Novas por contido

A nova regulación, publicada no DOG do 7 de xaneiro, entrou en vigor o 4 de febreiro. O documento final contou co voto favorable da CIG, e foi rexeitado por CCOO, CSIF e UGT.

Coa regulación do 2013, o teletraballo ordinario (non COVID) resultou ser un privilexio aplicable a unhas poucas escalas e postos concretos. A nova regulación resulta máis favorable. Inclusive todas as limitación que establece poden ser superadas se están suficientemente motivadas. Que se poida estender esta modalidade de traballo depende do esforzo que faga a Xunta pola dixitalización dos trámites e documentos.

A solicitude iniciase no Portax, dende a opción: “flexibilidade e teletraballo”. Pero a continuación, os trámites non son nada intuitivos, polo que xa nos diriximos a Función Pública para solicitar unha serie de correccións:

Percorrido estraño no Portax. A solicitude leva a pantallas mesturadas coas solicitudes de permisos e licenzas. Por claridade, deberían ser pantallas totalmente diferenciadas.

Lexislación amosada no Portax. A lexislación asociada está ben ao principio, pero posteriormente está a do 2013.

Plan individual e informe motivado no comezo da solicitude. É necesario poder meter estes documentos dende o inicio da solicitude, a fin de poder xustificar os casos que requiren motivación suficiente, como son: horarios diferentes de 9 a 14:30, presenza do cadro de persoal inferior ao 40%, peticións de xornadas superiores ao 50%, ou por tratarse de postos non susceptibles de seren desempeñados en réxime de teletraballo. A non presentación da motivación suficiente dende o comezo da solicitude pode dar lugar a denegacións que deberían ser concedidas.

Solicitude para persoas sen acceso a Portax. Debe habilitarse algún procedemento que permita a tramitación da solicitude de teletraballo ás persoas que non teñen Portax ou certificado dixital.

Evitar denegacións sistemáticas. Prevemos un arranque con moitas solicitudes (pola xente á que se lle denegou pola regulación anterior e agora volvan a solicitar). Convén ditar algún tipo de instrución que favoreza que non se denegue por sistema, e evitar que se atasque na falta de informes, na indisposición de certificado dixital ou na falta de medios técnicos.

Quen fai o plan individual de traballo? Non está claro quen fai o plan individual de traballo (si quen o autoriza), se a persoa supervisora ou a traballadora.

Formación. Demandamos formación pola EGAP en materia de: protección de datos, competencias dixitais e prevención de riscos laborais específica dos riscos asociados a esta modalidade laboral. E consideramos moi necesario formar ás persoas supervisoras en materias relacionadas co traballo por obxectivos, e todos os aspectos que favorezan a concesión desta nova modalidade de traballo.

Teletraballo COVID. A nova regulación do teletraballo xa contempla un réxime especial de autorización, polo que procede adaptalas. Deben indicalo na resolución, e aplicarse con criterios uniformes, que eviten situacións de bloqueo que puidemos ver en consellarías como Mar, Medio Rural ou Sanidade. Na CIG seguiremos a reclamar o teletraballo como a medida preventiva colectiva e organizativa mais efectiva tanto dentro dos centros de traballo como a nivel social (evítanse transportes e desprazamentos).

Se xa tes unha solicitude favorable de tetraballo ordinaria aprobada pola normativa do 2013, vas seguir con ela sempre que se cumpran solidariamente os requisitos da unidade.

Se a túa solicitude anterior foi denegada, agora podes volver a solicitala, xa que o novo marco regulador é máis favorable.

En Galiza somos dos primeiros en desenvolver a lexislación estatal contida no Real Decreto-Lei 28/2020 de traballo a distancia. Outras comunidades, como Madrid, tamén o teñen aprobado (https://i.gal/6JH6g). E curiosamente neste caso si contaron co voto favorable de CCOO, UGT e CSIF, sindicatos que en Galiza votaron en contra. Así que vai unha comparativa dos acordos coas cuestións máis esenciais:

  TELETRABALLO EN GALIZA
(apoiado por CIG)

TELETRABALLO EN MADRID
(apoiado por CCOO, UGT e CSIF)

Quen pode teletraballar?

