- Detalles
A nosa central sindical celebrou asembleas de persoas delegadas nas comarcas para analizar a situación socioeconómica e abordar as problemáticas laborais.
A CIG fixo este 11 de febreiro un chamamento a acumular forzas mediante a loita nas empresas e administracións e na rúa contra a precariedade e a desigualdade camiño do 8 e 10 de Marzo, datas nas que a central sindical aposta por unha importante mobilización da clase traballadora galega en demanda de traballo digno nunha Galiza con dereitos.
Precisamente con este obxectivo a CIG celebrou asembleas de persoas delegadas en todas as comarcas do país, na que tamén se analizou o actual contexto socioeconómico e se abordaron as principais problemáticas laborais.

Nas asembleas a CIG sinalou a importancia dunhas convocatorias que para o noso sindicato teñen unha especial significación polo que representan historicamente para o sindicalismo nacionalista galego, e que chegan nun momento de extensión da precariedade laboral e dos baixos salarios, especialmente entre as mulleres e a xente nova. Un intre no que asistimos, ademais, ao medre do fascismo da ultradereita, que se alimenta da aplicación de políticas neoliberais a través das últimas reformas laborais e dun diálogo social que o único que fai é lexitimar medidas que provocan o empobrecemento xeneralizado da poboación.
E todo isto nun contexto internacional no que o proceso de globalización neoliberal non ten límite na súa agresividade, impoñendo a guerra e o militarismo como arma para seguir acumulando riqueza, sen importarlle o mantemento dun sistema mundial inxusto baseado na desigualdade e no bloqueo a países como Cuba, na intervención directa noutros, como Venezuela, e nas ameazas, como no caso de Groenlandia ou Irán.
Fronte a todo isto, instamos a trasladar as alternativas aos centros de traballo e a animar á participación do maior número de persoas nas convocatorias do 8 e 10 de Marzo, porque só con loita e mobilización seremos quen de conquistar dereitos.

Medidas urxentes
As principais medidas urxentes que a CIG insiste en reclamar concrétanse en seis grandes actuacións: posta en marcha do Plan Galego de Creación de Traballo Digno e Industrialización, que faga posíbel unha transición enerxética galega xusta; a recuperación, ampliación e fortalecemento dos Servizos Públicos, que prioricen o benestar colectivo fronte aos intereses do capital; a aprobación dun Plan Galego pola Igualdade; un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas; vivenda digna e prohibición dos desafiuzamentos; e apertura dun proceso que supere o actual Estatuto de Autonomía en vigor, para que se recoñezan os dereitos nacionais da Galiza.

- Detalles

A Consellaría de Educación segue incumprindo as súas propias normas coas rateos do persoal non docente dos centros de ensino públicos do país.
Desde a CIG levamos tempo denunciando unha situación que xa non é puntual. Trátase dun modus operandi consolidado da Consellería de Educación.
Cando a rateo baixa e o número de alumnado queda por debaixo do limiar establecido, a Administración actúa de inmediato e amortiza as prazas dese centro ou directamente non cobren as baixas por incapacidade temporal.
Pola contra, cando a rateo supera amplamente o límite máximo, non hai resposta. Non se reforzan os servizos nin se aplican as súas propias normas de rateos.
A Administración non asume que as adaptacións dos postos de traballo son lícitas e necesarias pero compre aumentar os cadros de persoal para asumilas sen sobrecargar ó resto do persoal. Esta sobrecarga no resto das compañeiras xera, ademais, tensións innecesarias. O mesmo ocorre coas concesións de horarios adaptados ás necesidades de conciliación familiar. A Xunta non quere atender as necesidades do seu propio persoal.
Esta actuación mantense malia o malestar do persoal, as peticións das direccións dos centros e as denuncias das nais e pais, así como da representación sindical. A única xustificación é sempre a mesma: non se pode actuar ata a seguinte actualización da RPT.
