ou reactivación da infección. Non existe vacinación, asociándose a infección do feto de consecuencias graves coa infección materna.

Tarefas como cambio de cueiros, dar de comer, consolar e calquera outra exposición a fluídos expón ao contaxio á traballadora embarazada.

No caso do virus da labazada (parvovirus B-19), cuxa transmisión é por vía respiratoria, a infección fetal é máis agresiva durante os dous primeiros trimestres do embarazo.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, tras esta sentenza e en cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais que o obriga a protexer a seguridade e a saúde do seu persoal, mantén ás traballadoras embarazadas en suspensión de contrato dende o momento en que comunican o seu estado de gravidez, realizando os trámites coa Mutua afastada do risco e recibindo de xeito telemático a información referente á súa situación (protocolo de embarazo, pasos a dar para a solicitude da prestación, etc.).

Tamén, no caso das embarazadas que forman parte das listas de contratación se aplica o mesmo protocolo de actuación, aceptando o nomeamento de substitución e quedando en suspensión por risco ao cargo da Mutua colaboradora da Seguridade Social no momento de comunicalo.

Outro xeito de actuar por parte da Administración, dende este sindicato, considerámolo unha discriminación intolerable por razón de sexo e maternidade.

Esiximos que adopten as medidas cautelares precisas para protexer a saúde das traballadoras embarazadas e que estas medidas non comporten discriminacións directas e/ou indirectas por razón de sexo.

Segundo as evidencias científicas o embarazo é cousa de mulleres. Onde están estas medidas no Plan de Igualdade?

Outras novas recentes

Luns, 20 Xullo 2026

Esiximos novas avaliacións de riscos para gardas e axentes ambientais

A CIG reclama avaliacións de riscos para todo o persoal axente ambiental e garda de recursos naturais en base as novas directrices do INSST Nestes días estamos a solicitar á Xunta a elaboración de novas avaliacións de riscos laborais adaptadas á Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais, e ás novas directrices do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no...
Venres, 24 Xullo 2026

Axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral por redución da xornada de traballo

No DOG do 24/07/2026 publican a ORDE do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se convocan para o ano 2026...
Luns, 27 Xullo 2026

Nomeamento como persoal funcionario dos subgrupos A1, A2, C1, C2, persoal subalterno e apertura do prazo posesorio

No DOG do 27/07/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2026 pola que se procede ao nomeamento como persoal funcionario de carreira do corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, das persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244,...