Novas por contido

O martes 4 de xullo foron aprobadas en Comisión de Persoal (CP) as modificacións das Relacións de Postos de Traballo (RPT) seguintes. Previamente foron discutidas en Mesa Xeral do 30/06/23.

RPT DE POLÍTICA SOCIAL

Reconvirten e amplían a xornada de traballo a 4 prazas que pasan a xornada completa para auxiliar de clínica, para ofrecelas en elección de destino. CIG, CCOO, CSIF e UGT votamos a favor. Descargar.

RPT DE ATRIGA

Agradecemos as formas na negociación coa representación da Administración. CIG, CCOO, CSIF e UGT votamos a favor. Descargar

RPT DE AUGAS DE GALIZA

Ante as reiteradas peticións de información e de documentación, como é o informe favorable da D.X. de Planificación e Orzamentos, o director xeral de Función Pública só se lle ocorre respostar que a CIG ten un exceso de celo. Unha vez mais, os responsábeis políticos de dirixir á Administración Autonómica mostra a sua falta de vontade de transparencia e de facilitar a información requerida pola CIG.

Esta RPT ten un custe de máis de 450.000 €, e queren financiala agora con amortizacións de postos “en diferido”: cando se xubilen as persoas titulares dos postos. Na liña dos finiquitos en diferido.

CIG vota en contra. CCOO, CSIF e UGT votan a favor. Descargar

RPT DE AGADIC

Rexeitamos a retirada dos pluses do persoal tremoeiro. Rexeitamos o traslado dun posto de mestre gaiteiro de Coruña a Compostela (debe ser creación e amortización). CIG, CCOO e CSIF en contra. UGT a favor. Descargar.

Na Mesa Xeral do 30 de xuño e na Comisión de Persoal do 4 de xullo Función Pública informou de varias cuestións:

O 5 de xullo sairá no DOG:

  • as listaxes provisionais do C1 do proceso de estabilización (Lei 20/21) por concurso de méritos (2052 solicitudes) e por concurso oposición (4727 solicitudes)
  • o baremo definitivo de A2-finanzas
  • o baremo provisional de A1 enxeñería agronómica libre e estabilización

O 7 de xullo sairá no DOG:

  • superación do curso selectivo e nomeamento provisional de C2 auxiliar admvo que entraron con posterioridade.
  • as sete convocatorias aprobadas hoxe na CP (A1 e A2 orientación laboral, A2 inspección turística, C1 condución, A1 informática, A1 letrados/as e A1 estatística)

O 11 de xullo sairá no DOG:

  • elección de destino de A2 educadores/as.
  • baremo provisional de enxeñería técnica agrícola de libre e estabilización.

Auxiliar de clínica da lei 20/21: a publicación da listaxe provisional non será antes do 8 de xullo.

Quedarían pendentes de publicación rápida o baremo definitivo do A1 Finanzas libre e PI e o baremo provisional de A1 escala de seguridade no traballo, hixiene industrial e ergonomía e do A2 escala de seguridade no traballo e hixiene industrial.

Tamén probablemente para a semana que vén publicarán as listaxes provisionais do C2 da lei 20/21 de concurso e concurso oposición. Posteriormente publicarían as listaxes provisionais da agrupación profesional.

O obxectivo é tentar publicar todas as listaxes neste mes para que o prazo dos dez días de alegacións remate neste mes de xullo ou como moito na primeira semana de agosto. Neste último caso farían unha pequena modificación na resolución habitual nos últimos anos do inhábil do mes de agosto.

Elección de destino de Traballo Social e OEP Social: Están a traballar na RPT de Política Social, crearán algunha praza máis de traballador/a social e ofertaríana na elección de destino. Semana que vén ou seguinte traerán a mesa. Con respecto ao posible adiamento das tomas de posesión a setembro, o que primeiro queren é resolver a elección de destino e unha vez resolta farán as consultas correspondentes coas consellerías afectadas e cos propios sindicatos para tomar a decisión que se considere máis adecuada nese momento.