Este desleixo da Xunta ten consecuencias graves, xera estrés e prexudica seriamente a saúde do persoal. Durante anos, as e os profesionais levan asumindo unha carga de traballo excesiva ao ter os centros educativos unha dotación de persoal inferior á establecida. Estas situacións xa son habituais e provocan un clima laboral conflitivo. As baixas non son substituídas e xa son asumidas de facto polo resto do persoal.
Ademais, existe presión por parte dalgunhas direccións que, coñecendo as carencias de persoal, obrigan ao persoal non docente a traballar como se estivese o cadro de persoal completo.
Esta política de xestión de persoal non só dana a saúde das que traballamos nos centros educativos. Tamén deteriora a calidade do servizo público que se presta á cidadanía.
| A pesar de que a Administración nin cumpre as súas propias rateos, temos que lembrar que as vixentes son claramente obsoletas. Foron impostas hai anos (....) por decreto e non responden á realidade actual dos centros educativos nin ás necesidades do servizo público. E daquelas se fixo sen negociación colectiva, o que supón unha vulneración dos dereitos laborais do persoal, xa que a rateo determina directamente a carga de traballo do persoal. |
Desde a CIG esiximos abrir unha negociación real e inmediata das rateos no marco do Acordo de condicións de traballo do persoal non docente dos centros educativos.
A continuación recollermos algúns exemplos que, lonxe de seren casos illados, amosan unha realidade xeneralizada en moitos centros educativos do país:
- IES con arredor de 610 alumnos e alumnas no curso 2025/2026 e unha soa administrativa para a xestión do centro.
- IES no que, tras unha obra que aumentou notablemente os metros cadrados do edificio, mantense sen cambios a dotación de persoal de limpeza: dúas compañeiras a xornada completa e unha a media xornada.
- IES con ampliación de 1.600 m² no curso 2022/2023 que continúa coa mesma dotación de limpeza (2,5 efectivos) existente antes das obras.
- CIFP con ciclos de cociña que conta formalmente con cinco axudantes, dos que un deles ten adaptación de posto polo que hai tarefas que non pode realizar. Tras ampliar as instalacións en arredor de 600 m²con novos espazos de pastelería, panadería, etc., non se reforzou o persoal, malia o evidente aumento da carga de traballo.
- CEIP onde as coidadoras teñen 11 ou 9 alumnos/as por persoa para a súa atención, cando a rateo máxima está establecida en 6 alumnos/as.
- CEIP que conta cun oficial de cociña e ten 100 comensais (xa o curso pasado estaba e noventa e moitos) 25 por enriba da rateo.
- CEIP que conta cunha oficial de cociña e unha axudante e ten 165 comensais (xa estaban así o curso pasado e este infórmannos que deixaron fóra a unhas 50 crianzas)
- CIFP que conta con 1800 alumnos onde na actualidade conta con 2 Auxiliares administrativo + 1 xefa de secretaría (cando debía de ter 4), 5 postos de persoal de limpeza (que deberían ser 6) e 4 persoal subalterno (debendo de ser 6). A pesar de que a dirección leva solicitando o incremento de persoal, séguese a atopar coa mesma resposta que tivemos nos por parte de función Pública: "até unha nova negociación da RPT non se pode realizar este incremento de persoal"
Dende a CIG reiteramos a denuncia do incumprimento sistemático das rateos nos centros de ensino público de Galiza e loitaremos para que se respecten as normas establecidas pola propia Consellaría. Defendemos un acordo para o persoal non docente que repercuta non so nunha mellora nas condicións de traballo do propio persoal senón na consecución duns servizos públicos de calidade para a cidadanía.
Se queres informar sobre a situación do teu centro contacta coa CIG
- Detalles
No DOG do 11/02/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2026 pola que se convocan as actividades formativas de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2026.
Poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galiza; da Administración de xustiza; das entidades locais de Galiza; e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (en adiante, PTXAS) das universidades do SUG, que se atopen en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral).
Co obxecto de impulsar a normalización lingüística na Administración convócanse corenta e un cursos de linguaxe administrativa galega e sete de linguaxe xurídica galega.
