- Detalles
Os CULPÁBEIS de asinar un acordo ilegal que tumbou a xustiza ameazan con quitarnos a carreira
O bifachito sindical acaba de anunciar que igual non cobramos a carreira. Si cuestionan que non a imos cobrar é porque eles asinaron un acordo que a xustiza acaba de tumbar como discriminatorio.
As directivas europeas son claras en relación a non discriminar en función de si o vínculo laboral e de carácter fixo ou temporal. E iso o obviaron a conciencia. Aos efectos é como si quixeran excluír da carreira profesional a persoal por ser negro, ateo, muller ou natural de Cambados.
Eles asinaron unha carreira discriminatoria e ELES SON OS CULPÁBEIS de que a xustiza lles diga que ese acordo é nulo.
Pero ten solución doada ao igual que se fixo noutros moitos lugares. Non se ten que deixar de cobrar, sinxelamente con incluír a todo o persoal tal e como di a xustiza a carreira seguiría en vigor. Que se senten e asinen unha carreira inclusiva e universal. E si non o fan é porque non queren.
E teñen ademais os santos c... de pedir agora incluír aos interinos que eles mesmos excluíron nunha “carreiriña menor” que nunca chegaron a aplicar.
Os sindicatos do crime teñen máis cara que espalda.
Que se aparten e non estorben.
- Detalles
Sae no DOG de hoxe, venres 5, a ampliación de prazo para a resolución do concurso de traslados de administración xeral.
Primeiro, dicir que nos resulta vergoñento falar deste tema, pois de todas as falcatruadas e ineptitudes de Función Pública nos últimos anos quizais esta sexa a que leva a medalla de ouro.
Segundo, Función Pública, CCOO e UGT tiveron reunión onte (supoñemos que da comisión do “Acordiño”), onde xa lles filtraron a eles, que son forzas minoritarias entre o persoal funcionario, esta nova que estiveron toda a mañán difundindo polos centros de traballo como se fora un logro.
Terceiro, por primeira vez Función Pública relaciona oficialmente (cousa que levamos dicindo nós dende xaneiro) que a resolución do concurso está condicionada coa finalización dos procesos selectivos.
Cuarto, na CIG levamos insistindo dende hai moito tempo e a solución é doada: retirada deses postos que están a bloquear a resolución do concurso.
Aínda así, e a pesar de obviaren a solución proposta por nós, puideron facer máis: dar orde aos tribunais para que traballasen de mañán e tarde, full time, para axilizar os procesos (no caso do A1 teñen que corrixir 600 exames de 2 temas cada un) e non reunirse unha vez cada semana polas tardes.
Quinto, os xestores de Función Pública son tan cobardes que nin sequera dan unhas datas aproximadas de resolución do concurso. Se lemos con literalidade da Resolución o prazo de ampliación vai ser de 6 meses (non de 3 como comentaron onte a maioría do persoal nos corredores).
Sexto, están a cometer un fraude de lei. A lei de procedemento habilita a ampliar o prazo de resolución excepcionalmente cando se esgoten os medios persoais e materiais, pero eles o fan porque non poden resolver o concurso sen facelo simultaneamente cos procesos selectivos. Nin para artellar unha argucia legal valen.
As nosas contas xa ían por aí pero agora teñen que saír do cubil e dar a cara, poida que esperemos logo ata abril.... E o tipo segue sen dimitir, e Feijoo e Rueda apoiando.
E OS DEMAIS CONCURSOS?
Concurso de escalas e especiais: menos información aínda. Nen sequera respostan nada cada vez que lles preguntamos.
Concurso de persoal laboral: directamente rexeitan unha futura convocatoria de concurso, forzando así a que o persoal laboral fixo acepte funcionarizarse e tivemos que ir ao xulgado..
Concurso específico: outra cuestión que non respostan. Xa fai anos que inventaron este híbrido entre libre designación-comisión de servizo-concurso ordinario, e non teñen interese en regulalo nin executalo, pois así colocan“a dedo” nos postos a quen lles interesa.
Concurso de veterinarios: “estamos traballando nelo”, di o DXFP, ao que engade que Sanidade ten avanzada a súa RPT. Comprometeuse a que habería “algunha negociación” en “vindeiras semanas”. É dicir. que a cousa vai para longo.

- Detalles
A fin de semana do 27 e 28 de novembro vai ter lugar o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo do SPIF sen coñecer aspectos esenciais das súas consecuencias. O día 29 de outubro publicáronse no DOG (SPIF-C2 e SPIF-B) as datas de exame do proceso de adquisición da condición de persoal funcionario de carreira de distintas categorías e postos de persoal laboral fixo do SPIF.