Persoal subalterno con discapacidade intelectual en destino provisional dende maio de 2021: están a traballar nun catálogo de postos para as tomas de posesión. Informan que a este persoal se lle está a dar unha formación específica e que hai escalas que levan máis tempo en provisional.

Persoal laboral indefinido: o DXFP manifesta que non van permitir excedencias para o persoal laboral indefinido que aprobe un proceso selectivo.

Procesos selectivos do SPIF do 2019: na semana que vén ou na seguinte sairá no DOG o baremo definitivo tanto do C2 emisorista, bombeiro forestal conductor de motobomba e bombeiro forestal.

Adscricións de persoal laboral do SPIF en prazas de funcionarios: di o DX que o fan así por necesidade polo máximo risco de incendios.

Chamamentos para as brigadas helitransportadas: xa se paralizaron e fixeron resolución polo requisito pero non solucionaron a cuestión de que persoal que ten que “xogarse” o posto ao aceptar un posto de mellora. O DXFP descárgase de responsabilidade e di que hai que coordinar coa comisión de listas e que é complicado coordinar a norma e a xestión. 

Listas de substitucións de persoal de incendios: En canto se faga o proceso de funcionarización se procederá á fusión de listas seguindo o criterio de escalas/categorías sen ter en conta as especialidades.

Axentes medioambientais: enviarán proximamente as bases da convocatoria de 56 prazas das OEPs de 2020 e 2022. O decreto de segunda actividade dos axentes medioambientais enviarano esta semana.

Carreira profesional: van a seguir resolvendo todas as solicitudes. Na vindeira semana traerán datos da situación.

Concursos de traslados: a finais desta semana ou comezo da seguinte enviarán as bases xerais para todos os concursos.

Promoción interna: o DXFP non se pronuncia.

Acordo FISP: O 6 de xullo terá lugar unha nova xuntanza coa DXFP polo último borrador do acordo. Previmente manterán unha xuntanza a DXFP coa DX de Saúde Pública. Queren traer a RPT de Saúde Pública o antes posible.

Conciliación para menores de 18 anos: o director xeral manifesta que ten que ser aprobada na Comisión de Persoal.

Orde de integración de Augas de Galiza: están coa tramitación administrativa. Está avanzada.

Consorcio: están traballando na RPT e en canto á orde de integración están recompilando documentación.

Fondo de acción social (FAS): contan con publicar a listaxe provisional no DOG do día 15 de xullo.

RDL 5/2023: non van facer ningunha valoración polo de agora porque aínda ten que convalidarse no Congreso (o prazo da convalidación remata despois das eleccións xerais). Farán a valoración a finais de mes se se convalida no Congreso antes.

O luns 3 de xullo tivemos a segunda reunión da Comisión de seguimento do Acordo de axentes ambientais dende o 2019.

Na Comisión de Seguimento de axentes ambientais a Dirección Xeral de Función Pública deu, con moi boas palabras, unha patada para adiante na maioría das cuestións. Con moito borollismo quedaba claro que nos quería deixar contentos e aplacar un posible conflito en pleno verán.

E aínda así atreveuse a xustificar a imposición do período extraordinario o 29 de xuño “polo risco excepcional” (con este argumento poden impoñer o que queiran) e, de grupo B nada. Comprometeuse a avanzar no acordo das IIlas Atlánticas e no de segunda actividade que ten paralizados. E vendeu procesos selectivos que en realidade tiña que sacar igual porque se non lle caducan.

Procesos selectivos pendentes, so ofertaron 2 prazas de estabilización da lei 20; reclamamos solución das 13 do C2 que se cargaron. Van estudar que facer antes de respostar as reclamacións que teñen pendentes.

Dende a CIG esiximos que as convocatorias seguintes sexan de concurso-oposición na vez de oposición como están a facer nos novos procesos, e din que o van ter en conta (pola abondosa interinidade). Anuncian a próxima convocatoria das 56 prazas acumulando, como xa fan noutros procesos, varias OPES pendentes.