Cada persoa só poderá solicitar un dos cursos convocados.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e ata o 18 de febreiro de 2026.
- Detalles
No DOG do 11/02/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2026 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e para o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).
Convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas que figuran no anexo II, que se deberán desenvolver segundo as bases detalladas no anexo I.
Poderá participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamiento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza; da Administración institucional de Galicia; da Administración de xustiza de Galicia; das entidades locais de Galiza; e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (en diante, PTXAS) das universidades do SUG, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria para cada un dos casos no anexo II.
O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a tres.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e ata o 18 de febreiro de 2026.
- Detalles
A Seguridade Social confirma que xa se poden tramitar as xubilacións anticipadas dos axentes forestais. Após a aprobación do Real Decreto-lei 3/2026, quedan desbloqueados os procedementos e están dispoñibles os modelos e aplicacións necesarias.
Após o requirimento presentado pola CIG, a Seguridade Social comunicounos que xa é posible iniciar a tramitación das solicitudes de xubilación anticipada do colectivo de axentes forestais e medioambientais, ao quedaren plenamente operativos os procedementos administrativos necesarios. Na súa resposta, o INSS confirma que existen modelos normalizados de certificado e que os sistemas informáticos están xa adaptados para aplicar o coeficiente redutor do 0,20 por ano completo efectivamente traballado, nos termos previstos no Real Decreto 919/2025.
Na mesma contestación, a Seguridade Social explica que, aínda que a norma que recoñece este dereito entrou en vigor o 25 de decembro de 2025, a súa aplicación quedou paralizada ao non ser convalidado polo Congreso o Real Decreto-lei 16/2025, que establecía a cotización adicional necesaria. Este Real Decreto-lei foi derrogado o 27 de xaneiro de 2026 após o voto en contra de PP, Vox e Junts, o que obrigou á aprobación dunha nova norma con rango legal.
Finalmente, esta situación quedou resolta coa publicación do Real Decreto-lei 3/2026, de 3 de febreiro, que restablece a cotización adicional para o colectivo, con efectos dende o 25 de decembro de 2025, permitindo así a aplicación efectiva dos coeficientes redutores e o inicio da tramitación das solicitudes.
Dende a CIG-Autonómica denunciamos a situación de incerteza que vimos sufrindo con este dereito que logramos introducir na Lei básica de axentes forestais, mais valoramos que o requirimento presentado contribuíu a clarificar a situación e a reactivar os procedementos paralizados nas oficinas da Seguridade Social. Agora instamos a que a tramitación das xubilacións anticipadas se efectúe con normalidade e sen máis atrasos.
- Detalles
A DXEP envíanos o borrador das bases da convocatoria do concurso de varias escalas (educador/a e educación infantil, auxiliares coidadores, xerocultores e persoal de servizos xerais) e o listado de postos vacantes.
Se tes algo que dicir das bases ou do listado de prazas, contacta coa CIG.
- Detalles
A CIG-Autonómica asistiu o sábado 7 de febreiro á xuntanza dos grupos de traballo do Proceso social de Lingua Vital, que tivo lugar en Compostela, para concretar o texto do Protocolo Lingua Vital.

O obxectivo da xuntanza do Proceso social de Lingua Vital, do que a CIG-Autonómica forma parte, foi concretar o protocolo de actuación ante a emerxencia lingüística do galego. Este protocolo parte dos obxectivos e dos acordos estabelecidos arredor da lingua e fornece accións concretas que comprometen na defensa activa do galego tanto aos poderes públicos como ás entidades sociais.
A CIG-Autonómica sumouse a este proxecto activamente, coas achegas sobre a Administración autonómica, encadrada no sector de servizos públicos. A normalización, fomento e revitalización da lingua galega na nosa Administración é un dos alicerces da CIG-Autonómica, e un obxectivo no que este Protocolo de Lingua Vital vai ser unha peza clave e un impulso renovado e forte para reverter a situación actual. O texto recolle medidas claras e definidas colectivamente coas que aumentarmos a presión nos poderes públicos para reverter a emerxencia lingüística.
