Novas por contido

 O sindicato levou o seu acto central a Lugo en resposta á deriva autoritaria e golpista do PP

 

 

No día do internacionalismo proletario, milleiros de persoas mobilizáronse coa CIG en 20 localidades para rexeitar as agresións imperialistas e a apoloxía da guerra, demandar paz e soberanía para todos os pobos do mundo e reivindicar que en Galiza teñamos traballo digno e dereitos. Este ano, a CIG acordou levar a súa mobilización central do 1º de Maio até Lugo en resposta á deriva autoritaria e golpista do PP, que vén de dar un paso máis nas súas actitudes antidemocráticas asaltando o Goberno municipal cunha moción de censura indigna e inaceptábel.

                 

CIG advertiu que esta deriva ten relación directa co actual medre do fascismo e dun PP que actúa como VOX, compartindo programas pero competindo polo voto; e enmarcou a moción de censura nun duro paquete de medidas de control social do Goberno galego, baseado en non cumprir cos mínimos democráticos, non respectar as liberdades públicas e o dereito á folga.

Como exemplos desta deriva autoritaria a CIG sinalou o decreto para legalizar o diálogo social — que definiu como «fosa común na que enterran os dereitos laborais» —, a través do cal o PP pretende branquear as súas políticas, anular a representatividade da CIG e desmantelar organismos de representación institucionais plurais que confrontan as súas medidas; a promoción de cambios no TSXG; apartar e vetar maxistrados e Vice-valedores do Pobo; exercer un férreo e censurador control sobre os medios de comunicación públicos ou castigar os xornais que só escriben e pensan en galego.

                         

A máis abundar, ao proceso continuado de desmantelamento e privatización do ensino e da sanidade pública, hai que sumarlle agora o anunciado plan para o control e a criminalización das baixas médicas, co que culpabilizar a clase traballadora por caer enferma e negarlle o dereito á saúde para favorecer máis abusos das mutuas e máis privatizacións da sanidade pública.

A CIG criticou que estamos ante o PP máis auténtico español e franquista, que recorta dereitos, que non se arreda en ofender a memoria de Moncho Reboiras e as vítimas da ditadura, e que promove a colonización e dependencia de Galiza e do pobo galego a deseños feitos dende Bruxelas e Madrid, onde todo se pon a disposición do negocio e da rendibilidade do capital e dos fondos de investimento.

A CIG Incidiu en que levou os actos centrais do 1º de Maio a Lugo porque non vai quedar mirando nin vai fuxir mentres se conculcan dereitos da maioría social e se afonda nun proceso que avanza cara ao autoritarismo de corte fascista. Fronte esta realidade, o sindicato chamou á mobilización e á unión do pobo galego para frear o avance do PP e impedir que se instale no Concello de Lugo; como conseguimos frear Altri, e como tamén sairemos coa mobilización da emerxencia lingüística para avanzar no proceso de normalización, enchendo o próximo 17 de Maio as rúas de Compostela na defensa do galego, porque o galego é lingua.

           

Non á guerra nin ao incremento do gasto militar

Nun contexto de medre da carestía, de empobrecemento xeneralizado, de desmantelamento de moitos sectores e actividades produtivas básicas do noso país e co imperialismo e o capitalismo neoliberal apostando ás claras pola guerra para dar continuidade a este sistema de explotación, a CIG subliñou que sen organización e conflito non hai ningunha posibilidade de avanzar en dereitos e de transformar a realidade.

Denunciou o exterminio do pobo palestino por Israel, decididamente apoiado polos EUA e a UE; as ameazas sobre Groenlandia; as agresións a Venezuela; o ataque sobre Irán e Líbano; ou o reforzo do criminal bloqueo a Cuba; como exemplos deste reaxer do imperialismo, mentres a UE e o Estado español asumen con obediencia as ordes de incrementar o gasto militar para alimentar a máquina da agresión; e asinan acordos que arrasan o noso agro e a nosa pesca, como o de Mercosur.

          

A central nacionalista rexeitou que a UE aposte por camiñar cara á dereita e ao fascismo, en troques de avanzar cara á Europa dos pobos, das nacións e da xustiza social; e criticou a incoherencia do Goberno español por axitar a bandeira do «Non á guerra» sen parar o gasto militar ou facendo apoloxía do militarismo e dos desfiles, como o que se vai celebrar en Vigo o próximo 30 de maio.