Para a futura OEP 2023 están abertos a meter o máximo de prazas posible para compensar a multitude de xubilacións.

Das queixas que lle presentamos na aplicación do período extraordinario en Patrimonio Natural din o “estudarán” pero dende a Consellería de Medio Ambiente aclaran que poden facelo libremente.

Regulamento: “convocarán” mesa de traballo a partir de setembro.

Nada de aplicar o Acordo de 2016 (grupo B). Teiman en que se necesita un desenvolvemento regulamentario...Pásanse os acordos polo forro e máis cando xa hai B nas deputacións, concellos, etc. e aparece regulado na lei de orzamentos do Estado.

Coeficientes redutores, din que “xa o solicitaron” ao Goberno anteriormente e se quedan tan anchos.

Formación do persoal da escala: explican dende Medio Rural que a prioridade é para o seu persoal e que se sobran prazas entrarían axentes de Patrimonio Natural. Medio Ambiente nin se pronuncia ante a súa nula oferta formativa.

Prazas do Agacal (Centro de Investigación Forestal de Lourizán): a DXFP o estudará pero Medio Rural xa avanzou a sua negativa por non estar as súas funcións incluídas na “xustificación” da suba de niveis do acordo.

Seguimento e interpretación do Acordo: no 2021 presentáronse emendas para resolver interpretacións torticeiras, diferentes carteleiras, noites en Patrimonio Natural, etc ao que nunca nos responderon. Di que enviemos de novo.

 

Asemblea axentes ambientais

Continúa convocada a Asemblea prevista para o xoves 6 de xullo de 2023 no Salón de Actos do edificio administrativo da Xunta de Galiza

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos (MX) e da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSF) que será o venres 30/06/23. O día anterior, 29/06/23 tratamos os mesmos asuntos xunto coa proposta de acordo sobre as condicións de traballo do persoal Farmacéutico Inspector de Saúde Pública (FISP).

En total un lote de catro RPT, 7 convocatorias de procesos selectivos, e o acordo FISP, xunto coas actas a revisar das mesas anteriores, todo metido con calzador e por tanto sen tempo a estudalo en condicións. 

Un exemplo desto último é que para 4 dos 7 procesos selectivos enviaron a convocatoria de MX e MSF, cos respectivos borradores, antes de rematar o prazo de presentación de alegacións. Estes borradores son exactamente os mesmos que enviaron para a xuntanza previa.

Estes son os puntos da MS e MSF (o acordo FISP foi á xuntanza do xoves 29, pero non vai á MX ou MSF):

Nota: da documentación que nos envían retiramos as actas das xuntanzas previas xa que foron feitas sen que os sindicatos tivesemos ocasión de podelas revisar e alegar ao seu contido, polo que non podemos garantir que sexan reflexo do tratado na xuntanza.

A sentenza contra a Orde de confección de nóminas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza onde se lle daba a razón á CIG adquire firmeza.

O Tribunal Supremo rexeita a casación que presentara a Xunta contra a sentenza gañada por nós no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O acordo asinado pola Xunta, CCOO e UGT pretendía chantaxear ao persoal laboral fixo para que se funcionarizara xa que de non facelo non cobrarían a carreira profesional.

Isto acaba de ser declarado nulo ao adquirir firmeza a sentenza do TSXG contra orde de confección de nóminas por obrigar ao persoal laboral fixo a se funcionarizar para ter a carreira.

Tamén son nulas todas as disposicións dos acordos anteriores que establecían esta chantaxe.

O que resta agora é executar á sentenza, polo que instamos á Xunta a que se sente a negociar coa CIG a aplicación da carreira ao persoal laboral fixo que non se quixo funcionarizar, que a estas alturas xa tería que estar cobrando o grao II, e por suposto, cobrar os atrasos dende 2019.