A praza da Quintana de Compostela acollerá o vindeiro 14 de marzo unha asemblea aberta multitudinaria na que Queremos Galego presentará este protocolo, resultado do Proceso social.
Participa! Agardámoste!
Lingua Vital xa!
- Detalles
O Servizo Territorial do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) en Ourense atópase nunha situación crítica como consecuencia da falla de cobertura de postos de traballo.
Segundo a propia estrutura oficial da Administración, o Fogga de Ourense debería contar cunha dotación de 14 postos; porén, na actualidade, o servizo funciona con só 8 persoas, após a retirada de efectivos sen substitución, por despedimento ou por comisión de servizos.
Campo de cereal na Limia (Ourense) o 5 de febreiro de 2026 © CIG-Autonómica
Esta infradotación obriga ao persoal existente a asumir unha sobrecarga de traballo estrutural, o que afecta directamente á tramitación, control e aprobación das axudas da PAC, nunha provincia cun marcado carácter agrogandeiro e cunha economía fortemente baseada no sector primario.
Ante esta situación, dende a CIG vimos de solicitar formalmente á Dirección Territorial da Consellaría do Medio Rural en Ourense a cobertura inmediata dos postos vacantes, ben mediante a súa oferta en comisión de servizos ou, se non é posible, a través das listas de persoal interino.
A mala xestión de persoal da Xunta non pode recaer nin no persoal nin no rural ourensán!!
- Detalles
O 3 de febreiro tivo lugar unha convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude. Consonte a orde do día, tratamos a adaptación do CSSL á nova estrutura orgánica, a escolla de presidencia e secretaría e a proposta do regulamento do comité. Tamén se nos informou da situación das medicións do gas radon nas súas instalacións.
Escolla da presidencia e secretaría do CSSL
A Consellaría propuxo que a presidencia do comité recaera na representación da Administración, e que as persoas delegadas de prevención propostas polas organizacións sindicais nos encargásemos da secretaría. Porén, por parte da CIG realizamos unha proposta consonte o regulamento do comité, consistente en que tanto a presidencia como a secretaría sexan rotatorios, é dicir, que a presidencia tamén poida ser asumida polas delegadas e delegados propostas/os polas organizacións sindicais.
A Administración non agardaba esta proposta e UGT e CCOO sinalan que teñen que consultalo coas súas organizacións, polo que nos emprazamos para a seguinte reunión do comité para tratar de consensuar a representatividade do órgano conforme ao regulamento.
Medicións de gas radon
Canto ás medicións de gas radon nos centros e instalacións dependentes da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, indican que nos irán achegando os resultados segundo se vaia dispoñendo deles, para cumprir coa Instrución IS-47, do 9 de abril de 2025, do Consello de Seguridade Nuclear.
Neste aspecto a CIG manifestou a preocupación que existe no Museo Etnográfico de Ribadavia, por tratarse dunha construción antiga e con dependencias de pouca ventilación, e transmitímoslles que nalgún edificio próximo obtivéronse resultados moi elevados da presenza de radon.
Outros asuntos
Por parte da CIG trasladámoslle ao comité as carencias do persoal arqueólogo á hora de levar a cabo as inspeccións de campo, ao que a Administración respondeu que xa tiñan constancia desas queixas e que estaban traballando para solucionalo.
Tamén abordamos algunha das particularidades e condicións de traballo dos museos, e transmitimos, entre outras cousas, que nalgúns casos existen xornadas laborais abusivas.
- Detalles
No DOG do 03/02/2026 publican a RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se dá publicidade á campaña da vixilancia periódica da saúde para o ano 2026 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza.
É aplicable a todos/as os/as traballadores/as da Administración xeral da Xunta de Galiza, agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ao persoal dos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.
A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible no Portax (Portal do empregado público da Xunta de Galiza) ou do Opax (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).
O prazo de inscrición rematará transcorridos 4 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

