- Detalles
Recibimos aviso da Dirección Xeral de Función Pública no que nos comunican que a Resolución coas puntuacións provisionais das persoas participantes admitidas no concurso para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autonómoma de Galiza, vai ser publicada no DOG do venres 16 de xullo.
Non vamos a facer un repaso polos reiterados incumprimentos de prazos. Tan só vamos co último deles: este baremo provisional era marzo/abril deste ano, e xa estamos en xullo. Cando será a resolución definitiva, que era para xullo?
- Detalles
Segundo nos comunican de Función Pública, no DOG do martes 20 de xullo de 2021 publicarase a Resolución do 13 de xullo de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza do:
- grupo I, categorías 2 (médico e outras), 6 (titulado/a superior psicólogo/a) e 11 (titulado/a superior pedagogo/a),
- grupo II, categorías 2 (ATS e outras), 6 (educador/a.Profesor/a especial), 11 (fisioterapeuta), 17 (asistente social) e 20 (terapeuta ocupacional),
- grupo III, categoría 50 (técnico/a especialista en xardín de infancia) e
- grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica e outras).
- Detalles
A Consellería de Sanidade convocounos a unha xuntanza para discutir a proposta de modificación da súa RPT. A xuntanza vai ser o día 13 de xullo, polo que se queres achegarnos algo, contacta coa CIG.
A documentación podes descargala dende a seguinte ligazón.
- Detalles
A Consellaría de Emprego e Igualdade convocounos a unha primeira xuntanza (08/07/2021) para "presentarnos" a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). A documentación coa proposta enviarona o día anterior a última hora da mañá, e por tanto sen tempo abondo para estudala correctamente. Incumpren así o deber da axuda mútua na negociación. Mal comezo.
Nesa primeira xuntanza subliñaron que a proposta aínda non inclúe todas as modificacións necesarias motivadas polo cambio da anterior consellaría, e que vai en paralelo coa modificación da estrutura orgánica.
Afecta á Dirección Xeral de Emprego, Dirección Xeral de Formación e Colocación e á Secretaría Xeral de Igualdade. Contempla a xestión de fondos europeos, a dixitalización do servizo de emprego e a implementación de novas tecnoloxías. Esta última cuestión vai ter máis peso.
Suprimen oito postos en total, pero tres estaban vacantes, e dos cinco restantes dous postos foron funcionarizados. Créanse 20 novos postos: 10 de estrutura e 10 de apoio. Din que as modificacións son puramente técnicas.
A CIG esixiu un maior prazo para estudar a documentación e alegar. Ao noso ver, as amortizacións non están ben fundamentadas. Preguntamos pola obrigada dotación de persoal técnico de arquivos. Hai unha sentenza do Tribunal Supremo indicando que debemos ter todos os datos para a negociación da RPT e reclamamos que conste en acta. Tamén pedimos aclaración se van agardar ao recurso da sentenza do TSXG sobre a anulación da RPT da Consellaría de Economía que gañou a CIG. Os postos de orientador/a deberían ser considerados como postos de estrutura, pois están ligando distintos programas. Preguntamos se hai algo pensado sobre o plan de igualdade. Gostaríanos que se convocara unha reunión sobre o teletraballo nas oficinas de emprego, na que deberían estar todos os sindicatos.
Temos prazo para presentar alegacións escritas ata o luns 12, polo que se queres aportar algo, contacta coa CIG canto antes (negáronse a ampliar o prazo).
Nota: a petición de todas as organizacións sindicais, a fin de dar satisfacción ao principio legal de axuda mútua na negociación, e nun alarde de magnanimidade, recibimos un correo da consellaría na que nos amplian o prazo de alegacións ..[que emoción].. en tres fantásticas horas!! Así, o prazo de alegacións remata o mesmo luns día 12, pero ás 15 horas.
- Detalles
A CIG non asina o novo acordo de estabilización pactado entre sindicatos estatais e o Ministerio porque non soluciona o problema do abuso da temporalidade e mantén a taxa de reposición de efectivos.
O texto do acordo pactado o 5 de xullo de 2021 entre as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública, co voto en contra de CIG e ELA, publícase no BOE do mércores 07 de xullo con efectos a partir do día seguinte.
Este Acordo que modifica o EBEP, incorre nas mesmas eivas que os acordos previos asinados nos anos 2017 e 2018, e introduce varios cambios claramente regresivos e outros que, aínda que se venden como melloras, van ter un efecto moi limitado e incluso discriminatorio.