Así que para non prexudicar máis do que xa fixeron a este persoal tanto a Xunta como os sindicatos asinantes (chega tarde, cando xa case todo o persoal está funcionarizado) deben SOMETERSE ao que di a sentenza, e recoñecer o dereito e pagar o que lle deben ao persoal laboral fixo.

A partir de agora

• A Xunta terá que sentarse con nós para abrir un proceso de solicitude para aquelas persoas que non solicitaron a carreira porque xa tiñan claro que non se ian funcionarizar e polo tanto non aceptaron a chantaxe con efectos do 1 de xaneiro de 2019.
• Terá que devolver as cantidades paralizadas do grao I da carreira profesional ao persoal laboral fixo que a tiñan solicitado pero que ao final non se funcionarizou.
• Non pode repetir a chantaxe na nova carreira profesional (o complemento de desempeño).

O xoves 29 de xuño tivemos unha xuntanza con Función Pública na que se tratou unha nova proposta de acordo para os FISP (Farmacéuticos/as Inspectores/as de Saúde Pública)

Con esta nova proposta xa van tres versións dun documento inicial ao que fixemos alegacións sen que tiveramos nin unha explicación por parte da Consellería de Sanidade nin puideramos discutir o documento nunha mesa de negociación propia.

Dende a CIG reclamamos a negociación por apartados nos que resolver as seguintes cuestións:

  • Funcións e traballo habitual dos novos postos de coordinadores/as.
  • Cadro de persoal para realizar todas as novas funcións e tarefas e cobertura horaria. Modelo de carteleira e proposta de RPT (Niveis 24 e 25).
  • Acordo de condicións de traballo, cumpre:
    • Solucionar os problemas do preámbulo (a Administración fai unha xustificación da imposición horaria baseándose nun decreto anterior non negociado)
    • Horarios de traballo. Seguen a presentarnos un horario raro, con fraccións de 15 min e superior a xornada ordinaria dos empregados públicos. Insistimos no horario de 7 horas/día ordinario e contabilizar o tempo nas gardas (presenciais ou non). É dicir, non aceptamos ampliacións horarias en cómputo anual sobre o máximo establecido no EBEP e na LEPG. O horario especial é unha distribución horaria irregular, non un exceso horario. Coa proposta da Administración poden sumar máis de 20 días de traballo consecutivos. Cuestionamos a necesidade das tardes e que se teña que cubrir toda a provincia.
    • Gardas localizadas e gardas de presencia fisica. Seguen existindo as dúas no texto pero solo se define a garda localizada. O horario por garda resulta excesivo, propomos reducir a 12 h. Non hai compensación de ningún tipo, nin en cartos nin en tempo, nin sequera prevén a axuda de custo para xantar e tampouco hai devolución do día consumido.
      Ademais non se aclara se unha garda se refire a un fin de semana completo ou cada garda é un día solto. Se se trata de garda=día=6 gardas non dan as contas en base o cadro de persoal actual, nen sequera cubrindo a provincia como pretenden. Demandamos unha carteleira de gardas equilibrada. Debe definirse que pasa cando coinciden varios festivos nunha semana. Consideramos que se debe sumar ao máis próximo, non ao seguinte. Coa redacción actual pode que o festivo sexa o luns e que se teña que sumar ao fin de semana seguinte.
    • As funcións dos coordinadores/as nos fins de semana e festivos non están definidas. Entendemos que deberan facer as mesmas que os FISP, se non aínda dan menos as contas para cubrir o servizo.
    • Compensacións. Mellora con respecto a proposta anterior por actualización das cantidades en base a subas salariais dende o 2008 (Veterinarios/as de Saúde Pública) pero segue a ser moi cutre:140 euros máis ao mes por traballar a quendas e gardas con todas as novas funcións. Hai que establecer claramente cal é o específico diferencial porque coa redacción proposta parece que o CE ordinario é diferencial, cando realmente está sumado.
    • As horas extras. Ou son horas extras por alongamento da xornada (ordinaria ou extraordinaria) ou son gardas. Debe definirse correctamente. Se son gardas non se deben atar a caídas, xa que é tempo efectivo de traballo.
    • Mobilidade. Na CIG rexeitamos o artigo da mobilidade. Se é necesario propoñemos que contraten a máis persoal ou que dimensionen adecuadamente o cadro de persoal actual.
    • Efectos económicos. O alongamento da negociación deste acordo é responsabilidade da propia Administración, polo que para evitar un prexuízo económico ao persoal afectado solicitamos que os efectos económicos sexan dende o 1 xaneiro de 2023 e non dende a data de sinatura.
    • Comisión de seguimento. Pedimos que estea conformada polas OOSS da MXEP na vez de polos asinantes. Entendemos que dá maior flexibilidade de convocatoria e resolución na interpretación e control. Estamos cheos de comisións de seguimento que nunca queren convocar.

