Novas por contido

No Día da Clase Obreira Galega, a central realizou 14 mobilizacións por todo o País, porque esta é a maneira de manter vivas e vixentes as loitas do 72.

 

   

Baixo o lema «Contra a precariedade e a desigualdade, na Galiza traballo digno, pobo con dereitos», a CIG mobilizouse este 10  de Marzo en 14 localidades para lembrar as loitas do ano 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla. Unhas mobilizacións que foron o xerme do sindicalismo nacionalista galego que hoxe representa a CIG e, por iso, no Día da Clase Obreira Galega, a central  quixo facer unha xornada de reivindicación por todo o País porque esta é á maneira de manter vivas e vixentes as loitas do ano 72 pola liberdade, por salarios e condicións laborais xustas e por defender a negociación colectiva en Galiza.

A conmemoración non pode quedar reducida a un acto institucional estéril e limitado a Ferrol, aseveraba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, durante a ofrenda floral realizada pola mañá ao pé do monumento do 10 de Marzo. Incidiu en que a acción mobilizadora segue a ser o camiño para dar resposta á realidade de empobrecemento xeneralizado, baixos salarios e a desigualdade que padece a clase traballadora galega e confrontar o modelo socioeconómico neoliberal imposto a través das sucesivas reformas laborais.

          

Precarización, carestía e ofensiva imperialista

A CIG denunciou tanto a reforma do 2012 aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy como a aprobada en 2021 polo actual Goberno —acordada no chamado diálogo social—, que non derrogou a do PP, senón que facilita normalizar a precariedade e a pobreza laboral que se manifesta na contratación fixa-descontinua e a tempo parcial.

Nun momento, ademais, no que o capitalismo aperta cada vez máis os gobernos, mesmo os autoproclamados de esquerda, marcándolles o camiño co que afondar en políticas máis neoliberais e máis depredadoras, e no que se busca criminalizar a resposta social e mesmo cuestionar as liberdades públicas e os dereitos de folga e mobilización.

Isto dáse nun contexto de medre da carestía da vida que dificulta o acceso a bens e servizos básicos como a vivenda, a enerxía ou a alimentación. Se nos parecía que a inflación tocara límite coa guerra de Ucraína naquela explosión dos prezos que tanta devastación social esá a causar, asistimos estes días ao comezo dunha nova crise inflacionista a consecuencia da agresión imperialista dos EUA e Israel sobre Irán.

Ante esta perspectiva, a CIG reclamoulle aos gobernos español e galego que teñan máis preocupación por aprobar de inmediato un plan de choque para enfrontar as consecuencias económicas e sociais desta guerra, e de defensa dos servizos públicos, que por intentar aumentar e xustificar un incremento dos gastos militares.

                        

Solidariedade e mobilización contra a guerra

A CIG subliñou que o ataque dos EUA e Israel non é illado, senón que dá nun proceso do capital querer seguir mantendo a hexemonía mundial e as condicións de explotación, pobreza e sometemento aos pobos e estados que se negan a aceptar a tutela das potencias dominantes. Neste senso, a CIG animou a participar nas mobilizacións que a plataforma Galiza pola Paz ten convocadas para o vindeiro 16 de marzo contra esta barbarie, na defensa do dereito internacional e pola paz. A central reclamo que pare a apoloxía do belicismo e da OTAN, porque a guerra nunca é a solución, sempre é traxedia e destrución para o conxunto da humanidade, pero especialmente para as clases populares.

Nesta liña, a CIG apelou a responder facendo uso das nosas armas, das únicas que queremos empregar, que son a palabra, a solidariedade e a mobilización social. Lembrou que o galego é un pobo que ten demostrado historicamente a súa adhesión fraternal ás causas xustas en calquera parte do mundo. E así se veu demostrando nas convocatorias periódicas para denunciar o xenocidio do pobo palestino.

A CIG identificou a urxencia de rachar coa globalización neoliberal e co imperialismo que os EUA queren manter con toda a agresividade, lume, sangue e morte que necesite, sexa en Grenlandia, Venezuela, Irán, Cuba, etc., reivindicando a necesidade de novas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, fundamentadas no dereito de autodeterminación, no respecto á soberanía económica e política dos pobos e nacións para a construción dun mundo necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz.