Analizamos o texto:
1. Xustificación: CONSTRÚESE SOBRE AS RUÍNAS DOS ACTUAIS ACORDOS DE ESTABILIZACIÓN DO EMPREGO DE 2017 E 2018
Os plans de estabilidade do 2017 e do 2018 non serviron, é evidente. As cifras que se reproducen no propio comezo do texto do Acordo son de escándalo: 56.000 prazas “estabilizadas” dun total de 218.000.
Na Galiza os datos de temporalidade hoxe aproxímanse ao 40%, polo que, a pesar de ter moitos procesos pendentes nas OEPs, foron pouco efectivos por lentos e caóticos con falta de criterios estabilizadores reais e homoxéneos nas notas de corte ou tipo e número de probas.
Malia todo isto, o acordo actual levántase sobre esas ruínas, sen aportar solucións efectivas, indicando que o proceso de “estabilidade” se desenvolverá coas "mesmas condicións e características dos anteriores acordos".
2. O apartado A) PROCESO DE ESTABILIZACIÓN NO EMPREGO PÚBLICO
Márcase o limiar de redución da temporalidade no 8% das prazas estruturais con procesos de estabilización de emprego e repítese case todo o previsto nos acordos de estabilización anteriores.
PRIMEIRO: Afecta ás prazas ocupadas temporal e ininterrumpidamente ao menos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 e que non foran incluídas nos procesos de estabilización dos Acordos da Mellora de Emprego do 2017 e 2018.
Na Administración Xeral da Xunta todas as OPES derivadas do Acordo de Concertación asinado entre Xunta, CCOO e UGT, estarían fora deste novo proceso de estabilización polo tanto fora das accións dos seguintes apartados. Así a maioría da prazas xa foron ofertadas nas OEP 2019 (incluidas repescas de OEP 2017 e OEP 2018), OEP 2020 e OEP 2021.
Os procesos desenvolveranse estean ou non as prazas dentro dunha RPT e autorízase unha taxa adicional de estabilización (como agora, non entrará dentro da taxa de reposición).
Sinalan un prazo máximo bastante longo: os procesos deben estar resoltos antes do 31 de decembro de 2024.
SEGUNDO: Os procesos selectivos de concurso-oposición, cos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e libre concorrencia, cunha valoración da fase de concurso do 40%. Como novidade posibilitan a creación de bolsas de interinos específicas ademais das listas de agarda.
TERCEIRO: As administracións deberan asegurar os cumprimentos de prazos e implantar medidas para a axilidade dos procesos como a reducción de prazos, dixitalización, acumulación de probas..
CUARTO: A non superación do proceso selectivo da persoa que ocupe o posto dará lugar a indemnización. Ollo, só no caso das prazas convocadas ao aveiro deste plan de estabilización (non entrarían as xa ofertadas en base aos Acordos anteriores).
- Funcionario/a interina: 20 días retribucións fixas/ano de servizo, ata un máximo de 12 mensualidades.
- Laboral temporal: diferenza entre o máximo de 20 días e a indemnización correspondente pola extinción do contrato ata un máximo de 12 mensualidades.
A non participación no proceso selectivo non xerará compensación económica.
3. O apartado B) REFORMA DA NORMATIVA BÁSICA EN MATERIA DE EMPREGO PÚBLICO
PRIMEIRO: So se poderá nomear persoal funcionario interino por razóns xustificadas de necesidade e urxencia nestas situacións:
- Cobertura de prazas vacantes (cando non sexa posible por funcionario/a de carreira) cunha duración máxima de tres anos. Si se lle convoca a praza durante estes tres anos, poderá permanecer ata a súa resolución e o seu cese non implicará compensación económica.
- Substitución
- Execución de programas de carácter temporal (3 anos + 12 meses prorroga)
- Por exceso ou acumulación de tarefas (máximo 9 meses dentro dun período de 18)
SEGUNDO: Selección do persoal funcionario interino en base a procedementos que respecten os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e celeridade. O nomeamento non suporá en ningún caso o recoñecemento como funcionario/a de carreira.
TERCEIRO: Acúdese entre outras á causa da amortización da praza ou posto de traballo para finalizar á relación laboral sen indemnización. A ver se para despedir de balde van adicarse a amortizar!
CUARTO: As vacantes ocupadas por persoal funcionario interino deberán cubrirse a maior brevidade posible, e pasados 3 anos finaliza a relación laboral e só será cuberta por persoal funcionario de carreira, ou si nun proceso selectivo quedara deserto, farase un novo nomeamento por interinidade.
As actuacións irregulares por parte das administracións e incumprimentos de prazos máximos de permanencia dará lugar a compensacións económicas nos mesmos termos que si non se superara o proceso de estabilización, pero só será de aplicación aos nomeamentos e contratacións efectuados con posterioridade á entrada en vigor da reforma do TREBEP.
