Novas por contido

 

 

 

 

 

 

Decepción ante a falta de vontade política do goberno. Os grupos no Congreso manifestan o seu apoio, pero o goberno veta a emenda que permitiría resolver a situación.

A Secretaria nacional de CIG-Autonómica, acompañada duns compañeiros do Servizo de Gardacostas de Galiza, reuníronse na mañá do martes 13 de decembro con representantes dos grupos parlamentarios no Congreso das e dos Deputados para reclamar o seu apoio e que se modifique a Lei 47/2015, reguladora da protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro. A central sindical promoveu para iso unha emenda, que foi presentada polo BNG, para que se acolla ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas no TREMAR.

As xuntanzas, que se desenvolveron ao longo da xornada, coincidiron coa celebración da ponencia da Lei de Pesca Sustentábel. Todos os grupos recoñeceron a discriminación por razón de réxime xurídico que sofre o persoal do servizo de gardacostas, por seren funcionarios, e consideraron que tiñan que estar integrados no TREMAR.

Porén, a decepción chegou polo veto do goberno á emenda que supón que non se poida debater e moito menos votar. É dicir que a práctica do goberno de vetar esta emenda se contradí co que manifestan tanto o PSOE como Unidas Podemos. Con todo, non nos imos render e insistiremos na reforma lexislativa para que se inclúa o persoal gardacostas, con urxencia, no réxime especial do Mar.

Diante do veto do goberno, por cuestións orzamentarias, Unidas Podemos propuxo como alternativa presentar unha proposición non de lei (PNL) para buscar unha saída. Pola súa banda os representantes do PSOE indicaron que “non teñen claro se a lei de pesca é a saída a isto e din que temos que tratar con Traballo e Seguridade Social”.

ERC e EH Bildu manifestaron tamén o seu pleno apoio á emenda. ERC propuxo buscar conxuntamente co BNG unha fórmula para recuperar a emenda e xa adiantou que mantería o seu apoio á loita onde siga, se isto non vai adiante.

No mesmo sentido, Bildu explicou que “estudan a posibilidade de discutir o veto do goberno porque non lle concordan os números e insistiron en que hai varias vías para que o goberno, cun informe favorable, poida recuperar a emenda”.

Na xuntanza co grupo popular, que se desenvolveu no decurso da tarde, os seus representantes declararon sentirse sorprendidos polo veto a emenda, porque eles ían votar a favor mais indicaron que intentarían que desde Galiza se lle dea impulso á iniciativa ou se busque unha solución pactada Goberno-Xunta.

Diante disto, a conclusión das xuntanzas é que o problema témolo nós e a nosa saúde, mais a solución téñena eles e quen podían realmente resolver a situación só demostraron falla de vontade política.

Inclusión no TREMAR

Ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores e traballadoras do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da seguridade social.

Está situación esperpéntica supón que o noso persoal non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar. Isto é mais grave se temos en conta que, porén, os compañeiros da privada que comparten o ámbito laboral coas tarefas e os medios da Xunta (embarcacións, etc..) están no TREMAR con normalidade.

A CIG-Autonómica leva meses reclamando á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que aporten unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por seren persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a CIG denuncia que, malia ser coñecedores, polo de agora nin a Xunta da Galiza, nin os ministerios implicados aportaron solución real ao problema.

 

Outras novas recentes

Mércores, 17 Xuño 2026

Xefaturas de sección (corpos xerais), sentenzas de destino definitivo, persoal veterinario e escolas infantís (MSPF 17/06/2026)

Nesta Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSPF), dende a CIG puxemos enriba da mesa as seguintes cuestións:A1-xefaturas de sección que non saíron no concurso de traslados; chamadas de Emprego Público indicando a persoas con tomas de posesión feitas que teñen que elixir outro destino (sentenzas de destino definitivo); aclaración sobre o persoal veterinario que superou...
Xoves, 18 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix)

No DOG do 18/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2026 pola que se convocan as probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) nos seus niveis de iniciación e intermedio para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, da...
Luns, 22 Xuño 2026

RPT de Aturga, concursos de traslados, vacacións e asuntos propios, devolución de taxas (MSPF 19/06/2026)

Na Mesa Sectorial de Persoal Funcionario (MSFP) do venres 19 de xuño tratamos a modificación da RPT de Aturga, e preguntámoslle á DXEP sobre varias cuestións a respecto dos procesos en marcha: as tomas de posesión das escalas sociais, as devolucións dos pagamentos de taxas de procesos selectivos do SPIF anulados, o concurso F0425, a IT no momento da elección de destino e as...