Todos os postos, agás: rexistros, atención 24 h, persoal subalterno, centros de ensino, postos sen datos dixitalizados, aqueles que presten servizos fora dos edificios administrativos e aqueles que teñan unha prestación presencial necesaria.
Cláusula de ampliación: poderase autorizar a postos non susceptibles de teletraballar.

Todos os postos, agás: aqueles con datos non informatizados, aqueles con contacto directo co público (rexistros, información, centros de ensino); aqueles que polo seu volume ou circunstancias especiais non poidan desenvolverse fora das instalacións administrativas e aqueles que teñan unha prestación presencial necesaria. 
Máximo de xornadas

Un máximo do 50% das xornadas mensuais.
Claúsula de ampliación: poderase aprobar un aumento de xornadas a proposta do do titular do centro directivo.

Máximo de tres xornadas semanais. 
Cantidade de efectivos presenciais

Defínese unha porcentaxe de presencialiade mínima dun 40% da unidade. Esta porcentaxe non se terá en conta en centros pequenos.
Claúsula de ampliación: poderase reducir esta porcentaxe por parte do titular do centro directivo, sempre e cando se garanta o servizo público.

Non definida; ligada a prestación do servizo. 
Garantía da desconexión dixital

Fíxase un horario de referencia xeral de teletraballo de 9,00 a 14,30 en aras de poder asegurar a diferenciación entre xornada laboral e vida privada. Poderá ser diferente o horario de referencia a peticion segundo plan de traballo. Respéctanse compatibilidades e xornadas especiais.

Non se fixa xornada, derivase ao plan de traballo.  
Prelación na concesión de teletraballo

Defínese unha prelación entre: persoal que sufra violencia de xénero, embarazadas, persoal con discapacidade, tempo e distancia de desprazamento ao centro de traballo, maiores de 60 anos...

Non se fixa. 
Comisión de seguimento

Reunións trimestrais para estudar a ampliación do acordo, implementar melloras, e avaliar as cláusulas de ampliación.

Reunións non definidas.
Mantemento do teletraballo xa concedido

Mantéñense todas ás concesións previas ata a súa finalización. Si o reparto de xornadas semanais anterior é superior ao 50% mensual, pode proporse manter sistema previo.

Non se especifica.
Experiencia mínima no posto

Un ano.
Cláusula de salvagarda: se tes experiencia nas mesmas funcións, non se pedirá un tempo concreto.

Só nomea experiencia nas funcións do posto. 
Réxime especial

En determinadas circunstancias sanitarias, de emerxencia ou organizativas poderase decretar o teletraballo obrigatorio.

 O mesmo que en Galiza.
Vixencia e revisión do acordo

Tres anos, con prórrogas anuais. Denunciable polas partes no derradeiro trimestre de vixencia. Continúa en vigor durante a negociación dun novo acordo.

Non previsto. 

Os acordos de teletraballo xa aprobados, e os que están por vir (Valencia, Asturias, Cataluña), SON TODOS MOI SIMILARES. Na CIG non temos ataduras segundo en que comunidade esteamos. Negociamos e defendemos o que coidamos e mellor para os traballadores e traballadoras.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de convocar, de forma gratuíta, cursos preparatorios de galego para as probas de obtención do certificado de galego (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4.

Haberá cursos no modo presencial para Celga 3 e 4 e no modo en liña para os niveis 1, 2, 3 e 4.

Período de inscrición: do 4 ao 24 de febreiro de 2021

Destinatarios: Os cursos preparatorios para os certificados de galego (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de 16 anos ou por quen os realice no ano natural da convocatoria

As solicitudes deben presentarse mediante un formulario estándar dispoñible a partir do 4 de febreiro de 2021 na sede electrónica da Xunta de Galiza. As solicitudes para cursos en liña deben enviarse electronicamente.

Código de procedemiento administrativo: PL600A

Máis información aquí.