PARA O PERSOAL DA XUNTA DE GALIZA CERO PATATERO: MOITO DO MALO E NADA DO BO
Este Acordo non facilita as cousas aos milleiros de persoas temporais da Xunta sexan laborais temporais ou funcionarias interinas, nin lles afecta a nivel indemnizatorio, ao estar hoxe a práctica totalidade xa incluídas en ofertas de emprego anteriores. Os procesos selectivos de concurso-oposición son os mesmos que os que temos hoxe e non obriga a que cambie nada “a mellor” como facer criterios comúns e estabilizadores nestas convocatorias, temarios reducidos…
Tampouco soluciona nin pon freo ao abuso da temporalidade posto que non elimina a taxa de reposición nin fixa un marco sancionador estrito e contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade, nin establece medidas reparadoras co persoal interino vítima do abuso na contratación temporal.
Pola contra, a “sanción”, recae no traballador/a que vai ser despedido antes dos tres anos e se por calquera causa o despedimento se produce despois para colmo será sen compensación.
- Detalles
A Lei 9/2021, do 23 de febreiro, de simplificación administrativa, puxo as bases para a xestión privada da Administración autonómica galega coa desculpa da xestión dos fondos europeos do Plan de recuperación e resiliencia:
- Acurtamento dos prazos para a emisión de informes até facelos inviábeis.
- Reverter a consecuencia do silencio administrativo na emisión destes informes, pasando a ser positivo.
- Reasignación do persoal que se encargue destes informes para escollelos a dedo.
- Privatización da emisión destes informes.
Para aprobar esta Lei no Parlamento Galego chegoulles coa súa maioría absoluta. Agora “acadar este obxectivo da execución eficiente destes fondos require dunha reorganización interna na Administración en materia de xestión de persoal, flexibilizando os mecanismos tradicionais de asignación de tarefas...” levounos á publicación o 6 de xullo do Acordo sobre as actuacións en materia de persoal para a xestión dos fondos de recuperación e resilencia (FRR) e outros fondos europeos, e para iso contaron coa inestimábel axuda de CCOO e UGT na Mesa Xeral de Empregados Públicos (22 de marzo), e na Comisión de Persoal do día 26 de marzo onde votaron a favor.
Este Acordo supón a aceptación por parte destas dúas organizacións sindicais do obxectivo político do Partido Popular de constrinxir a Administración ao máximo, evitando calquera sinal de independencia funcionarial e escollendo a dedo ao persoal para beneficiar a determinados grupos de presión empresariais. Iso si, todo baixo a cínica expresión de “Acadar este obxectivo leva consigo a necesidade dunha reorganización interna na Administración que garanta a xestión eficaz dos fondos europeos, flexibilizando os mecanismos tradicionais de asignación de tarefas, captando o talento, a proactividade e a capacidade de innovación existente na organización, motivando o persoal empregado público que interveña de forma directa na xestión dos ditos fondos”.
Esta literatura idílica vale de introdución para:
- A creación de grupos de traballo con persoal seleccionado polos directores dos grupos, cargo para o que no caso da administración instrumental “poderá ser designada unha persoa que sexa persoal directivo que non teña a condición de empregado público”
- A creación de “unidades específicas de carácter provisional” con todo o persoal nomeado en comisión de servizos.
- O establecemento dun “complemento de produtividade” que pode chegar ao 20% das retribucións.
- A decisión de que “poderá terse en conta o traballo desenvolvido para os efectos de recoñecemento profesional ou na carreira administrativa do persoal empregado público”
Así, co beneplácito de CCOO e UGT, os xestores políticos do PP na Administración autonómica introducen un sistema de xestión privado na función pública galega. Xa non son necesarios os concursos de traslados, nin as RPTs, nin se vai valorar o esforzo en formarse, a antigüidade ou a permanencia no posto. A promoción profesional e o incremento salarial a partir de agora pódelos conseguir se te escolle un Xefe de grupo para “diminuír os atrasos na emisión dos informes co obxectivo de dinamizar o desenvolvemento das iniciativas empresariais en Galiza.” Todos e todas podemos intuír o que pode significar esta frase.
- Detalles
Recibimos un correo da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas no que se nos informa de que está previsto que o xoves 15 de xullo se publique no DOG a Resolución da DXRRHH pola que se fai pública a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, e o resultado definitivo de baremación, no proceso de actualización das listas de persoas aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais en postos de traballo de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).
As listas actualizadas entrarán en vigor a efectos de chamamentos, o día seguinte ao da súa publicación.
