Novas por contido

O 15 de abril tivemos a xuntanza do CSSL da Consellaría de Política Social e tratamos os asuntos que deseguido se indican:

Na Residencia de Maiores das Gándaras veñen trasladando dende hai un tempo que hai un problema de gases na lavandaría. De feito, algunhas das traballadoras acudiron á Mutua por reaccións alérxicas que lles causaron a baixa laboral. Con respecto a isto, a Consellaría indica que no momento no que volva suceder hai que avisar ao Servizo de Prevención para que se presenten alí, xa que as medicións realizadas polo persoal técnico non daban alteradas, polo que pode tratarse dun fallo puntual das máquinas do local.  

Como hai tempo que xa se fixeron as medicións de gas radon en moitos centros, dende a CIG solicitamos os informes cos datos e valoracións, pero indícannos que aínda non están porque teñen moito atraso no laboratorio e que, en canto estean, nos trasladarán os resultados. Ademais, dende o Consorcio din que no novo contrato coa empresa de prevención tamén se farán medicións de radon a partir do mes de outubro, coa colocación dos dispositivos durante 3 meses no centro de traballo.

Pedimos que se fagan as avaliacións de riscos psicosociais nos servizos de menores das provincias pendentes, e a Administración, pola súa banda, comprometeuse a facer a consulta sobre como xestionalo e a contactarnos de volta.

Tamén tratamos diferentes cuestións vinculadas co Servizo de Prevención, nomeadamente as revisións xinecolóxicas e os problemas co uso dos volantes; as valoracións de postos de traballo que teñen moita demora nas resolucións; o noso desacordo cos simulacros de evacuación parciais, en vez de seren totais (ou a inexistencia deles en moitos centros); e os recoñecementos médicos para os cales, no Consorcio, co cambio de Cualtis a Vitaly, non se marcaron as datas, senón que os centros tiveron que contactar para facelos e, en moitos casos, quedaron sen facer.

Existen problemas de filtracións de auga nalgúns centros, como é o caso do CAPM Vigo - Atalaia e a Residencia de Maiores de Ferrol, que se levan tanto tempo reclamando. Trátase de deficiencias estruturais en zonas de difícil acceso no CRAP Vigo 1 e a rampla pola que as traballadoras teñen que meter carros con moita carga. Ante estes problemas, indícannos que están en vías de resolvelo, pero que dependen de diferentes autorizacións. Na CIG estamos en desacordo coa demora que, en moitos casos, xa vén de hai moitos anos, e exisimos unha solución urxente.

Así mesmo, poñemos de manifesto que non se está a cumprir a comunicación por agresións segundo o Protocolo e co emprego do Anexo 1, xa que ao non trasladar a Administración o correcto uso, moitas traballadoras cúbreno no Cenpos. Este problema conleva que o persoal técnico de prevención non teña coñecemento do que acontece e, en consecuencia, tampoco as delegadas de prevención. A Administración di que farán unha comunicación aos centros sobre o uso do Anexo 1 do Protocolo.

Unha vez feita e analizada a avaliación de riscos psicosocias no CRAPD Vigo 1, nos vindeiros días enviarán as medidas correctoras que hai que implantar no centro.

A situación do local de traballo das equipas de menores de Ourense deixa moito que desexar; unha situación que está a empeorar na actualidade coa incorporación doutras 3 integrantes no equipo de traballo. Quedaron pendentes de contestar que medidas se ían adoptar unha vez se emitira o informe da avaliación de riscos realizada recentemente, tendo en conta a incorporación do novo persoal.

Existen centros nos que se están a implantar as medidas de contención de persoas usuarias, polo que urxe valorar as medidas que hai que adoptar nestas situacións.

Canto á protección por risco biolóxico nas escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), recordámosche que é un logro para a CIG, xa que recoñecen que as traballadoras da AGASS tamén teñen dereito a seren protexidas, ao igual que nas escolas infantís do Consorcio.  

Outras novas recentes

Venres, 24 Xullo 2026

Axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral por redución da xornada de traballo

No DOG do 24/07/2026 publican a ORDE do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se convocan para o ano 2026...
Xoves, 23 Xullo 2026

Zasca do Tribunal Supremo! á carreira profesional (ST 636/2026)

O que Xunta, CCOO e UGT che quitaron a CIG devólvecho nos xulgados Mentres a CIG gastaba tapas de zapato nos xulgados defendendo a dignidade do persoal laboral que obrigaban a funcionarizarse para cobrar a carreira profesional, os do "pacto da foto" (Xunta-CCOO-UGT) dicíannos de todo menos "bonitos/as" diante das traballadoras e dos traballadores. Axeonlláronse diante da...
Luns, 27 Xullo 2026

Apertura do prazo posesorio do concurso de traslados da Administración xeral

No DOG do 27/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 13 de abril de 2026 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, e se abre o prazo posesorio dos postos...