Neste punto, a CIG animou a participar da manifestación convocada para ese día pola Plataforma Galiza pola Paz, porque non queremos nin guerra, nin OTAN, nin gastos militares, queremos paz e soberanía.

Urxe a posta en marcha dun plan de choque

Ante o medre dos prezos a consecuencia da guerra de Irán, a CIG subliñou que non se pode repetir unha situación como a xerada ao inicio do conflito armando na Ucraína, cos custos dos bens e servizos básicos desbocados, e que o pobo e as clases traballadoras sexan quen paguen a guerra.

Porque esta carestía dáse, ademais, nunha realidade marcada pola extensión da precariedade laboral, do traballo a tempo parcial, dos contratos fixos descontinuos e da temporalidade, que segue existindo por causa das reformas laborais do actual Goberno español e do anterior do PP. A CIG alertou de que as condicións laborais e salariais xa nos estaban empobrecendo e  xerando máis discriminacións e desigualdades, pero a actual carestía da vida  empúrranos ao risco da pobreza.

            

Fronte a isto, a CIG pediu que cese o gasto militar e se destinen esas contías para protección social; ademais da intervención e control público en sectores estratéxicos como o da enerxía, a alimentación, a vivenda ou a mobilidade; para levar adiante un auténtico plan de choque con medidas básicas que poidan garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, subir o salario mínimo interprofesional até os 1.374 euros mensuais; e que se aprobe unha renda de inserción laboral e social.

Tamén pediu que se garanta o dereito á vivenda, coa prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das cláusulas de actualización das rendas do alugueiro e das hipotecas variábeis, e que non se apliquen as subas de xuros; así como a posta a disposición dos sectores máis necesitados de todas as vivendas da SAREB.

Xunto a isto, reclamou poñer a enerxía ao servizo do pobo, porque a descarbonización da economía e o desenvolvemento das renovábeis non está sendo xusto nin social nin territorialmente. En Galiza espolian os nosos recursos, acaban co noso medio ambiente e, por riba, pagamos moi cara a factura eléctrica.

Finalmente, a CIG demandou prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen produce; e actuarmos de forma decida contra quen especula co mercado dos alimentos, de xeito especial sobre os grandes operadores do comercio de alimentación. Denunciou que as grandes compañías enerxéticas e da alimentación seguen batendo récords de ganancias, mentres o acceso á cesta da compra e á vivenda son cada día misión imposíbel e de resultado incerto.

        

A CIG rematou advertindo que son tempos de compromiso, de mobilización e folga nos centros de traballo, na negociación colectiva, polos nosos dereitos e contra unha patronal que acumula cada vez máis ganancias a conta da nosa pobreza.

O sindicato animou a saír ás rúas para gañar as loitas que temos por diante, para irmos construíndo poder popular co que avanzar en dereitos ante a patronal e os gobernos, porque está en xogo poder vivir e traballar dignamente na nosa terra, todas as persoas galegas de nacemento ou de orixe migrante que veñen ao noso país facer a súa vida. Todas e todos xuntos na loita polos mesmos dereitos.

        

 

Outras novas recentes

Xoves, 04 Xuño 2026

Escolas infantís: falta de previsión ou caos a sabendas

Será posible que ninguén pense nas crianzas e nas traballadoras? O persoal das escolas públicas de cero a tres anos, pendentes de incorporación aos novos postos o 1 de setembro, pregúntase como se van organizar para atender ás familias e ás crianzas no tempo que se establece na Resolución de adxudicacións de prazas que se publicou en marzo (na que se contemplan só tres días...
Xoves, 11 Xuño 2026

Modificación da RPT de Medio Rural

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural vén de presentarnos unha modificación da RPT da Consellería de Medio Rural. As propostas que inclúe son: A creación de 15 postos de axentes UDEX (Unidade de Directores/as de extinción), dos cales un sería de axente coordinador/a autonómico e dous postos de axentes coordinadores/as. A inclusión de 6 postos de persoal...
Venres, 12 Xuño 2026

A CIG chama á mobilización por terra e por mar contra Altri e a mina de Touro-O Pino

Terá lugar o vindeiro día 14 de xuño, ás 12:00 h, na Illa de Arousa  VK_-RpfT6yk  Dende a CIG chamámosche á participación masiva na mobilización convocada polas plataformas Ulloa Viva, contra a mina de Touro e en Defensa da Ría de Arousa para o vindeiro día 14 de xuño.  A marcha de terra arrancará da praia do Vao, na Illa de Arousa,  ás 12:00 h, baixo o lema «Pola defensa...