Dende a CIG levamos tempo reclamando que os procesos de funcionarización carecen da información previa axeitada anterior á súa realización, polo que o persoal laboral fixo descoñece os aspectos básicos para decidir se quere participar ou non con tódalas garantías. Tal é o caso do persoal do SPIF.
Non sabemos cales van ser os efectos do novo marco xurídico específico deste persoal. A proposta da CIG nas mesas de negociación nas que se tratou o que despois se chamou o “Acordo de Concertación” sempre foi que todos os dereitos do V Convenio foran recollidos na Lei de Emprego Público para evitar esta situación de incerteza.
Tendo en conta que o proceso de funcionarización vaise realizar dentro de pouco, dende a CIG vimos de solicitar que se convoque unha xuntanza urxente para tratar tódalas cuestións pendentes das condicións laborais do persoal antes dos procesos de funcionarización do SPIF.
- Detalles
O director xeral de Xustiza anuncia convenios de colaboración cos colexios profesionais para facer os informes periciais dos xulgados en vez de reforzar os equipos propios do IMELGA.
A acumulación e os retrasos soluciónanse dotando de máis equipos psicosociais ao IMELGA non privatizando o servizo a través de colaboracións cos colexios profesionais de psicólogos e traballadoras sociais.
As contradicións do director xeral de Xustiza da Xunta de Galiza son unha constante e, unha vez máis, o fai público na súa participación no Congreso Internacional de psicoloxía xurídica e forense da Universidade de Vigo.
Neste Congreso, o director e despois de gabar a actuación do persoal laboral da xunta que conforma os equipos psicosociais do Instituto de Medicina Legal de Galiza, veu manifestar o seu compromiso coa dotación dos medios precisos para contribuír a unha xustiza de calidade coa celebración de convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicólogos e de traballadoras sociais; colaboración que se sustancia coa posta a disposición de equipos destes colexios para que a dirección xeral a través do IMELGA lles encomende o desenvolvemento de informes necesarios, parece que en asuntos de familia pero non parecen fechados a externalizar tamén asuntos penais, para que o xuíz ou xuíza poida facer unha correcta valoración das circunstancias a enxuizar e fundamentar a sentenza.
Esta colaboración pretendida polo director xeral xa se produciu no pasado e non resolveu o atasco xudicial; todo o contrario, resultou cara e ineficaz e debilitou a seguridade dos xuíces e fiscais á hora de valorar a proba pericial debido ás diferentes metodoloxías e protocolos de valoración aplicados polos diferentes equipos contratados, fronte a homoxeneidade conseguida entre as e os membros dos equipos psicosociais públicos, ate o punto de ter sido requiridos estes equipos públicos para reformular, complementar ou reavaliar casos xa resoltos polos equipos contratados nas externalizacións. A desfeita desta colaboración, desembocou nunha ampliación coa creación de 7 novos equipos psicosociais con persoal laboral da Xunta de Galiza, claramente insuficiente tendo en conta o importante aumento das peticións de informes periciais provintes dos xulgados.
Así, dende a CIG rexeitamos frontalmente esta externalización de servizos a través da colaboración cos colexios profesionais, pretendida polo director xeral de Xustiza, e avogamos polo incremento dos equipos técnicos do IMELGA para unha resposta efectiva e garantista dos distintos procedementos xudiciais.
- Detalles
As organizacións sindicais estamos convocadas a unha xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para tratar as seguintes tres modificacións de RPT:
- IET - Instituto de Estudos do Territorio. Descargar
- APLU - Axencia Galega da Protección da Legalidade Urbanística. Descargar
- Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda. Descargar
A xuntanza vai ser o venres 5 de novembro. Se queres achegarnos algo, contacta coa CIG
- Detalles
A Xunta anuncia en prensa un novo decreto de dependencia e o aumento dos equipos de valoración
Na ultima semana de outubro tivemos coñecemento de que se ían contratar uns equipos de reforzo para a valoración de dependencia, sen ningún tipo de negociación nin información á representación do persoal. Pedímoslle explicacións a Politica Social e o único que confirman é a contratación dun equipo por provincia, sen aclarar especificamente que tipo de persoal van a contratar nin a duración real dos contratos (parece que queren contratar e prorrogar ano a ano)
Esta información choca coa que hoxe, 2 de novembro, sae nos medios de comunicación, onde anuncian que van pasar de 44 a 66 equipas. Supoñemos que non falan de equipas senón de persoas, pero como sempre pasa coa Xunta, o primeiro é venderse mediaticamente.