A Administración finalmente dixo que vai enviar un novo borrador para ter unha última reunión o xoves ou venres da semana que vén, antes de levar o Acordo a aprobación na Comisión de Persoal. Aclara que as gardas son en lotes de fin de semana (un fin de semana=unha garda) e teima en que non se van compensar por que “son de dispoñibilidade” obviando a xurisprudencia que di que o tempo disponible é a tódolos efectos tempo de traballo.

A Valedora do Pobo ven de requirir ás consellerías informe sobre o funcionamento da comisión de seguimento após da denuncia da CIG.

A Administración convoca a comisión de seguimento do Acordo polo requirimento da Valedora do Pobo e “casualmente” 24 horas despois de que se difundira a convocatoria da asemblea xeral que temos os axentes ambientais en Santiago de Compostela para o vindeiro 6 de xullo.

A Valedora do Pobo comezou a tramitación comezou a tramitación da queixa presentada pola CIG. O día 1 de xuño requiriu á Consellería de Facenda, a Consellería do Medio Rural e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a información sobre as convocatorias da Comisión de Seguimento.

A administración ven de convocar a Comisión de seguimento logo, paralizada dende decembro de 2020:

“Convócaselle a unha xuntanza da comisión de seguimento do acordo da consellería do Medio Rural, da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da consellería de Facenda e Administración Pública sobre as condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientais, que terá lugar o 3 de xullo ás 12:30 horas, co seguinte
ORDE DO DÍA:

1. Estados procesos selectivos.
2. Decretos OPE e a súa incidencia na escala.
3. Estados execución do acordo asinado.
4. Rogos e preguntas”

Dende a CIG queremos instar ademais a que se traten estes puntos:

1. Denuncia de incumprimento do Acordo e orde de horarios polo comezo da Época de Perigo Alto 29 de xuño.
2. Regulación de criterios do período extraordinario do persoal adscrito a Medio Ambiente.
3. Regulamento.
4. Aplicación do Acordo de promoción interna da escala (grupo B).
5. Coeficientes redutores para a xubilación anticipada.
6. Garantía e criterios de acceso a formación continua do persoal da escala.

 

Aviso importante

A convocatoria é unha estratexia clara para desinflar forza e tratar de desmontar a unidade do persoal. Polo de agora non temos ningún avance concreto polo tanto continúa convocada a asamblea prevista para o xoves 6 de xullo de 2023 no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galiza.

No DOG do 28/06/2023 publican:

- RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo A2).

- RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (subgrupo A2).

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Así mesmo, e segundo a base I.4 das que rexen o proceso selectivo, nesta listaxe figuran as persoas aspirantes que teñen pendente de acreditar que están en posesión do Celga requirido.

As persoas aspirantes excluídas, as que non figuren en ningunha das listaxes, así como aquelas persoas que non acreditaron estar en posesión do Celga requirido, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión ou acreditar que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga 4 ou equivalente.

Ante a inacción da administración da Xunta de Galiza nos avances das escalas de axentes forestais e ambientais, compre xuntarnos para avaliar e acordar accións de cara a defensa dos dereitos laborais, a necesidade de procesos selectivos, da promoción o B e do regulamento. Ademais falaremos de divisións, rebaixas salariais e incumprimento do Acordo de condicións de traballo.