- Detalles
As axudas para mutualistas de Muface publicaronse no BOE do 14 de Xuño. Tes de prazo para a presentación das solicitudes do 15 de xuño ata o 15 de setembro. Estas mini axuda teñen os condicionantes de renda e orzamento igual que o ano pasado e só recollen as prestacións de:
- Copago farmacéutico para xubilados/as ou titular viudo/a ou horfo/a.
- Axudas asistenciais para tratamentos o intervencions especiales e excepcionais cuando no estén cubertos por la prestación de asistencia sanitaria xeral ou por perda ou necesidade desa prestación ou cobertura en situacións concretas e excepcionais.
- Detalles
No DOG do mercores 30 de xuño publicase unha nova asistencia técnica da Xunta á empresa Tragsatec para a realización de traballos de informe e control de patrimonio arqueolóxico.
A adxudicación é por 12 meses (dende o 1 de xullo de 2021) e 701.732,64 €, para a realización de traballos de análise e informe de intervencións en bens de interese cultural e catalogados, un traballo que ata o 2018 facían funcionarios/as públicos.
Así a propia resolución do DOG define a encomenda co obxecto da “execución do servizo técnico cualificado para a análise e informe das intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento”.
Evidenciase con esta nova encomenda que non é unha situación temporal ou excepcional e que vai ser consolidada a externalización do servizo. Esta encomenda aumenta a duración das anteriores é vai por 12 meses.
Por outra parte na nova proposta de reforma da Relación de Postos de Traballo de Cultura, a Xunta non atende á demanda de creación de prazas de persoal arqueólogo co argumento da falla de fondos do capítulo I.
En definitiva, derivan cara a empresas instrumentais traballo de persoal empregado público que largaron á rúa, mentres gastan más de 2 millóns de euros coa externalización destes servizos.
Para máis, esta encomenda de xestión adxudícana directamente a unha empresa que non é apta para realizar estas tarefas, Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., unha filial de TRAGSA que realiza moitas das infraestruturas territoriais que deben ser informadas e controladas por Tragsatec: todo queda na casa.
Na CIG temos denunciado esta externalización de tarefas propias de persoal funcionario público, e logo da súa admisión a trámite do recurso contra Cultura, o proceso xudicial está en marcha pendente da resposta documental da Xunta.
- Detalles
No DOG Bis do pasado venres 25 de Xuño publícanse novas sobre a situación do teletraballo na Administración da Xunta de Galiza. En resumo ven a dicir que:
- Finaliza o réxime especial de teletraballo COVID.
- Entra logo en vigor (dende o día 5 de xullo), o teletraballo ordinario regulado na Orde do 14 de decembro de 2020 que publica o Acordo sobre a prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza (DOG do 07/01/2021).
- O persoal que aínda non teña resolución sobre o teletraballo ordinario continuará en situación especial de teletraballo COVID ata a aprobación do teletraballo ordinario SEMPRE QUE TIVESE solicitado o teletraballo ordinario con anterioridade á data de comezo da eficacia desta orde; e dicir, antes das 00:00 horas do 26 de xullo.
- Non se fará prórroga de teletraballo COVID aos postos de traballo non susceptibles de teletraballo ordinario (artigo 2 do dito Acordo).
Era lóxico que chegara o momento da adecuación do teletraballo a unha situación de normalidade, pero isto non exime a Xunta de Galiza de darlle de verdade un pulo ao teletraballo ordinario, e que non teñamos día si e día tamén denuncias de persoal administrativo que ten problemas ou mesmo denegacións de teletraballo polo capricho dos seus xefes/as.
Como un exemplo entre decenas temos o caso do Consorcio onde o empecinamento e capricho da xefa de persoal fai que as traballadoras administrativas teñan que ir ao xulgado (e gañar) o recoñecemento de teletraballo, por que non gusta o recoñecemento ordinario.
Ou o caso de consellerías reacias a concedelo como Medio Rural ou Emprego e Igualdade que se negan en certos centros de traballo a concedelo a pesares da viabilidade das solicitudes que contan incluso co visto e prace das persoas responsábeis.
Por outro lado levamos meses esperando pola reunión da Comisión prevista no Acordo, e que o señor conselleiro de Facenda e AAPP está deixando pasar de largo para despois do verán. E os problemas, Valeriano, son agora. Ou sexa que busque agora solucións e non en setembro cando xa sexa tarde para o persoal.
Tamén temos que denunciar que segue a acontecer moitas concesións de teletraballo por silencio administrativo, cousa inadmisible nunha Administración do século XXI, non podemos artellar unha nova modalidade de traballo e non xestionala.
Valeriano, espabila que che colle o touro!!!!