Quen, como, onde, cando e en que condicións e para que. Iso é o mínimo que se debe tratar coa representación do persoal. Porén nin o Comité Intercentros nin os comités provinciais da Consellería de Política Social teñen coñecemento algún de tal contratación.
Para a CIG por suposto que é necesaria a contratación de máis persoal para a valoración de dependencia, pero esta contratación debe ser en postos estructurais, con prazas creadas na RPT, e non a través de subvencións de fondos europeos e por tempo limitado o que é sinónimo de emprego e servizos precarios.
Lembramos que o PP e a Xunta de Galiza son os únicos culpables do colapso que existe neste momento na valoración da dependencia. Son os responsábeis de atopar solucións a través da creación das suficientes prazas de persoal especializado coas que ofrecer un servizo axeitado como a cidadanía se merece.
Dende a CIG esiximos a Consellería de Política Social e a Dirección Xeral de Función Pública que non se salte a representación lexítima do persoal. En referencia ao decreto e ás novas equipas estamos abertas a traballar nunha mesa de negociación para a análise das necesidades de recursos humáns e a planificación e creación de todos os postos de traballo necesarios para dar un servizo público e de calidade.
- Detalles
A Xunta convoca a reunión da Comisión Negociadora do I Plan de igualdade para o vindeiro xoves 17 de novembro
Non era sen tempo que a Xunta retomase a negociación do seu I Plan de igualdade para o persoal da Administración Xeral. Tras case un ano de parálise absoluta por parte da Administración que nin convocou nin fixo propostas.
A intensa e incansable presión exercida pola CIG tras tantos escritos, solicitudes de reunión, de vincular o compromiso da súa elaboración á sinatura do Acordo de teletraballo, de tantas denuncias públicas nos medios de comunicación e no noso web, provocaron que a Xunta veña de convocar hoxe 2 de novembro de 2021 a segunda reunión da Comisión Negociadora do I Plan de Igualdade para o vindeiro 17 de novembro, xusto dous días despois de comezarmos a difusión polos centros de traballo do noso boletín especial, onde explicamos a necesidade do Plan de igualdade para todo o persoal e denunciamos as enormes eivas da Xunta de Galiza na conciliación, nas ferramentas de protección fronte ó acoso ou na falla de mulleres nos órganos de dirección.
Na CIG seguimos alerta para que esta sexa a definitiva, e non un mero requisito legal, porque queda pouco para rematar o prazo dun ano para ter listo o Plan de igualdade.
As compañeiras delegadas traballamos coa máxima implicación para que esta ferramenta de vital importancia aumente as garantías de dereitos de todo o persoal empregado, con independencia do seu sexo, tipo de traballo, xornada ou lugar onde preste o seu servizo. E instamos á Xunta a que manifeste agora, oficial e publicamente o seu compromiso en levar adiante este plan.
- Detalles
Como xa aventuramos tras a celebración do segundo exame deste proceso selectivo, os temores das 33 persoas aspirantes cumpríronse. É a primeira vez na historia das oposicións da Xunta de Galiza que ningunha das persoas aspirantes supera o exame dun proceso selectivo.
Se o feito xa é gravísimo en si mesmo, a situación agrávase porque estamos a falar dun proceso selectivo que se supón que é de consolidación de emprego, polo que o escándalo é apoteósico. Os responsables de Función Pública poden sentirse fachendosos por situar á Galiza como a primeira comunidade autónoma na que un proceso de consolidación de emprego non cumpre a súa finalidade.
A mensaxe que se transmite con esta situación resulta inquietante para o resto do persoal pendente doutros procesos de consolidación de emprego. Este escándalo deixa en evidencia a máis que urxente necesidade de fixar uns criterios homoxéneos e comúns nos procesos selectivos en xeral, e nos de estabilización e consolidación de emprego en particular, que eviten situacións bochornosas como esta e que deixan en moi mal lugar á Función Pública galega.
Consumada a desfeita, a pregunta que se fai o persoal afectado é que vai acontecer agora cos 22 postos de consolidación. Agardan unha resposta.
- Detalles
I Plan de igualdade para o persoal da Xunta de Galiza, XA!