Abre o prazo para solicitar o recoñecemento médico para o persoal da Administración Xeral de Xunta de Galiza.

No DOG do 03/02/2021, publícase a convocatoria para anotarse, de xeito voluntario, aos recoñecementos médicos periódicos. A inscrición realizarase a través de PORTAX para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza, ou ben do OPAX para o persoal da Administración de Xustiza, agás o persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

O prazo de inscrición será de 3 meses contados desde o día seguinte á publicación no DOG.

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo/a facultativo/a competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase preferiblemente de forma telemática a cada traballador/a.

Dende a CIG seguimos insistindo en que teñen que actualizar os protocolos médicos para que estes recoñecementos sexan o máis exhaustivos posible e completamente adaptados ás tarefas realizadas.

Unha vez desconvocada a folga do persoal técnico, as persoas responsábeis políticas da consellería negocian cunha asociación o que deben tratar coas organizacións sindicais.

Logo de ter faltado ao seu compromiso de ter negociado as condicións laborais do seu persoal técnico antes do 31 de decembro para que fora desconvocada a folga, agora pretenden ignorar á representación legal do persoal inciando conversas cunha asociación profesional que non ten capacidade negociadora.

A actitude da consellaría do Medio Rural é absolutamente contraria ás regras de funcionamento do sistema democrático. Trasmítelle á asociación profesional a proposta de iniciar negociacións sabendo que a única representación legal son as persoas que forman parte das Xuntas de Persoal, elixidas polos compañeiros e compañeiras nas eleccións sindicais, xunto coas organizacións ás que estes/as representantes pertencen e o Comité de Folga. 

A consellería sábeo, así que non van de cara: “negociamos coa asociación profesional, pero cando teñamos todo acordado pasámolo polas mesas formais de negociación para branquear o acordo e darlle legalidade”. Que gañan con esto? Se cadra, conseguen presionar aos traballadores e traballadoras e de paso paralizan a acción e a loita sindical neste conflito. Non é a primeira vez que esto pasa, é de manual, e na CIG non imos picar.  Non aceptamos este xogo e non imos aceptar malos acordos que deixen unha folga digna en papel mollado.  

Señor conselleiro do Medio Rural, deixe de facer trampas na negociación colectiva e actúe con talante democrático: cumpra os compromisos aos que chega, respeite ao seu persoal técnico e convoque ás organizacións sindicais representativas do persoal da súa consellaría para negociar as súas condicións laborais.

Ven de comunicarnos Función Pública, que unha vez aprobados os Orzamentos da Comunidade, o terceiro tramo do complemento de carreira dos subgrupos A1 e A2 se cobrará na nómina de febreiro.

Con isto se completa ao 100% o importe do grao I da carreira profesional destes dous subgrupos que estaba dividida en tres, frente aos 2 tramos existentes no caso de C1, C2 e AP.

De todos os xeitos seguimos sen saber o que aquí preguntamos sobre a posta en marcha do grao II para os subgrupos C1, C2 e AP e demandamos que tamén se inicie este ano o acceso ao grao II para os subgrupos A1 e A2.

Que hai de certo en toda a información que están a recibir as compañeiras e compañeiros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sobre a fixeza, a indefinición a oferta de emprego, os procesos selectivos, etc?

Se é do teu interese, a CIG-Autonómica convídate a asistir á asemblea que imos ter este xoves día 4 de febreiro, ás 19:30 horas, en directo a través de YouTube. Poderás intervir a través dun chat. 

Ollo: YouTube require que te identifiques cunha conta de gmail para poderes empregar o chat.

Lembra que YouTube permite modificar a calidade dos videos. Nós imos emitir a 720 píxeles. Revisa a túa calidade premendo na roda dentada que verás no curruncho inferior dereito da pantalla.

Ir á emisión en directo da Asemblea: https://i.gal/consorcio040221

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos un borrador da convocatoria do proceso selectivo para a escala de letrados/as da Administración Autonómica de Galiza. Son 8 prazas (1 para persoas con discapacidade, e 2 para promoción interna), correspondentes á Oferta de Emprego Público do ano 2019.