                   

Deriva españolista e negadora da realidade plurinacional

Neste contexto, a CIG puxo énfase na grave crise dunha Unión Europea cada vez máis irrelevante no contexto global, que aposta polo incremento do gasto militar, por asinar acordos que arrasan o noso agro e pesca, por reafirmar unha Europa dos estados e do capital no canto de camiñar cara á Europa dos pobos e das nacións e da xustiza social.

Deste xeito, rexeitou a radicalización da dereita, o auxe da ultradereita e o fascismo promovido por un capital que quere máis ganancia sen importaren os medios e que no Estado español nega a realidade plurinacional, reforza a unidade do mercado español e centralización das relacións laborais.

As políticas erráticas do autodenominado «goberno máis progresista» do Estado e súa idealización do diálogo social, sumadas á debilidade de importantes sectores da esquerda política, sindical e social que viven instalados na idea da conciliación e convivencia pacífica das clases sociais e da «España das autonomías», facilitan as condicións para que o fascismo e a ultradereita avancen.

No noso país, os discursos e prácticas do PP en Galiza, ao que cualificou a CIG de correa de transmisión do PP español, son a proba desta deriva, competindo con VOX nunha axenda españolista, facendo apoloxía do machismo e defendendo o belicismo ante a situación internacional, mentres mantén a súa axenda de espolio colonial, dependencia política de Galiza ao sistema español e exterminio da lingua galega.

                      

Mobilización e loita para mudar as políticas

A CIG apelou á loita e á construción de poder popular como o camiño para mudar esta realidade, forzar a un cambio das políticas dos gobernos e enfrontar os ataques da patronal. Aseverou que está demostrado que a loita e a mobilización dan resultado, pondo como exemplo a capacidade da unión do pobo galego para frear Altri e alentando que con esa mesma capacidade tamén lograremos saír da emerxencia lingüística para avanzar no proceso de normalización da lingua galega. Neste punto animou a participar no acto programado por Queremos Galego para o vindeiro sábado, 14 de marzo, ás 12 h, na Praza da Quintana en Compostela.

Finalmente, a CIG chamou a facer máis sindicato, máis mobilización, máis loitas empresa a empresa, convenio a convenio, como estivemos e seguimos a facer nas folgas do transporte de viaxeiros/as da provincia da Coruña, no sector dos coidados, na conserva, no ensino público e na atención primaria, sector no que este xoves 12 de marzo a CIG ten convocada unha xornada de folga.

Co monumento ao 10 de Marzo de fondo, a CIG rematou  destacando que, máis que nunca, reivindicar o dereito a decidir é vital para facer fronte xusta e democraticamente a toda esta situación e para que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa terra, todas as persoas galegas de nacemento ou de orixe migrante que veñen ao noso País facer a súa vida.

Outras novas recentes

Martes, 28 Xullo 2026

Cadro de persoal de investigación de carácter laboral da comunidade autónoma; elección de destino de Gain (MX 23/07/26)

A creación do cadro de persoal de investigación laboral nos organismos de investigación veu á Mesa sen negociación previa coa representación das traballadoras e traballadores de cada entidade, deixando fóra 32 organismos dos 50 recoñecidos oficialmente, excluíndo ao persoal de xestión da innovación e omitindo as funcións efectivas dos postos, ademais dunha clasificación...
Martes, 28 Xullo 2026

Plantón sindical na Mesa Xeral pola non negociación dun acordo para o Persoal Non Docente

A Consellería da Imposición e falta de Educación, segue a mofarse do Persoal da Administración e Servizos dos centros educativos, e levan á Mesa Xeral de negociación a modificación da relación de postos de traballo (RPT), sin propoñer nin dar datas de cara á negociación dun Acordo Marco de condicións de traballo para o persoal non docente dos centros, motivo polo que xa...
Luns, 27 Xullo 2026

Apertura do prazo posesorio do concurso de traslados da Administración xeral

No DOG do 27/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se modifica a Resolución do 13 de abril de 2026 pola que se resolve o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, e se abre o prazo posesorio dos postos...