O plan de igualdade é un conxunto de medidas destinadas a acadar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a eliminar toda discriminación por razón de xénero dentro da empresa. A través das súas distintas fases de elaboración e implantación, busca garantir a igualdade efectiva de mulleres e homes no traballo, nos salarios, na conciliación familiar-laboral, na promoción laboral, no acceso ao traballo, na formación, na carreira profesional ou no teletraballo, eliminando as desvantaxes, dificultades e atrancos que poidan existir para as mulleres no seu día a día laboral.
O plan de igualdade é un instrumento obrigatorio para as empresas de máis de 50 persoas traballadoras e para todas as administracións públicas.
A Xunta non cumpre coa lei e segue sen dotarnos do I Plan de igualdade de oportunidades, que é obrigatorio dende o ano 2007. Despois de distintas tentativas de inicio dos trámites e tamén denuncias na Inspección de traballo, o 6 de marzo de 2009, a CIG tomou a iniciativa solicitando que se iniciaran os trámites; no ano 2017 houbo algún intento máis. No 2019 as persoas responsables da Xunta de Galiza presentaron publicamente unha diagnose non negociada. A diagnose foi amplamente rexeitada, por estar elaborada á marxe da devandita Comisión Negociadora, por estar incompleta, por conter erros e referencias normativas obsoletas, por non abranguer a todo o persoal e por non ofrecer os mínimos datos requiridos pola lexislación vixente.
- Detalles
A interinización forzosa non é novidade: vén do 2017
Aínda que algún sindicato se sorprenda agora e descubra o que a Xunta pretende facer co persoal laboral temporal, a interinización forzosa vén dunha modificación da Lei de Emprego Público introducida hai 4 anos pola Lei 2/2017, de medidas fiscais e administrativas.
A CIG xa denunciou daquela os plans da administración
Chamamos á atención sobre este asunto e posicionámonos en contra desta chantaxe xa en xaneiro do 2017, Lei de medidas fiscais e administrativas 2017
“...o persoal laboral temporal vai ter que optar entre aceptar o cambio a persoal funcionario interino ou o despedimento, sen opción a continuar como persoal laboral temporal. “
Lembrámolo de novo en xaneiro de 2019 no Boletín sobre o Acordo de Concertación Social.
“...rescisión de contrato para quen non acepte pasar a persoal funcionario interino.”
As restricións de permanencia do Icetazo pactadas por CCOO, UGT e CSIF
O que vai facer saltar polos aires todo isto é o RD-l 14/2021, o “Icetazo”, que vén derivado dun acordo do Ministerio con CCOO, UGT e CSIF onde se establece que os contratos ou nomeamentos por interinidade non poden exceder dos tres anos.
Consecuencias de conxugar a funcionarización co Icetazo
Ao mudar o vínculo xurídico e funcionarizarse (pasar de ser persoal temporal a persoal interino), aplican de cheo a limitación aos nomeamentos dos antigos temporais, agora funcionarios interinos, polo que ninguén poderá estar máis de 3 anos na praza.
E se non me quero funcionarizar?
Coa normativa na man, “...nos casos en que o persoal interesado non acepte o nomeamento interino..., a Administración procederá a efectuar os trámites legais tendentes á extinción da relación laboral”
Cobraría indemnización?
Sabemos que aínda que estea recollido na LEPG, a Xunta non vai pagar de oficio, o que implicará ter que acudir ao xulgado para que indemnicen.
Que pasará con persoal indefinido?
Pois que evidentemente se se lles propón a novación do vínculo xurídico perderían a indefinición e pasarían a ser funcionarios interinos en praza vacante por un período non superior a 3 anos (salvo as excepcións que recolle a lei).
Agora ben, isto implicaría que a Xunta se metería nun grave problema se o persoal indefinido non acepta interinizarse e eles extinguen o contrato, polo que en principio non sabemos como queren abordar este asunto pero xa anunciamos a nosa oposición.
Cando se vai aplicar a interinización forzosa?
Parece que a intención da Xunta é iniciala despois da funcionarización do persoal laboral fixo.
A única solución que garante dereitos sería a voluntariedade
Dende a CIG cremos que a única solución a esta perda de dereitos é que a voluntariedade sexa real e que a Xunta admita que quen non queira pasar a ser persoal interino poida permanecer como persoal laboral temporal ou indefinido, e así non ter que novar a relación xurídica co límite dos tres anos.
Mantemos que a normativa actual deixa marxe para que, previa á funcionarización se saiba que persoas non queren facelo e por tanto non se inicie un proceso, que de rexeitarse implicaría a extinción do contrato. A voluntariedade sería a mesma solución que se lle aplicou ao persoal laboral fixo coa funcionarización.