Temos de prazo para presentar alegacións ata o martes 9 de febreiro. Asi que se tes algo que dicirnos, podes contactar coa CIG.

A CIG solicitou a convocatoria da comisión de seguimento do Acordo de Integración no V Convenio do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Na Resolución de 8 de xuño de 2017 (DOG 30/06/2017) publícase o Acordo de integración do Consorcio Galego de Servizos de igualdade e Benestar no V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta, e constitúese unha comisión de seguimento para velar polo cumprimento do dito Acordo e dirimir todas aquelas cuestións susceptibles de interpretación e/ou negociación.

O día 29 de decembro de 2020 publícase no DOG a Oferta de Emprego Público do ano 2020, no que se  recollen prazas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Algunhas delas están ocupadas permanentemente por persoal temporal dende o ano 2007, que teñen o carácter de indefinido non fixo, e que superaron un concurso-oposición para acceder a postos temporais. O resto das prazas que se contemplan nesta OEP son as creadas e ocupadas entre os anos 2007 e 2017, ambos os dous incluídos.

A CIG insiste en que se negocie a relación de postos de traballo coa identificación correcta das prazas e solucionar as eivas que están a impedir, entre outras cuestións, a baremación das listas de agarda e identificar con claridade cal é a situación contractual de cada posto ocupado na actualidade.

Para tratar estas e outras cuestións que afectan practicamente a todo o cadro de persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e, xa que logo, pode causar grande impacto en todo o servizo e nas traballadoras e traballadores solicitamos, con carácter urxente, a convocatoria da dita comisión de seguimento do Acordo.

Dende a CIG informaremos puntualmente de todas aquelas cuestións que se traten e que afecten ao cadro de persoal.

A disposición adicional terceira da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas publicada no DOG do 29 de xaneiro, vén de modificar, con carácter temporal, o Decreto 37/2006 de listas de contratación nos seguintes termos:

  • O período de penalización nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia terá unha duración de seis meses (antes era dun ano).

  • A solicitude de reincorporación formulada polas persoas integrantes das listas que solicitasen previamente a suspensión das citacións, por non estaren prestando servizos a través delas, producirá efectos ao día seguinte ao da súa presentación (antes era aos 10 días).

  • Estas modificacións estarán vixentes en tanto se manteña a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Por outra banda, da Comisión de Listas de Contratación comunicáronnos que a finais do vindeiro mes de febreiro publicarase a actualización de méritos e a resolución de apertura de listas, así como que poderanse presentar solicitudes electrónicas a partir do 1 de marzo.

A Lei 4/2021, de medidas fiscais e administrativas (disposición adicional segunda) dispón que a situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia da covid-19 constitúe unha causa de forza maior que xustifica, naqueles procesos selectivos convocados ou pendentes de convocatoria ou de provisión que, pola dita causa, non poidan desenvolverse regularmente, a adopción das seguintes medidas:

• A ampliación dos distintos prazos de realización dos exercicios dos procesos selectivos ata que a situación derivada da pandemia permita un adecuado desenvolvemento deles.

• A realización dos exercicios dos procesos selectivos en distintas quendas, con distintos exercicios sobre o mesmo temario, así como a realización dos exercicios en distintas sedes, distribuíndose as persoas aspirantes da forma que determine o órgano convocante dos procesos, sempre que, en todo caso, quede garantido o respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso ao emprego público.

• A fixación de datas alternativas para a realización de exercicios de procesos selectivos a persoas aspirantes que non poidan participar neles na data inicialmente sinalada por estaren cumprindo unha medida de illamento ou en corentena que teñan prescrita por ser persoa infectada por covid-19 ou contacto estreito, debendo fixarse a data alternativa con garantías de non alteración do desenvolvemento normal do correspondente proceso selectivo.

• A ampliación dos distintos prazos para a resolución dos procesos de provisión.

• A posibilidade de alterar a orde de realización das probas dos procesos selectivos.

• A adopción de calquera outra medida, debidamente xustificada, por proposta da autoridade sanitaria autonómica competente.