E con iso incumpre o V Convenio e os acordos de condicións de traballo do persoal bombeiro, axente e técnico do SPIF

O xoves 22 remitiuse comunicación ao servizos provinciais e aos distritos na que a Dirección Xeral de Defensa do Monte adiantaba o comezo do Alto Risco para os bombeiros/as forestais e do Período Extraordinario para axentes e técnicos/s do SPIF.

Dende a CIG emitimos queixa a Función Pública e a secretaría xeral técnica de Medio Rural, xa que se salta a normativa que regula as condicións de traballo do persoal. Cárgase o previsto no Acordo de condicións de traballo de axentes e técnicos e o Acordo do persoal do SPIF do V Convenio: nin cumpre os prazos legais de comunicación, nin cumpre a fracción de 15 días. E nin sequera esta xustificado.

 

A autocracia do director xeral de Defensa do Monte

A 26 de xuño o director xeral de Defensa do Monte aínda non ten recuado desta pretensión, o que da mostra da tiranía que exerce sobre o persoal do SPIF.

Si ten a previsión de que se vai producir unha situación excepcional, debera tratalo coa representación do persoal na comisión paritaria e nas de seguimento, pero non o fixo, simplemente porque non se trata dunha situación de risco excepcional: trátase dunha DEMOSTRACIÓN DE PODER.

 

Os efectos de comezar o 29 de xuño

Vacacións e permisos quedan en cuestión. Pásase a traballar segundo o sistema de gardas e cos límites previstos no convenio e nos acordos? Como se xustifica? Poden suspender a alguén as vacacións que esta gozando agora, en base a que?

Imos traballar dous días gratis? Como van ser retribuídos estes días a maiores cando non esta previsto no acordo de condicións de traballo? Ou será que o alto risco vai rematar o 28 de setembro?

 

Os 90 están (pasados) de moda

Será que este director xeral gostaba máis da xestión do servizo dos anos 90. Aqueles tempos nos que cando chovía despedíante e ías para casa e volvíanche contratar cando as cousas se puñan feas.

 

A desastrosa xestión de persoal

Dedocracia nas adscricións e comisións, procesos selectivos inexistentes ou raquíticos cunha temporalidade récord, pagar polos excesos de xornadas a uns si e a outros non, quitar salario ao persoal que estaba a cumprir os servizos mínimos na folga son exemplos da nefasta xestión de persoal no SPIF.

E agora arman un cristo coa nova proba física para as brigadas helitransportadas. E iso que avisados estaban, e como son mais chulos que ninguén, tiraron para adiante cunha proba nova que se non superas pasas a suspensión de chamamentos. E si aceptaches un chamamento de mellora aínda non aclaran se finalmente quedas na calle e sen dereito a paro.

Ao novo secretario xeral técnico quédalle moito choio por diante para por as cousas en orde: que comece por anular a comunicación do alto risco.

Outras novas recentes

Venres, 12 Xuño 2026

Oposicións análises de laboratorio e enxeñaría de camiños, canais e portos (para MSF 17/06/2026)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha Mesa Sectorial de Persoal Funcionario que terá lugar o vindeiro mércores 17 de xuño de 2026, coa seguinte orde do día: Proposta de convocatoria de proceso selectivo pola quenda de acceso libre e promoción interna na escala técnica de análises de laboratorio (subgrupo C1). Descargar Proposta...
Venres, 05 Xuño 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión

Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice. Aínda que non...
Mércores, 03 Xuño 2026

RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza (para CP 05/06/26)

Após a xuntanza da Mesa Sectorial do Persoal Funcionario do luns 01/06/2026 onde se tratou a proposta de modificación da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, agora a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal vén de convocarnos a unha Comisión de Persoal que terá lugar o venres 05/06/2026, coa seguinte Orde do día: 1. Proposta de...